Sheikh_Khoyele_Al-Hassan

Compartir

      Na pista de terra que conduce cara ao solpor, saíndo xa de Asosa, consérvase un edificio monumental que racha totalmente co modelo aquitectónico das casas Berta. Dentro dun terreo valado, sobre unha pequena plataforma de terra, érguese unha estrutura circular, de paramentos de adobe e cuberta cónica de palla, apoiada en 33 postes de eucalipto dispostos perimetralmente, definido un espazo anexo, a  xeito de adro. Como no chuviñento país noso, a xentiña reuníríase aquí na estación húmida, como así se facía nas parroquias galegas, no adro cuberto da igrexa, espazo de negociación da comunidade por excelencia.


         Unha porta de madeira maciza, antigos buratos de poste e unha fiestra de aluminio, amosan unha reforma construtiva relativamente recente. Este monumento, edificio histórico máis sobranceiro da cidade, era a corte de Xustiza do xefe local Sheik Khoyele Al-Hassan. Este home era membro da elite local conformada por unha serie de familias que abrazaron o Islam e detentaron o poder na zona… deica hoxe. A finais do século XIX estas terras se atopaban entre dúas grandes estruturas políticas: o Imperio británico en Sudán e mailo Imperio etíope. En tempos revoltos e zonas de fronteira, nas que se sabe o que pasou pero non o que pasará, as xefaturas locais, o poder tradicional ten que ser dabondo intelixente para amoldarse á situación. Trátase de materializar un enfoque clásico dentro da Historia política mundial: que pareza que todo cambia para que nada cambie. A aculturación e maila adhesión a unha nova crenza (neste caso o credo musulmán) por parte destas familias de potentados veu dado pola súa necesidade de autoafirmación con respecto ao resto da comunidade, e polo prestixio que daquela (e aínda agora) confería a relixión de Mahoma por eses lares.


         Relixión, política e identidade van collidas da man: primeiro a espada e despois a cruz, a media lúa ou o que sexa. Na Península Ibérica, no século VIII déronse numerosos casos de familias visigodas convertidas ao Islam. Esta asimilación relixiosa garantía a detentación do control do territorio e a estabilidade. Nas guerras de relixión en Centroeuropa nos séculos XVI e XVII chegouse a aceptar o principio político do cuius regio eius religio, é decir, nos estados alemáns a crenza abrazada polo príncipe de turno pasaba a ser a relixión dos seus vasalos. Outro caso interesante é o éxito das diferentes tendencias do protestantismo nas comunidades xitanas do noso país, tanto das zonas periurbanas ou rurais. Unha maneira máis de diferenciarse dos payos.


         Para poder entrar na corte de xustiza e solicitar os permisos á autoridade local para inicia-las sondaxes arqueolóxicas, achegámonos co Toyota á casa dunha das mulleres do xefe local, Al-Mahadi-Abdurraman, neto do ínclito Sheik Khoyele Al-Hassan. Como vos dicía, aquí seguen mandando os de sempre. Josele debeu ser un tipo bastante vivo; controlaba o mercado de escravos na zona e o comercio transfronteirizo. A unión de Benishangul con Etiopía, cara ao 1898, consolidou a súa posición grazas ás prebendas recibidas dende Addis Ababa, da man do negus Menelik II; por outra banda, enfrontarse aos británicos era unha posibilidade simplemente propia de idiotas, naquel tempo. Pero, con todo, non era o momento de lembrar esta conxuntura nin de colgarlle o cartel de advenedizo a Josele, entre outras cousas porque segue sendo venerado a día de hoxe coma un gran home entre os Berta. O seu Mausoleo mantén incólume todo o seu poder simbólico. Al-Mahadi non se atopa na casa; marchou xantar ao fogar da súa segunda muller. Tan pronto chegamos vemos saír tres homes altos, coas súas túnicas brancas, impolutas, tocados cun pucho branco. Os rapaces que nos acompañan adoptan unha actitude de respecto e até veneración.


         O xefe rememora a figura do seu avó, como lembrándonos a todos a liña xenealóxica que o une coa lexitimidade dun poder que provén da noite dos tempos, dun poder que se mantén dentro e á marxe do sistema; todos os descendentes das elites locais monopolizan o corpo funcionarial do Estado-Rexión e recrean a súa propia visión do pasado, a Historia que lles convén para os seus intereses e para conservar o seu prestixio. Neste contexto, non resulta nada anecdótica a presenza do retrato de Josele no futuro Museo local.

