Rafael_Rodríguez_Martínez

Compartir

Director do proxecto arqueolóxico que escava e musealiza o Castro da Lanzada

"A arqueoloxía é unha ciencia social e o coñecemento que xeramos debe ser retornado á sociedade: é imprescindible divulgar o noso traballo"

"Hai que concienciar á xente do valor do seu Patrimonio para lograr

que sexan eles os verdadeiros defensores deste"


Rafael Rodríguez é especialista en cerámica romana do Noroeste Peninsular e está a ultimar unha tese sobre ciclos de comercio na Antigüidade nas Rías Baixas a través da análise do material cerámico.

    O equipo arqueolóxico da Deputación de Pontevedra e o Laboratorio de Patrimonio do CSIC está a escavar e musealizar o castro da Lanzada (Sanxenxo, Pontevedra) durante o verán de 2010. Rafael Rodríguez explícanos a súa concepción da arqueoloxía e o que van facer alí.

    .-De que se ocupa o director dun proxecto arqueolóxico coma este?

   .- De coordinar a todo un equipo de profesionais espectaculares que participan nel e del. A ordear a información e datos que día a día imos recopilando no campo e facer que todas esas pezas comecen a encaixar para aclarar un pouco as lagoas que temos do xacemento. En resumo: a facer de todo un pouco.


   .- Vostede xa ten estudado materiais achados na Lanzada: fáganos un breve percorrido polos máis interesantes

   .- Os materiais depositados no Museo Provincial de Pontevedra documentados nas escavacións antigas de A Lanzada son moi interesantes como conxunto, pero é certo que hai unha serie de pezas que son realmente suliñables, algunhas delas xa publicadas. Individualizando e facendo un percorrido cronolóxico destacaría un askós de orixe ibicenco (unha xerra característica do mundo púnico de posible uso ritual), un anaco dunha figuriña ou vasixa antropomorfa posiblemente ibicenca tamén, dous peites de óso (un deles decorado), un anaco dunha ola castrexa con decoración plástica dun torques, polo menos un puñal de antenas de bronce, e podería seguir cun listado impresionante no que caben materiais púnicos, vasixas pintadas iberas e un número inxente de material romano.

 
Imaxe dos primeiros días da escavación. Cortesía de X.A.

    .- Como vive vostede a arqueoloxía? Chegou por vocación ou algunha afección concreta?

    .- Como case todos os que nos adicamos á arqueoloxía eu vívoa con paixón, porque sen ela as veces faríase duro adicarse a esta profesión e cheguei por varios motivos pero quizais os dous principais foron, coller casualmente un paletín con cinco anos alá por terras de Chantada por culpa dos meus pais e no ano 1993 participar na escavación do Castro de Croas (Salcedo, Pontevedra) dirixida por Antonio de la Peña Santos.

"A divulgación tamén é necesaria para contribuir a mudar a visión que existe da arqueoloxía como "retrasadora de obras" ou "fábrica de ficción"

    .- A escavación na Lanzada está a ser "transmitida" por Internet: precisa a arqueoloxía, como moitas outras disciplinas científicas, de maior divulgación?

    .- Por suposto que si, a arqueoloxía é unha ciencia social e por tanto o coñecemento que xeramos debe ser retornado á sociedade e para eso é imprescindible divulgar o noso traballo. E por outra banda, esa divulgación tamén é necesaria para contribuir a mudar a visión que existe da arqueoloxía como "retrasadora de obras" ou "fábrica de ficción".


O entrevistado con outro dos responsables da escavación na Lanzada, Roberto Aboal

    .- Con algún arqueólogo co que falamos -e non miramos para Xurxo Ayán só- saen moi a miúdo "batalliñas internas" na profesión. Por un lado, entre academicistas e currantes a pé de campo, e por outro, como adoita pasar en calquera outro colectivo, entre "vellos" e "mozos". Que opina do asunto? Cre que son "fecundas" estas leas, que levan a algo?

    .- Como en todos os colectivos as envexas existen e son un grave problema para a nosa profesión, penso que non son fecundas e non levan absolutamente a nada bo, só a dar unha mala, pésima imaxe do gremio arqueolóxico. Está claro que o desexable sería ter a maior sintonía posible entre arqueológos/as, sobre todo pola necesidade e obrigatoriedade de xerar coñecemento que temos.

    .- A que nivel poderiamos situar a arqueoloxía que se practica agora en Galicia?

    .- Actualmente a arqueoloxía en Galicia está ao nivel de calquera outra arqueoloxía das que se practican en España e posiblemente en moitos casos por riba destas, aínda hai moito que modernizar e solventar problemas que existen como pode ser a falta de publicacións (que as hai, pero non suficientes), pero penso que en Galicia estase a traballar nunha liña moi boa.

