Política_turística
Unha política turística por construir:
un motor de dinamización para economía do Barbanza

A actividade económica está a atravesar por un ciclo contractivo que esixe das elites locais a implementación dun modelo de política capaz de xerar oportunidades e valor engadido no territorio do Barbanza. Un importante motor de arrastre para dinamizar as economías locais do Barbanza é o sector do turismo. Dende hai varias décadas estamos a observar como o Barbanza se converteu nun lugar de interese turístico que está a ser punto de destino dun notorio segmento da demanda. Agora ben, si se analiza polo miudo o modelo de política turística que se está a implementar caese na conta de que se trata dunha deixadez clara. Non se está a facer un modelo de planificación indicativa ad hoc para potenciar as potencialidades endóxenas da comarca, e por tanto, dos diferentes concellos. Así, dá a sensación de que o non saber facer as cousas pode xerar importantes lastres para a dinamización da comarca barbanza. Ata o de agora as liñas directrices da política local centrábanse na edición dunha guía informativa sobre os recursos e productos turísticos do territorio municipal. Isto non chega no mercado global e selectivo no que nos atopamos. No de agora fai falla un modelo de planificación para o corto, medio e longo prazo. Por esta razón, os equipos técnicos cada vez deben fiar máis fino para competir vía precios e ventaxas comparativas respecto de outros puntos de destino susceptibles de xerar atracción turística.

Mais con todo, a comarca do Barbanza ten unhas potencialidades endóxenas que son claves como pilares de atracción para a demanda potencial. Por un lado, o producto de sol-praia-mar nesta bisbarra está plenamente consolidado. O potencial de atracción é tan forte que os competidores da comarca barabanzana atópanse, dende hai tempo, avaliando estratexias e fórmulas capaces de contrarrestar as cualidades e atractivos do Barbanza. Nótese que os puntos que son competidores co Barbanza son a comarca de Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol. O perfil interno destes dous destinos singularizados estriba en que dan cobertura ás dúas principais áreas demográficas de Galicia. Así, teñen un compendium de productos alternativos: turismo urbano, museos, congresos e exposicións, histórico, etc. Pola súa banda, a comarca do Barbanza ten unha imaxe de marca que pode fortalecer esta oferta como producto. A comercialización de Noia como núcleo urbano histórico, dotado dun grande patrimonio arquitectónico, así como un legado histórico moi sólido, fortalece á imaxe turística do Barbanza. Neste mismo senso, Sta. Uxía de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo ostentan notables recursos de elevado valor etnográfico, arqueolóxico, histórico e monumental.

Se nos centramos no patrimonio natural, Sta. Uxía de Ribeira é un sólido modelo a seguir. Sobre o seu territorio atópase Corrubedo coa imaxe de marca e excelencia que proxecta no exterior do país. O Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán constitúen todo un referente no eido do turismo de natureza. As estatísiticas indícanos como máis de 600.000 turistas visitan cada ano este importante recurso turístico. A cifra que se alcanza supónlle a Sta. Uxía ser o concello con un Parque Natural que totaliza o máis grande número de chegadas por disfrute de ocio e esparcimento dun producto de natureza. En liña co que se sostén, cabe apuntar que a fortaleza de Sta. Uxía e, por ende, do Barbanza, está en que este municipio conta con unha illa que se atopa no Parque Nacional das Illas Atlánticas: Sálvora. Así, é esencial que na definción dun Plan Estratéxico de Turismo para o Barbanza se modelice unha oferta que teña como foco de atracción a Sálvora. Por esta causa, o turismo mariñeiro, o turismo de cruceiro o turismo de vela, o chárter náutico, o turismo pesqueiro, etc., etc., teñen unhas sobresaíntes potencialidades para fomentar a atracción ao Barbanza.

Nun plano de importancia excepcional para a definición duha planificación estratéxica turística está o papel que ocupa a comarca do Barbanza no eido das infraestructuras do transporte. Nótese que a modernización integral que experimentou este excepcional territorio foi moi notable. A finais do século XX rómpese definitivamente co fenómeno do enclavamento territorial. Constrúense dous importantes corredores (Vías Rápidas) que na planificación autonómica pasan a ser (paseniñamente ata o de agora) dúas autovías: Santiago-Noia-Muros e a Autovía do Barbanza-Padrón. Este grande avance en infraestructuras modificou sustancialmente o radio de acción da atracción da demanda. As isocronas experimentaron destacados avances en tempos de viaxe dende os principais puntos de destino. O Barbanza pasa a percibirse como un foco turístico próximo en tempo de viaxe. En paralelo, a comarca experimenta outra avantaxe comparativa: atópase a 35 minutos do aeroporto rexional de Galicia: Labacolla en Santiago de Compostela. Este importante fito non fai outra cousa que fortalecer a atracción e complementala con destinos alternativos como pode ser o turismo relixioso cara a Santiago. Só nos queda unha eiva: non temos un ferrocarril capaz de mobilizar á demanda potencial entre Santiago e Sta. Uxía. Habería que potenciar un debate, mais a crise económica deixarío estéril e fóra de contexto.