         Abderraman comenta que perto da corte de xustiza, á dereita da pista, se conserva o solar no que se atopaban os almacéns e o terreo no que están as ruínas do palacio ou principal residencia do seu avó. Mentres fala, unha muller sae presurosa pola porta principal e, bulindo, pasa entre nós, toda cuberta. É unha das esposas do xefe. A escena impáctame bastante. Dende que cheguei a Etiopía, un se vai acostumando á vida da rúa, ao colorido da xente, á presenza da muller en tódolos eidos da vida cotiá, á variedade de estilos e maneiras de vestir, á fermosura das rapazas, independentemente da raza, da cor da pel ou da cultura á que pertenzan. A ocultación da muller foi algo novedoso para min. O profesor, Cerdedo e Laclau xa estiveran por terras de Exipto e de Sudán e non lles collía e novas.


         Saímos cara á corte de xustiza co xefe e mailo seu séquito. Unha multitude curiosa agólpase ao redor do edificio. Un grande poste central contribúe a sustentar a cuberta; o interior, inzado de contrastes luminosos, de claroescuros, impresiona. No centro, Abderraman, co seu bigote autoritario, fala co Profesor de barbas brancas que seca as mans cheas de suor contra a camiseta, adornada cunha efixie do Che Guevara. Miles de cubanos morreron pola Revolución en terra africana. Só a partir de 1989 comezou a poboación da illa a coñecer os listados dunha sangría nefasta. Os camposantos están cheos de heroes.

         Para poder traballar aquí cómpre levarse ben con todo o mundo, respectar as xerarquías e á dinámica que segue cada administración. Etiopía é un Estado federal, que conta cun Ministerio de Cultura e algo así coma unha Comisaría de Escavacións Arqueolóxicas que é a instancia que concede os permisos ás misións estranxeiras e elixe o inspector encargado de acompañarnos durante a realización da investigación. O Estado organízase en diferentes territorios autonómicos, subdivididos á súa vez en provincias ou weredas. Dentro de cada wereda existen unidades municipais artelladas en torno a núcleos de poboación importantes, alcumados kebeles. Por moito permiso central, estatal, autonómico, etc… que un teña, ten sempre que falar cos representantes das distintas instancias, así coma co xefe da aldea, o último escalón na pirámide administrativa. Coa venia de Abderraman, que ademais vén sendo algo así coma o Conselleiro de Cultura, non teremos problemas nos vindeiros días para contribuír a recuperar a memoria histórica e reivindicar –aínda que sexa sen querer- a figura do seu avó.

Faranji é o complemento da exposición fotográfica 
"Onde as rúas non teñen nome: unha ollada etnoarqueolóxica ao pobo gumuz".
Comisariada por Sonia García Rodríguez (LAPA, CSIC), vai percorrendo Galicia.

Capítulo I: Abisinios

Capítulo II: O negro Belarmino

Capítulo III: 'España 82

Capítulo IV: D.E.P.

Capítulo V: Etnoarqueoloxía

Capítulo VI: Esto no es Abisinia

Capítulo VII: Sidi-Ifni

Capítulo VIII:  Live Aid

Capítulo XI: París la Nuit

Capítulo X: Alí Ben Maquía

Capítulo XI: Rumbo ao Sur: Oromía

Capítulo XII: Gurage coma ti

Capítulo XIII: Lucy Room

Capítulo XIV: Rastafari

Capítulo XV: Tieist

Capítulo XVI: Falasha

Capítulo XVII: China Town

Capítulo XVIII: A feira do 25

Capítulo XIX: Save the Children

Capítulo XX: Terra de misión

Capítulo XXI:  Sheikh Khoyele Al-Hassan

Todas as colaboracións de Xurxo Ayán en Certo, aquí


Compartir

Publicado: sábado 17-jul-10

Agregar Comentario

Agregar Comentario

Su nombre(*):
Comentario(*):
 

Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Faranji (Limiar)
Páxina seguinte: Mozos_que_pasan