    .- Esta escavación na Lanzada é "patrocinada" pola Deputación pontevedresa, en parte con fondos europeos. Estamos a piques de que desaparezan tanto as deputacións como os fondos europeos: que vai pasar entón? De onde van saír os cartos para as prospeccións arqueolóxicas? Ou estas cuestións non vos preocupan aos arqueólogos?

    .- Claro que estas cuestións preocupan ós arqueólogos, ao menos a min. Persoalmente creo que aínda pasarán moitos anos ata que desaparezan as deputacións, se desaparecen, pero cando esto ocurra teremos que ser imaxinativos e buscar financiación no sector privado, así como plantexar outro tipo de intervencións menos custosas. Como todos os sectores haberá que adaptarse aos tempos e ser imaxinativos, botar man do pensamento chinés no que a crise é igual a oportunidade.


Imaxe das escavacións que se levaron a cabo nos anos 50 do século XX

    .- Cada dous por tres sacamos nos medios malas novas sobre destrución de patrimonio, de túzaros que o esbandallan (sexan particulares ou a mesma administración). Como cre que hai que protexer o patrimonio arqueolóxico? Aí na Lanzada: non teñen medo de que alguén cun detector de metais -agora que están baratísimos por internet- se poña a escañar e amole o seu traballo?

    .- Creo que hai que traballar na liña da concienciación, por eso debemos voltar á difusión do noso traballo e á súa valorización. Hai que concienciar á xente do valor do seu Patrimonio para lograr que sexan eles os verdadeiros defensores deste. E se alguén cun detector ven ao xacemento e se pon a escañar o máis normal é que teña que dar explicacións á Garda Civil, que percorre a zona con frecuencia.

"Se alguén cun detector ven ao xacemento e se pon a escañar o máis normal é que dea explicacións á Garda Civil, que percorre a zona con frecuencia"

    .- Imaxine que lle chega, poñamos por caso, o conselleiro de Cultura, e lle propón a vostede e ao seu equipo converter Galicia nun parque temático-arqueolóxico, con especial incidencia no dos castros (facer Castrolandia ou algo semellante). Estaría disposto como arqueólogo? Casa ben o turismo cultural con outros tipos de turismo?

    .- O turismo cultural é turismo cultural, non debe misturarse con outro tipo de turismo, aínda que si convivir e complementarse. O claro exemplo pode ser o concello de Sanxenxo, que é destino tradicional de praia e agora vai ter un importante recurso cultural complementando a oferta turísitica tradicional. E respecto a estar disposto como arqueólogo a converter Galicia nun parque temático-arqueolóxico: habería que estudar o proxecto, ver as pretensións, etc, porque como parque temático funciona o Parque da Prehistoria de Asturias e é un proxecto serio.

"O turismo cultural non debe misturarse con outro, pero si convivir e complementarse"

    .- Coñece as escavacións de Neixón: sobre elas rodouse a primeira longametraxe da Arqueoloxía galega. Teñen previsto algo semellante na Lanzada?

    .- Participei nas escavacións de Neixón durante todos os anos nos que Xurxo Ayán foi o director delas, de feito o primeiro (2003) conformei parte do equipo técnico e posteriormente estiven a traballar cos materiais cerámicos. De entrada na Lanzada non pensamos en realizar unha longametraxe o que non quere dicir que non acabemos facendo algo semellante: xa se verá.


Rafael Rodríguez explícalle a unha familia lusa de visita o que están a facer na Lanzada

    .- Do traballo no día a día na Lanzada que é o que peor van levar? O clima ou ver á xente de vacacións mentres vostedes traballan?

    .- Penso que o peor será a climatoloxía que xa sofrimos na primeira semana de traballo. O ver xente de vacacións non o levo mal porque estou a facer o que me gusta.

    .- Temos moitas outras preguntas que nos bouran os miolos, pero sempre lle damos ao entrevistado a oportunidade de facer unha que crea interesante e que nós non plantexamos. Cal sería?

    .- Faría dúas: a priori ¿cal é a secuencia ocupacional do xacemento? e, ¿qué vai ver o visitante que acuda á Lanzada?

   Nota de Certo: Mais esas cuestións, se lle interesan, están respostadas xa no vídeoblog da bitácora que divulga todo este traballo no xacemento devandito, en www.alanzada.wordpress.com



Compartir

Publicado: miércoles 16-jun-10

Agregar Comentario

Agregar Comentario

Su nombre(*):
Comentario(*):
 

Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Discos
Páxina seguinte: Webs