Nembargantes, a comarca barbanzana ten profundos lastres internos na súa política turística. Por unha banda, fai falla a definición indicativa municipal e supramunicipal. A valorización dos seus recursos débese facer a base de maximizar as avantaxes comparativas e potenciar a comercialización en grao de excelencia: imaxe de marca no exterior. Isto non se está a facer ben. O programa turístico municipal e supramunicipal non debe ser só a edición dunha guía. Fai falla de políticas activas de acompañamento e dinamización: recursos humanos cualificados, plan de información de recursos turísticos, constitución de producto singularizado e complementario, etc. Neste eido, vemos como productos moi importantes como o Faro de Corrubedo acusan un profundo deterioro do seu vial, non hai oficiña de información turística, nin tan só un centro de interpretación-.museo no faro. É preciso que esta política mude a base de convenios de colaboración institucional. Por outro lado, no pobo de Corrubedo, zona cero da atracción, non hai información permanente, o grao de cualificación do tecido productivo é deficiente, a política local interanual non existe e non se maximiza todo o potencial que esta zona ten. Os tempos vindeiros parece que apuntan pola corredoira da transformación, a modificación de conductas e a cualificación do destino. Iso é o desexábel.

Se nos centramos en Sta. Uxía, ata o de agora na propia cidade non se fixera un investimento en ter ata dúas oficiñas de información turística. Isto é un profundo lastre para a comarca que se debe superar. En Aguiño, sobre o cabo Falcoeiro, non hai nada planificado para atender á demanda. Por outra banda, o patrimonio natural hai que valoralo como un recurso escaso, atractivo e moi sensible aos cambios. Así, é menester que se coide e se protexa con figuras xurídicas destinadasa a preservalo para as xeracións vindeiras.

A oferta cultural-turística no Barbanza é moi salientable. Non hai máis que ofertar un producto que nos amose polo miudo as pegadas dos autores barbanzanos e aqueles outros que chegaron á nosa terra. Sen máis exemplos, é necesario que na planificación se aposte en firme por vitalizar a Manoel Antonio, Dieste, Castelao ou, por concluir, as pegadas de Valle-Inclán na Pobra do Caramiñal e na súa querida Curota. Queda moito por pensar e máis por facer¡ Dentro da construcción dun modelo de política turística non se pode pasar por alto a fonda pegada do mar no home. A omnipresencia do medio mariño debe ser recoñecido e elevado á máxima potencia. Non temos un museo do mar como deberíamos ter. Hai que potenciar o turismo mariñeiro e dentro del as embarcacións autócnoas de ribeira: a nosa dorna debe ser un emblema internacional.

Un avance clave foi a constituicón da Mancomunidade Arousa Norte. O problema é que non hai planificación indicativa de interés e importancia destacable. En outro termos: faise apoio supramunicipal pero investigación en I+D+i non hai nada. Non existe unha planificación estratéxica que aposte pola imaxe de marca. Sempre se está ás expensas do que faga a Xunta co seu orzamento. Esa política está obsoleta. Non se publica ningunha serie temática sobre o turismo e a súa posta en Valor. non se avalía o Impacto Económico do sector para cada producto; non se estuda a demanda de recursos humanos, etc. A resposta sole ser sempre escasez de orzamento. Eso tampouco nos vale. O emprendedor quere camiño feito, vieiros tanxibles. Os especialistas deben debanarse os miolos facendo intanxibles que xeneren valor e plusvalías para o territorio.
Coido que a intencionalidade das elites locais son boas, pero o tempo pasa e non volta. As oportunidades son escasas e o recurso pode eivarse se non se fan as actuacións necesarias. Cando ollo cara o mar sigo a ver donde nos atopamos e canto camiño nos queda para ser nós mesmos.
Xosé Antón Díaz Fernández: O home que miraba ao mar
Anterior artigo:

A ordenación do territorio no Barbanza: outra asignatura pendente
Páxina anterior: El_hombre_que_miraba_al_mar
Páxina seguinte: Contos_da_Tasca_do_Cuco