Pés

Compartir

    Tiña vintepoucos e inda non era consciente do poder seductor duns bonitos pés femininos. Os buzacos cos que estivera ata entón admiraban outras voluptuosidades máis evidentes da miña fisonomía. Como mociña aventureira que era, calceime aquel verán as miñas deportivas e funme a un campo de traballo do Perú andino. Alí homes e mulleres camiñan descalzos e un bo día decidin facer o mesmo. Desatei primeiro un tenis, logo outro, desfíxenme dos dous con azo e, como se fose unha liberación fonda, tirei dos dous calcetíns á par, sen ter a menor idea do rebumbio que ía por iso provocar.

    .- Miren, miren!, dixo un, -ten pés de meniña!



    O abraio daquelas xentes marcou un antes e un despois na miña traxectoria sexual. De súpeto, todos aqueles incas crioulos achegábanse con reverencia, e nos ollos das mulleres había un atisbo de envexa, namentres nos dos homes albiscábase unha lene luxuria. Rodeáronme a unha distancia respectuosa, como se o poder da beleza os mantivese en posición de adoración. Todos miraban os meus nocellos espidos, todos baballaban ante os meus agora coitadiños pés, un ao pé do outro, pasmados como se respirasen por primeira vez, como se fosen recén nados no seu primeiro alento ao saír do útero, como se os tivese antes empaquetados toda a miña vida. Sentíame do mesmo xeito que unha chinesa logo de despoxarse das súas vendas minituarizantes: os meus pés despreguizábanse despois dun longo, longuísimo inverno de botas de montañeira, calzado cotián da miña primeira xuventude.


   Ante tamaña expectación, ollei para eses pequenos apéndices de pel blanca transparente, eses peíños talla 36 de dedos perfectamente aliñados coma cinco irmanciños, mireinos como se os vise por vez primeira. E sorrín perante a súa fraxilidade.

   .- Pobriños!, pensei.

    Toda esa xente de pel curtida e pés traballados admiraban o pouco uso dos meus. Entón fixeime nas miñas unllas de brillo natural, limpas, transparentes da rosa da carne. Observei o empeine delicado de epiderme tan leve que semellaba que unha pluma a podería rasguñar e sentín algo así como soberbia fonda, coma un lixeiro sentimento de superioridade. Poder.

    Entón unha morena achegóuseme, coa súa mirada azabache pediume permiso para tocar os meus pés. Accedín sumisa, non sei moi ben por que. Tomounos coas súas mans pola calcañeira. Primeiro un, logo outro:

   .- Que lindos! dixo -non os amose vostede, señorita, que son un tesouro que só un amante debe poder espir.

    A morocha sacou de debaixo da súa chaqueta vermella unhas finas babuchas de lá trenzada, con debuxos bordados en miniatura. Tiñan a sola de coiro pulido cunhas verbas talladas nun idioma descoñecido para min, pode que fose quéchua. Anoábanse dende atrás cunhas cintas estreitas de mil coloríns gabeándose nocellos enriba, subindo ata a coxa. Eran moi escotadas e deixaban ver as pequenas raíñas que forman a unión dun dedo co outro. As sandalias que a sáfica me vestía provocaron un grito de xúbilo entre a xente que se arremuiñaba, sempre a distancia prudente. A muller calzábame con moito coidado, con tino para que a tea se axustase como unha luva á miña pel. Daban un aire divino á parte máis inferior do meu corpo. Con esas pantufliñas de princesa podía verme como unha noiva india o día da súa desfloración, podía imaxinarme danzando espida no luar do Machu Picchu, podía pensarme nunha desenfreada danza tribal a piques de ser poseída por cada un dos machos mozos do poboado, ou quizais polo máis forte de todos eles. Con ese exquisito calzado a miña fantasía voaba e podía ver os meus pés sendo paseados nunha padiola de canas levada por quince rapaces fornidos cun taparrabos. Dentro deses zapatiños de raíña faraónica podía ser calquera cousa que me propuxese.

    Entón a muller sorriume amosando todos os seus dentes blancos e, a modiño, moi suavemente, foi desenlazando o que antes entrelazara e desprendeume do que xa se convertera no meu obxecto de desexo máis prezado. Quitoumos e voltounos gardar baixo a súa voluminosa faldra e tiven que ser testemuña da miña propia humillación ao calzarme diante de toda esa xente os meus calcetíns blancos e os meus tenis de marimacho.

    Dende  ese día aprendín a valorarme: calquera pode ver os meus pés bellamente vestidos. Son unha sibarita do bo calzar sen caer na parvada de camiñar incómoda por iso, é dicir, con tacóns altos empinados. Tan só os emprego para locir en horizontal, pero non se crean: só uns poucos escollidos son os que poden espilos, e poucos, moi pouquiños, aos que admito para que os agarimen coas súas mans, que os biquen cos seus beizos, os lamban coas súas linguas ou os reguen coa súa fonte.

Susana Moo

Erotomana.com

Susana Moo en castellano, lea

Os artigos en galego, vexa


Compartir

Publicado: lunes 04-ene-10

Agregar Comentario

Agregar Comentario

Su nombre(*):
Comentario(*):
 

Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Susana Moo
Páxina seguinte: Susana_Moo_castellano