Terbutalina
Grupo de Muros que practica o gastro-punk
"Para decidir cantos temas van en cada gravación seguimos un algoritmo""
"A Mariano se le habla en un idioma como dios manda, no se le habla como a las vacas o a los centollos""
"O de que os nosos temas son sucios é para disimular que tocamos coma o carallo"

Dous dos compoñentes de Terbutalina, Migui "Hostia" e Brais ao teclado
Xa hai tempo que están a incordiar polos palcos, váteres e entarimados de todo o país galego e incluso do estranxeiro. Se a definición clásica de punk fose -hai que poñer en dúbida a wikipedia- "a loita constante contra as repercusións sociais", os Terbutalina axustaríanse bastante, aínda que a eles ghústalle máis desir que non teñen "verjonsa" (vergoña é moi académico e non comulghan nin con Méndez Ferrín). Ao do punk engádenlle a etiqueta "gastro" e non sabemos aínda se é porque che entra fame cando os escoitas, se a razón é que compoñen coas tripas ou se o único que buscan -e é unha busca honrada- é encher a barrigha alghún día co que tocan. Nós non temos nin idea de música pero estes tipos van ser ghrandes, seghuro que máis que Nova Galicia Banco. Entrevistámolos co gallo (e co galo de Ubaldo co pescoso retorsido xa) do seu novo EP: "Hostias para todos". Un tema que os lanzou á fama porque estaba adicado ao xa ex-alcalde de Santiago (alguén sabe se saíu do Opus?) Gerardo Conde Roa cando fora daquela do 15M que acampara no Obradoiro e ao político defenestrado amoláballe moito. Os Terbutalinos, que son moi sentidiños, puxéronse na súa cachola e sacaron de ves o que opinaba. Pero deixémonos de lerias e, namentres van lendo a entrevista tola que nos respostaron, xa poden descargarse "Hostias para todos" desta ligazón.
Vídeoclip oficial de "Suisidarse", un dos temas de "Hostias para todos"
.- Amighiños: están os tempos como para sacar o primeiro vídeoclip titulándoo "Suidisarse"?
.- Os tempos están mal, pero nós estamos peor.
.- Nese vídeo saen as "forzas vivas" do pobo caciquil de toda a vida: o barbeiro, o cura e a que parece muller do alcalde levando a seu fillo a pelar. Fáltanos o médico ou o boticario: onde foron?
.- Por agora somos cinco e non dabamos para desempeñar máis papeis. Para o próximo disco esperamos incluír na banda a máis xente: unha saxofonista, un trompeta e un grupo de coristas e así xa poderemos actuar como boticarios, médicos, taxistas, sifilíticos, profesores de matemáticas e todo ese escuro mundo.
Capa do novo traballo
.- Este novo EP toma nome dunha canción de Broncodilatador na que o voso particular Conde Roa prometía "Hostias para todos". Algún de vós sabe onde comulgha aghora Conde Roa?
.- O tema de "Hostias para todos" non estaba no Broncodilatador. Está incluído no recopilatorio Galician Bizarre II, que sairá á luz proximamente. Agora Conde Roa está na casa meténdose terbutalina en vea e dilatando a alma por enriba das súas posibilidades. Vuelve, Gerardo!
.- Gravastes o voso primeiro EP en L.A. Onde fica iso?
.- Nos Estados Unidos de América. Está moi ben, aínda que nós sentímonos un pouco raros alí debido ao baixo índice de rotondas per cápita.

Estes perigosos individuos parecen Mon e o poeta Samuel L. París. O batería camuflado é Carlos
.- En Broncodilatador lanzastes 15 temas. Agora son 7: meteuvos a tesoira Rajoy tamén a vós?
.- Para decidir cantos temas incluímos en cada gravación seguimos un logaritmo. A fórmula ten en conta as seguintes variantes: a presión atmosférica relativa en Ceilán durante o desenvolvemento dos derbis rexionais entre Muros e Esteiro de cadetes, os mililitros de saliva segregada por un cura de Caldebarcos ao ver oitenta fotografías de fillos de exdeputados do parlamento galego, o número de vogais pronunciadas por Tomás Roncero na súa última aparición televisiva, a forza (expresadas en Newtons) exercida polos collóns dun minotauro contra o chan cando sinte a expresión "España, bajo la lupa de los mercados" e os pelos que lle caen na ducha a Super Piñeiro ao longo do último mes de choivas monzónicas. Estas variables, logo de diferentes operacións, dan como resultado o número de temas que a Terbutalina inclúe nos seus traballos. E, só jodería, temos que nos adecuar a esas directrices autoimpostas. Iso si, cando non nos parece ben, só incluímos nos discos as que podemos e pista.
.- Falando de Mariano: aínda lle seguides querendo? Cando llo pensades dicir en galego?
.- A Mariano se le habla en un idioma como Dios manda, no se le habla como se le habla a las vacas o a los centollos.
.- Fostes gravar "Hostias para todos" a Portugal: ten iso algo que ver con aquel mítico álbum de Siniestro?
.- Ten que ver con que todos os estudos de gravación cos que contactamos (e que nos contestaron) non tiñan un oco para gravar nos prazos que precisabamos, pois tiñamos présa para poder enviar a tempo o tema que incluímos no Galician Bizarre II. Víctor Manelson, o noso técnico nas gravacións, falounos dese sitio, e alá fomos. Non é que sexamos máis lusistas que Carvalho Calero; coincidiu así.

Aquí falta un
.- Xa estades negociando con Freixanes o vindeiro traballo como e-book musical en Galaxia? Ou só era unha promesa electoral tipo PP que fixestes no concerto de Vitaminas para o galego?
.- Como toda a xente de éxito neste país, mentimos.
.- Dicides que os temas deste novo disco son "directos e sucios". O de sucio é porque non vos preocupa tocar nun váter?
.- O de sucio é un xeito de disimular que tocamos como o carallo. Parece que tocamos así por propia vontade, pero o certo é que non damos máis. E tampouco penses que nos importa.
.- Moitas "hostias" nas cancións pero non vemos ningún tema adicado a Rouco Varela. Ou é o de "Teu corpo pide jerra"?
.- "O teu corpo pide jerra" é a única balada que nos permitiremos tocar en toda a nosa carreira musical.
.- E última: din as malas linguas que vós sodes os inspiradores do xeito de gobernar de Mariano Rajoy -mellor arriscarse e que rompa-. Confirmádeo, sacádevos a careta xa!
.- Zapatero tiña a Suso de Toro como asesor. Mariano ten a Terbutalina. E é mellor? Abonda con mirar a súa maioría absoluta.
Antes publicamos:
