Serafín_Marcos

Compartir

Profesor de música e performer noiés

"A cultura nunca ten apoio suficiente, e temos que estar sempre insatisfeitos, porque se non o estamos non buscamos nin esiximos máis"

"Os rapaces son un público ideal para min, pois non teñen ese costume dos adultos de respectar o espectáculo, participan máis e eu provócoos"

"As novas tecnoloxías úsoas pero non as domino. As redes sociais, para os que case non temos tempo libre, parécenme unha perda de tempo"


Serafín Marcos no claustro do Concello de Noia

    Unha performance, para o que non estea habituado a esta verba, é unha mostra escénica, cunha importante compoñente de improvisación, na que se busca a provocación e o abraio, pero tamén un sentido da estética. Serafín Marcos é xa un especialista na performance como acción poética, na que busca transgredir sen buscar o escándalo doado ou a provocación carente de sentido. O artista noiés mira ao seu arredor e transforma actos cotiás nun xogo de verbas. Grandes cerimonias que tendían á pompa pasan a ser, nas súas mans, un espectáculo de fina ironía -ás veces con verbas grosas- nos que fai rir (ridiculizar vén de atraer a risa) sen ferir. Falamos con el logo dunha performance na que se puxo a mexar no mesmo salón de plenos do seu concello, o de Noia, na presentación da mostra de curtas "Vila de Noia" deste ano 2010.

    .- Lévalle moito tempo preparar este tipo de accións?


    .- Esta última está estudiada dende fai uns días. Este tipo de performances que fago nas presentacións non me levan moito tempo. Neste caso o que fixemos foi empregar a imaxe do cartel (catro persoas mexando contra unha parede) e poñerlle palabras, xogar coa verba "curtas" e falar do cinema. Ademais, como este rapaz (Miguel Ponte) sabe moito de cine, aproveitei para improvisar unha charla con el sobre este tema, do xeito máis natural, como cando estás mexando con alguén ao lado ao que coñeces.

    .- E onde aprende un a facer este tipo de performances?

   .- Non teño unha formación académica, pero estiven sempre vinculado ao teatro antes de comezar a estudiar no conservatorio e a dar clases nel. (Estivo en Ribeira e agora está en Noia). Estiven tempo na Sala Galán de Santiago cos do grupo Matarile Teatro. Deixeino con eles cando comecei a traballar no conservatorio de Ribeira. Cando empezas a traballar require máis dedicación, e abandoneino un pouco, pero sempre estiven vinculado semiprofesionalmente. Con Matarile é con quen aprendín máis.


Marcos formouse a nivel dramático con Matarile Teatro en Santiago

   .- Cando comezou coas performances sobre persoeiros das Letras Galegas?

    .- Foi no 2003, cando llo adicaron a Avilés de Taramancos. O malo das actividades das Letras Galegas é que se centran no mes de maio exclusivamente, e un pouco en abril. En teoría debería ser todo o ano para o persoeiro ao que llo adican, pero as actividades quedan datadas todas no 17 de maio, un día despois e un día antes. E claro, eu paso un mes de maio agobiado, sen poder ir a sitios aos que me chaman porque xa non teño datas e o resto do ano case non podo facer nada. O que fago é reciclaxes: ás veces emprego fragmentos desas performances noutros actos, porque é un traballo que xa teño feito e memorizado.


    .- Como recibiron este ano os rapaces a performance sobre Uxío Novoneyra?

   .- Moi ben. Como levo tantos anos xa sei como reaccionan os rapaces, sei o que lles gusta. Nas primeiras representacións fago probas e ao mellor, partes que eu non considero importantes, ao ver que a eles lles gusta, poténcioas un pouco máis. Nun par de representacións xa os teño dominados. Os rapaces son un público ideal para min, pois non teñen ese costume dos adultos de respectar o espectáculo, participan máis e eu anímoos a iso, provócoos. Son moi claros: se algo non lles gusta, velo inmediatamente. E se lles gusta, tamén.


A locuacidade de Serafín Marcos é doada de captar, ata nas fotos

   .- Son un público agradecido entón?

   .- Si, pero tamén che dan caña. Ao ir aos institutos ou colexios tes a vantaxe de que tes a sala chea, cuns espectadores dunha idade determinada que reaccionan dun xeito moi semellante: entón traballas máis cómodo, nese sentido. Non dan aplausos se non lles gusta.  Este ano funcionou moi ben ademais porque Novoneyra ten unha obra moi atractiva para os rapaces, cunha poesía bastante sinxela, moi cercana, fácil de entender, doada de explicar...

   .- Na vida normal, quen ven sendo Serafín Marcos?

