Imprima esta página

Os_xornalistas

Xoga un papel importante na nosa sexualidade a profesión que desenvolvemos?

Cando unha mira a un carniceiro non pode deixar de imaxinalo fozando as carnes da súa dona, ou cando miramos unha perruqueira imaxinámola dándolle axóuxere ao seu home, pero non todos os traballos nos dan pistas fidedignas. Tratarei de facer un estudo científico-imaxinario da brincadeira nas distintas profesións, e vou comezar polo xornalista 2.0.

 

galería de simplethingsuask

Flickr de simplethingsuask

Os xornalistas monógamos non son amantes estables. Teñen o pernicioso costume de quedar “informándose” no ordenador ou no televisor ata avanzadas horas da noite e as súas parellas quedan durmidas, fartas de esperar.

Isto sucede de luns a venres. Rara é a muller de xornalista que chegada esta data no almanaque non ande co bico de enriba torto e o de abaixo esfameado. Pode que o sábado caia un canivete pero cando o xornalista estende as plumas de pavo real é os domingos, o seu día ideal, ese no que merca todos os periódicos habidos e por haber, cos seus dominicais e especiais e os reparte entre o sofá e a cama.

Ao xornalista gústalle mais que nada no mundo pasar o día do Señor a ler, a ler e a choutar, a comer, a comer e choutar, e choutar e choutar. Nun único día á semana eleva as estatísticas da media nacional en número de relacións sexuais.

Flickr de from a second story
Flickr de from a second story

Ao xornalista varón acostuma gustarlle compartir vida cunha muller estudada, para falar e consultarse con ela, pero o domingo impórtalle pouco a cultura da súa moza. O que deveza é que estea saída coma gata na xaneira. A teima de tela toda a semana a pan e allo non é mais ca un recurso do seu subconsciente para que, chegado e santo día, a mulleriña estea piouchando coa paxara. Gústalle que cheire a casa toda aos arumes que arrecenden as femias humanas cando buscan monta.

Ao xornalista encántalle que ela lle rañe as costas e lle asubíe na orella:

-Xa non podo máis! Estou que fervo!

Maila que durante toda a semana insinuacións de este estilo deixalas correr, hoxe empínaselle aquilo. O xornalisteiro tamén sabe de instintos. O seu  lévao a darlle acougo á bolboreta que lle emprestan coma calquera home de ben. Agora vai demostrar que é un homo sapiens, un mono con praceres cultivados.

 

 

flickr de Nuran´s

flickr de Nuran´s

Como cabe esperar o astro rei do xornalista é a lingua. O xornalista fai unhas lambidas cum laudem  porque éche un linguareteiro e non hai home no mundo ao que lle guste máis recibir nos beizos a crecida da marea. Non ten pereza, cómo había de tela si para el non é traballo ningún estar a lamber, a chuchar, a beliscar, a furar, a relamber...!

 

Dusty Allen Smith
Flickr de Dusty Allen Smith

O xornalista inspírase moito mentres fai esta agradable laboura dominical e as veces pensa que mesmo a súa creatividade provén destes zumes sagrados. Hai que deixalo solo cando está a remexer, coa cara toda mollada e o ferragacho a piques de estoupar choutando en solitario. Solo cando a moza tivo o seu éxtase (un ou varios, el prefire as mulleres multiorgásmicas, aínda que non lle dan noxo as de orgasmo unitario) penétraa coa conciencia tranquila, a pracer, dálle que dálle, veña que vou. Hai que sacarlle o sombreiro ao xornalista aos domingos. Aínda que o resto da semana sexa un sinsal.

Todos os artigos publicados por Susana Moo en Certo, aquí


Páxina anterior: Susana Moo
Páxina seguinte: Susana_Moo_castellano