Que_queren_de_nós?

Pola calor, onte non puiden durmir. Coma moitos outros días, din voltas na cama, dereita, esquerda, dereita, esquerda, e por moito que o intentaba Morfeo non prendía en min. Mirando ao teito, cos brazos detrás da cabeza e pensando nas innumerables voltas que dá a vida e no posible "curraliño" español. Por que non dicilo? Pensaba nos seis euros que me quedan na conta corrente, e no moito que me doería que non mos deixaran quitar. “Mañá… ai non! Mañá é festivo, pois pasado! Vou alí e que me dean o que é meu!”.
Mañá tamén é o Día das Letras Galegas. Meu deus, como pasa o tempo! Outro ano máis. Si, outra vez estudando para exames finais, outra vez escapando a comer á praia para ver a luz do día, outra vez durmindo catro horas para que me dea tempo a todo. Outra vez. E no fondo non fixemos nada interesante dende o último outubro. Ou si?

Profesionalmente? Sen futuro. De seguro cando pase a merda da crise, cando as cousas sexan normais e haxa outra vez traballo para todo o mundo, quen quererá a unha xornalista que nunca exerceu máis alá das prácticas profesionais? Quen lle dará unha oportunidade a quen só pediu iso na súa vida?
Sentimentalmente falando….pois non se sabe, se subimos ou baixamos, se vamos a mellor ou a peor. Polo de agora a miña mellor amiga deixou ao mozo e a verdade é que se nota a compaña na vida de solteira. Alegría!
Familia: estupenda! Coma sempre. De feito, mañá é a festa do pobo e non vou poder ir. Merda de traballos que non levan a ningún sitio máis que a gañar 50 euros!
E mentres repasaba toda a miña historia persoal, pregunteime como un país que medrara a un 5% nos últimos 12 anos podía estar, agora, ao borde do colapso financeiro. Por que as cousas foran ben unha vez, non quere dicir que así vaian a ir sempre, por iso, cómpre ser precabido, contesteime.
Creo que nos timaron
Aínda que no fondo, o que realmente creo é que nos timaron. Si, que nos cremos os novos ricos de turno, os recén chegados ao clube do primeiro mundo (e non digo que non o sexamos), comprometemos o noso futuro por catro parvadas, pensando (isto é o peor de todo) que os que andabamos a estafar eramos nós. E non! Agora téñennos collidos por onde máis nos doe, pola capacidade de medrar. E pagando pratos escachados de outros, porque, como ben dixo unha amiga, abriron tanto a man con Grecia , Italia, Irlanda e Portugal que a nós non nos pasan nin unha. E afógannos.

Pero nós tamén participamos. Por que non protestamos? Porque cando un intenta timar ao próximo e resulta que ao final o enganan a un, non pode ir diante dun xuíz a denunciar un engano no que participou, non, por que non é xusto.
Pero que queren de nós? Nin o sei, nin atino a achegarme, pero dende logo creo que esa é a cuestión. Que queren de nós?
Todos os artigos de Tamara Peña no "Venres caníbal", aquí
No "Venres caníbal" anterior:
Páxina anterior: Venres_caníbal
Páxina seguinte: Manuel_Venator
