París_la_nuit

Compartir

    Das nove aldeas de Cerasia, a de Riba é a máis grande de todas. Cruzada pola estrada, e con cantina de seu, era a primera en recibir as novas de toda a parroquia. O parladoiro de Radiochopo, na bancada de pedra ao carón da portada da monumental casa do Esguello, era o lugar de reunión de nenos e vellos, nesas espidas noites de verán nas que un queda parvo ollando o ceo estrelado mentres escoita a ópera gutural das reques. Alí aínda se recorda a coñecida como noite da bomba, que tivo á xente sen falar uns cos outros durante unha boa tempada. Corría o ano 1981. O golpe de estado, os atentados continuos da ETA deixaban na xente un aquel de sensibilidade histérica… que custaba pensar que chegase a Cerasia.

 


    A rapazada da Ponte, rondando os 20 anos, xa se xogara o pelexo na festa da panceta en Castronela, o día do Santiago, cando lles deu por queimar unha bandeira española diante duns militares que pararan por alí para axudar contra o lume. Unicamente as xestións do alcalde, exalférez provisional, impediron que rematasen cos seus ósos no calabozo. Cando se é novo, estas cousas non só non serven para escarmentar senón que animan a seguir polo mesmo camiño. E iso foi o que pasou o sábado seguinte, á noitiña. Entre os rapaces da Ponte había un, O Tornillo, que estudaba Mecánica en Monforte. Foi el quen deseñou unha caixa metálica con moitas luceciñas e botóns, na liña pseudotecnolóxica de Back Rogers e Star Trek. Para rematar o aparello, cinguiu á caixa tres mazorcas de millo cubertas con papel de lixa, a xeito de barrenos de dinamita. Polo serán os catro da Ponte, colocaron o trebello entre unhas silveiras, perto do banco de Radiochopo, e buliron a agocharse na palleira do Celestino, dende a que se podía outear toda a contorna.



    Coa puntualidade dun atasco en hora punta, os tertulianos fóronse achegando ao punto de encontro e de reencontro, xa que alí contaban as súas angueiras e historias os emigrantes só retornados polas vacacións de verán. Pasadas dúas horas, alguén ollou extrañado cara ás silveiras da leira do Esguello e mandou a un pequeno a esculcar que eran esas luces… porque vagalumes non semellaban, non. Tan pronto como apareceu o cativo coa caixa metálica e as luces de tódalas cores, cundiu o pánico. Nunca tal se vira. En media hora estaba alí a Garda civil, o alcalde, vellos coa escopeta de caza preparada, o crego Don Constantino. En dúas horas chegaban de León, cagando virutas, os especialistas en explosivos e un comando especial armado até o dentes. Vellas que levaban sen saír de casa unha morea de tempo eran desaloxadas a pasos forzados; víanse skijamas surrealistas pola estrada; a circulación cortada; o gobernador civil que estaba a piques de chegar. Perante tremendo escándalo, os rapaces da Ponte colleron medo, e liscaron como puideron, polo tellado das casas de Riba, cara ao camiño da serra. O Tornillo xogárase a vida xa que, mancado no nocelo ao saltar da palleira, fixo un ruido sospeitoso que levou incluso a un xove garda a disparar contra as sombras da noite.


    A noite da bomba aínda se recorda nas casas de Riba coma unha aldraxe histórica. De aí que desfrutasen como ananos no derby futbolístico anual na leira do Esguello entre os rapaces de Riba e os da Ponte.

Sempre perdemos. Podíanos o medo escénico.


    Para este partidiño aparentemente trivial e inocente, os dous equipos nutriámonos das fichaxes internacionais. Vantaxes da emigración. Os da Ponte por exemplo, tiñamos un porteiro venelozano: toda unha garantía… de goleadas. Os de Riba xogaban cun lateral francés, un medio holandés da canteira do Ajax e un ariete croata-galaico-australiano de Melbourne.

Hoxendía segue a medrar o número de casas pechadas en Riba, e as que seguen abertas (con lume, como se di na documentación antiga) contan todas con membros esparexidos polo mundo. Así pois, segundo se vén de Sobreiras, podemos facer unha enumeración das vivendas, omitindo os nomes, pero subliñando o destino daqueles que marcharon dende os anos 60:

Casa 1: aberta só no verán, residentes na cidade de A Coruña.

Casa 2: aberta só no verán, residentes en Vigo.

Casa 3: tras marchar inicialmente a Holanda e Bélxica, onde unha nutrida expedición da parroquia viu ao Real Madrid gañar a Copa de Europa en 1966, asentáronse finalmente en Madrid, locendo fachendosos a pegatina de Valle del Kas no Renault-7 durante anos.

Casa 4: pechada. O fillo único emigrara a Francia, casando en París cunha portuguesa da Serra da Estrela.

Casa 5: pechada. Alí quedara o irmao pequeno, o Xesteiras. Tiña certo aquel con Clean Eastwood, aínda que moi desmellorado. Eu de sempre o lembro andando en bicicleta á cantina, movendo a testa de xeito mecánico. O que parecía un tic non era tal senón unha secuela dun accidente doméstico. Seica indo coa avenza ao monte, perto das Pozas do Barro esvarou e caiu na lama, afundíndose paseniñamente até quedar coa terra lambéndolle a queixada. Canto máis tentaba estorroar máis se ía para abaixo. Salvouse porque pasara por alí unha veciña e sentiu os seus berros agónicos. Pegou nel un ataque de nervios que o deixou así para toda a vida. Cada vez que o Real Madrid gañaba algún partido importante (el fora un dos instigadores da viaxe a Bélxica para ver ao equipo ye-yé) botaba un par de foguetes:

    .- Non hai festa sen foguetes !, dicía.

