Por_favor_abran_a_porta
Probando, si. Óeseme?
De verdade?
Falamos hoxe, en perspectiva cabaleira, do máis inmutable (difícil de cambiar) da humanidade dende que estamos sobre a grande bóla mandariniforme con todas nosas facultades racionais dispostas para pensar. Trátase dos hábitos.

Xa sabemos da filosofía do bacharelato que se eses hábitos son malos chámanse vicios e se son bos virtudes, pero tentemos baixar a un nivel máis chairo e cotidiano, referíndonos a eses pequenos hábitos que nos caracterizan no ámbito doméstico e que tanto dirán de nós, seguro. Case nimiedades moi afastadas do vicio e da virtude, pero abondo importantes para constituir uns piares nada desdeñables na nosa convivencia.

Non é a primeira vez que imos a sitio ren onde nos pregan, cartaz mediante, que pechemos esa porta pola que entramos e que abrimos previamente, empeñándonos en non deixar as cousas como as topamos, ou cando imos a servicio público calquera a entregarnos a necesidades escatolóxicas imposponibles e somos os primeiros en usar o sanitario tras teren sido limpados pola quenda correspondente, e, no canto de tentar deixalo como estaba, deixámolo coa tapadeira aberta como bocaza provocadora e o resto do lavabo dun xeito hixiénico ao que lle forrarei apelativos, pois seguro que lles pasou máis de tres veces e o imaxinan perfectamente.

Ou cando temos tanta ansia de entrar nun establecemento calquera que nin nos decatamos que está a saír xente e a nosa entrada como furóns case provoca algunha que outra lesión. Ou cando usamos algo prestado e non o agradecemos. Ou cando non devolvemos aquel libro ou película que nos deixaron tempo hai. Ou cando nos presentamos ante outras persoas sen asearnos convintemente (estes poden ser os que mais lixan os lavabos publicos). Casuística pertinaz.

Son pequenos hábitos que se adhiren a nós coma samesugas e que ligan “marabillosamente” coas educacións deficitarias e con carencias de forma, que denotan o pouco que nos importa a conxuncion social e que acentúa, máis se cabe, o individualismo. Pequenas cousas indicadoras dun egoísmo que quizabes -sen ánimo de ditar sentenza nin sentar cátedra nin ser dogmático nin reaccionario- se apodere de nós cada vez máis. Pois nos convertemos en seres ultra tecnolóxicos e con xenialidade funcional pero carentes dos vellos e tradicionais hábitos de convivencia que tanto gusta ver nas persoas. Penso que estas minutas son dignas de ser tidas en conta, incluso suscribidas, pois realmente non custa nada “abrir unha porta” se iso nos vai facer mellores persoas.
JORGE EMILIO BÓVEDA
http://www.jorgeemilioboveda. es
Todos os artigos en Perspectiva Cabaleira
Publicado: miércoles 28-jul-10
Páxina anterior: Perspectiva_cabaleira
Páxina seguinte: TDT_No_gracias
Agregar Comentario