Xosé_Alfredo_Naz

Compartir

Gañador do XI Certame de relato "Avilés de Taramancos"  en 2012

"Para min escribir e unha autoterapia pero non teño pensado facer carreira neste eido"

"Agardo que os que lean 'O sorriso de Hitler' o pasen tan ben coma eu escribíndoo, aínda que é un relato cruel, moi cruel"

"Canto máis les, menos sumiso vas ser"


Calquera que coñeza Noia sabe que a armadura está na Tasca Típica, no Pazo Dacosta

    O escritor Xosé Alfredo Naz Fernández (Vigo, 1972) é profesor de Matemáticas. Xa gañou o certame Ánxel Fole, o XXXVI de narracións curtas "Modesto Figueirido" e o "Ciencia que conta" de 2009. Falamos con el na rúa Pero Sardiña de Noia, enfronte ao señorial Pazo Dacosta, do século XIV. Foi o 23 de xuño, na véspera do San Xoán, o día das fogueiras, cando lle entregaron os 3.000 euros de que consta o galardón, así como o seu relato, "O sorriso de Hitler", publicado pola editorial noiesa ToxosOutos. 

    .- Xa leva varios premios literarios: que supón agora o "Avilés"?

     .- Para min é o cumio, pois ata agora os premios que fun tendo eran de relatos pequenos e este é o máis longo que me premiaron ata agora, ao que teño que engadir o prestixio deste certame, que é bastante recoñecido. Para min é un gran paso adiante neste "hobby" que eu teño de escribir.

     .- Entón é un "hobby"? sen máis? Non pensa facer carreira como escritor?

     .- Para min escribir é unha autoterapia. Foi unha vocación moi tardía: a min gustábanme moito os cómics e déuseme algunha vez por comezar a escribir algo e tiven sorte, logo de mandar a varios certames, de que fosen premiados. Non descarto facer algo máis grande ou máis longo, pero os meus obxectivos son humildes e estou moi agradecido ó que vaia chegando, pero profesionalmente non teño esta meta.


     .- Que se vai atopar o lector do relato premiado, "O sorriso de Hitler"?

     .- Eu agardo que o pase tan ben como o pasei eu escribíndoo. "O sorriso de Hitler" é un relato cruel, moi cruel, pero está aliñado con moitas influencias televisivas e fílmicas, e é moi fácil de ler. É cruel pero é real, está baseado en feitos que aconteceron durante a Segunda Guerra Mundial. O fío conductor vén sendo a decadencia do ser humano, de como vai caendo unha persoa que nun principio ten uns valores morais e éticos e que pensa que nunca vai dar un paso alén dos seus límites e, sen embargo, a supervivencia e outros factores son quen de tirar por terra toda a ética desta persoa. O título fai referencia ao incrible que pode parecer que Hitler arrastrase ás masas que arrastrou, de como conseguiu fanatizar á xente. Deixa un pouso para reflexionar, inda que, insisto, é cruel.

"Hai que ser apóstol da lectura nestes momentos nos que a humanidade nunca tivo tanta información dispoñible pero hai demasiada lectura visual, demasiada imaxe"

     .- Vostede é dos que fan apostolado da lectura ou hai que deixar tranquila á xente?

     .- Obviamente, hai que ser apóstol da lectura, sobre todo nestes momentos nos que a humanidade nunca tivo tanta información dispoñible, nos que se comproba que nunca o ser humano puido estar tan ben informado, e sen embargo, o que falta é ler máis. Eu penso que hai demasiada imaxe, demasiada lectura visual, pero non damos lido de xeito que nos quede no maxín. Eu creo que é necesario ler e que canto máis les, menos sumiso vas ser. Iso non ten volta atrás.


Naz Fernández admira ao autor (xa finado) Gary Jennings

     .- Hai expertos que sinalan que, máis que os xornais e os libros de Historia, hai novelas que captan mellor a esencia do que pasou en determinada época. Pensa vostede escribir unha novela sobre este tempo?

    .- A novela, sobre todo a histórica, fai máis pola Historia e polas lembranzas, e polos feitos, que o propio estudo da Historia. Pasaremos á Historia os de agora? Obviamente, estamos nun tempo de crise no que acontecen moitas cousas bélicas, hai unha gran diferencia entre o terceiro e o primeiro mundo, estamos todos afectados por esta globalización e, por suposto, terá que haber novelas que fixen o que está a pasar agora. Pero xa que a escriba eu é moito supoñer.

"Estou coa teima de que hai que ler  literatura galega e, sobre todo, sigo aos 'novos'"  

     .- E que le vostede? Ou a quen?

     .- O meu autor preferido en novela histórica é Gary Jennings. Dalle mil voltas a Ken Follet! Pero eu estou coa teima de que hai que ler literatura galega e, sobre todo, sigo aos "novos". Xente como Diego Ameixeiras, Francisco Castro e desta xeración. Eu divido dous bloques na literatura galega actual: os xa clásicos como Suso de Toro (Tic Tac é, por exemplo, unha novela que hai que ler cada certo tempo) ou Manuel Rivas, ou Carlos Reigosa (Crime en Compostela tamén é das novelas que hai que repasar) e os máis novos. Pero nada de lecturas obrigatorias: eu aconsello que a xente se achegue á literatura, á galega, á de calquera parte do mundo, para divertirse. E tamén sosteño que hai que "vivir" máis no pasado, ler o que aconteceu, para explicarmos a realidade actual e saber que facer ante os problemas que se nos presentan.



Chuza esta nova
Compartir

Chuza esta nova
Publicado: lunes 02-jul-12
Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Discos
Páxina seguinte: Webs