O seu irmao pegou o salto de Amberes a Australia, onde casou cunha croata e tivo dous fillos.

Casas 6 e 7: veciños porta con porta, remataron todos en Barcelona, agás os vellos. Unha delas é a do Esguello.

Casa 8: os da parte da familia que remataron en Venezuela foran os primeiros en traer as Polaroid, as fotografías en color e as gravacións en Súper-8. Outra rama marchara xa a Barcelona antes da guerra

Casa 9: dez anos traballando en Francia e regreso á aldea a comezos dos 80.



    Nun anaco de terra, na Galicia profunda, de solo urbanizable nos Plans Xerais de Ordeamento do Concello, atopamos ecos de tres continentes, sons de linguas lonxanas, de galego, catalán, portugués, francés, español de América, croata, inglés autraliano, neerlandés. Cando non se coñecían aínda en España, en Cerasia escoitabamos xa as maquetas dos primeiros discos de Texas e de INXS, que traía a filla do irmao maior da Casa 5. A rapaza rematou por voltar a España tras unha breve estancia na Croacia de despois da guerra, terra de oportunidades fornecidas pola reconstrución postbélica. A día de hoxe dá clases de inglés, en galego, nunha academia de Monforte.



    Sagas familiares. Historias misturadas, fillos que non volven, netos que retornan, casas que morren. Ruínas.

Unha noite de xeada, en pleno Nadal, Xoel, o neto do Esguello e máis eu (descendentes de galegos en Cataluña) volviamos de troula, ás sete da mañá. A néboa non deixaba ver a estrada. As luces das farolas na recta de Riba esvaíanse entre o orballo. Acendemos un pitelo en Radiochopo. Alí onde había quince anos se puxera a bomba había agora dous containers de Galicia verde, coa tapa aberta. Estaban cheos de roupa até os topes. Resultaba estrano. A curiosidade matou o gato, disque. Mentres eu botaba unha pixada, o Xoel fedellaba no contedor ecolóxico. Cando din volta alí o vin vestindo unha chaqueta americana estilo anos 70, ao máis puro estilo Torrente. Nos petos, unha caixa de medicamentos caducados, un peite e un ticket do Metro parisiense, de 1990.


    Naquel refugallo había toda unha vida metida, nas beiras do Sena. Á bandexa metálica con gravados de diferentes chateaux da rexión de La Loire, seguíronlle unha manchea de foulards estampados, outra bandexa de vidro de cor violeta con forma de pergameo, un chapeu esnaquizado polos ratos, as gafas da Sofia Loren de 1960, unha postal de Paris La Nuit… Esmendrellados da risa, eramos auténticas fantasmas, emisarios dunha Santa Compaña chic, enchida de glamour, de grandeur… grandísimo o susto dos poucos conductores que por alí pasaron, camiño de Lugo, raiando á mañanciña.



    Todas estas reliquias formaban parte da casa 4. Había uns meses morrera O Espantallo, todo un personaxe histriónico, propio dunha película de Buñuel, que regaba cada conversa cun estridente e por máis francófono Ulalálalálá!!! A súa muller, portuguesa emigrada tamén a París acababa de desfacerse de todo aquilo. A casa remanece pechada dende aquela. O fillo do Espantallo aínda viña nos veráns. Algún dicía que tiña certo parecido con Platini, pero só se parecía no pantalón curto Adidas e na camiseta azul da selección francesa. Un ano trouxera a un colega parisiense, fillo de cameruneses. A expectación fóra tal que unha noite, sentados todos no banco de Radiochopo, baixara o avó de Xoel, unica e exclusivamente

   .- Para ver o negro, carallo!, que nunca vira un, que non fose un destes da televisión. Moros si, cansei deles na guerra, pero negro… bueno, pois nada, boa noite rapaces!

Gastando chapeu e americana, cos foulards de gauche divine, os dous, convertidos en Astérix e Obélix de opereta, entramos na casa vella a papar algo de xamón (os chourizos estaban impraticables dende que Xoel os afumegara prendendo lume cun bote de dous litros de Nenuco) e uns vasetes de viño, para rematar a noite e arranxar o mundo. Xoel aloumiñaba á gatiña no colo. Na televisión o globo multicolor da fin de emisión. Uns pitelos estouraban na bilbaína. Escoitamos ornear ao burro Perico (orneou sen moita gana) dende as cortes. Ao carón do queixo manchego, fitaba cara a min, esbozando unha gargallada, sobre o mantel de cadros, a dentadura postiza do Esguello.

   .- Ulalálalá!


Faranji é o complemento da exposición fotográfica 
"Onde as rúas non teñen nome: unha ollada etnoarqueolóxica ao pobo gumuz".
Comisariada por Sonia García Rodríguez (LAPA, CSIC), vai percorrendo Galicia.

Capítulo I: Abisinios

Capítulo II: O negro Belarmino

Capítulo III: 'España 82

Capítulo IV: D.E.P.

Capítulo V: Etnoarqueoloxía

Capítulo VI: Esto no es Abisinia

Capítulo VII: Sidi-Ifni

Capítulo VIII:  Live Aid

Todas as colaboracións de Xurxo Ayán en Certo, aquí


Chuza esta nova
Compartir

Chuza esta nova
Publicado: martes 19-ene-10
Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Faranji (Limiar)
Páxina seguinte: David_Fdez_W