   .- Na profesional son profesor de música en Noia. Agora dou clases de guitarra a nivel individual, e nas colectivas que me tocan, este ano dei solfeo. Ademais, fago estas actividades das Letras Galegas, coas que comezo xa a traballar en xullo, en canto deciden o persoeiro ao que homenaxean o vindeiro ano. Os da editorial Galaxia sempre me chaman, e unha serie de colexios, polo que teño que telo preparado con bastante antelación.

   .- Pero terá algún hobby ademais deste oficio de performer e músico?

   .- O meu hobby é o atletismo. Fago unha maratón ao ano, e agora estou preparándome para a de Berlín. (Rise ante a incredulidade do entrevistador e confesa que a camiseta que leva nas fotos é dunha carreira, pero posta ao revés). Desde os 15 anos, cando ninguén corría nin o footing estaba de moda, eu corría aquí con tres ou catro persoas.

   .- Entón o tempo de ocio cómello o atletismo?

   .- Si, entreno e teño que ler un montón, así que pouco ocio teño. Na televisión só miro Bob Esponxa porque teño nenos pequenos, ou como moito, nalgunha fin de semana, así que se deitan os nenos, algún programa que boten, destes que ves media hora coa muller antes de irte para a cama. Escoito máis ben música.

   .- Pero vostede é músico: escoita algo en especial?

   .- Na miña adolescencia era un fan integral de Bob Dylan. Compraba todo (non ao nivel de Freddy, un rapaz que ten aquí centos de discos), pero moito, toleábame a súa música. Con el foi con quen lle collín amor á música. Logo xa vas escoitando a clásica, e agora mesmo estou internándome no Romanticismo, unha época que non me acababa de entrar, pero agora, grazas ao traballo dos meus compañeiros pianistas, e xa que é o centenario do nacemento de Schuman e de Chopin estou adentrándome e descubrindo un pouco máis aos románticos. Pero vamos, dame igual escoito de todo. Iso si, hai música que non soporto, pero do que me gusta, escoito de todo. Aproveito así momentos nos que estou só para poñer clásica, porque claro, cos nenos na casa non podes...

"É moi interesante que haxa tanta actividade cultural en sitios cercanos, como Rianxo ou mesmo Boiro, que duns anos a esta parte, co colectivo Leña Verde, está a facer moitas cousas creativas no audiovisual"


   .- Como ve o panorama cultural en Barbanza e Noia?

   .- A cultura nunca ten apoio suficiente, e sempre temos que estar insatisfeitos, porque se estamos satisfeitos nunca buscamos máis nin esiximos máis. Hai que ser inconformistas en todos os campos, na cultura tamén. Está claro que a cultura é un pouco secundaria: todos queremos que as estradas estean ben, que haxa servizos, pero a cultura vese menos. De todos modos, eu creo que hai un movemento cultural interesante. Fai uns anos que xurdiu a asociación Barbantia, que se move bastante, e ten moito apoio: aí hai bastante xente da cultura. Noia sempre foi un lugar no que a cultura sempre tivo moito xerme. Tamén é moi interesante que haxa tanta actividade cultural en sitios cercanos, como Rianxo ou mesmo Boiro, que duns anos a esta parte, co colectivo Leña Verde, está a facer moitas cousas creativas no audiovisual. Eu estiven tamén alí cando era xoven, cando deixei de selo (risas) escapei. En Ribeira tamén estiveron os de Acción!! que facían obras en directo, e estiveron un tempo con iso. A veces son movementos que xurden e desaparecen. Pero é importante que os mozos vaian tendo contacto con eles (en Noia estiveron os Sacou, tamén).

   .- Como se leva coas novas tecnoloxías?

   .- Ben, non as domino, pero vounas usando cada vez máis. O correo electrónico e a Wikipedia frecuéntoos. Teño moitas invitacións dos amigos para entrar en Facebook pero eu véxoos todas as semanas, así que lles digo: "mándasme unha invitación de amijo no Facebook e véxote todo o tempo! pero ti?" (risas). A min, que non teño moito tempo libre, paréceme unha perda de tempo. Os que teñen nenos pequenos e na parella traballan os dous enténdenme de sobra. Penso que se perde un montón de tempo nestas redes sociais: ata ás veces me agobio cando me chegan moitos correos electrónicos, porque leva tempo contestalos.


A Serafín Marcos descubrímolo hai dous anos, en Porto do Son, na entrega de premios "Historia Medieval de Galicia e Portugal", onde se puxo a tirar unhas xógaras nos caldeiros que tanto emprega nas súas accións poéticas (dende o minuto 2:00)


Compartir

Publicado: viernes 02-jul-10

Agregar Comentario

Agregar Comentario

Su nombre(*):
Comentario(*):
 

Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Discos
Páxina seguinte: Webs