Os_xemelgos

Compartir

    A Ana gústalle un larapetas. Eu non sei que raio lle mira, pero anda toliña por el: leva unha semana falado do rapaz dia e noite e hoxe empeñouse en vir a esta disco para atopalo. En canto o miro, xa me fago unha idea do especime de paxaro que a trae toliña. Doume perfecta conta do percal: éste reparte as súas afeccións entre o bourbon e os escotes, e o meu encántalle se atendo as miradiñas, olladas nada disimuladas coas que se pasea polas miñas feituras sen cortarse unha chisca.

   Non me vou a poñer repugnante dicindo que me molesta que un home me mire por embaixo do pescozo. Gústame, compráceme e ás veces mesmo me excita, pero dase o caso de que Ana, que está ao meu carón e loce dúas tallas menos de sostén ca min, anda parva polo pailán éste, galiño que se vai asemellando cada vez máis ao famoso can de Pavlov, babexando pola carne que lle deixo ver con este vestido vermello, un pouco esaxerado de máis, que maldita a hora na que me deu por poñelo hoxe, e inda por riba sen sostén... A quen se lle ocorre! Un vestido de tea tan fina...


  

    É unha situación antipática de todo porque o tipo seica decidiu quen vai ser a súa presa esta noite, ou mellor dito, quenes son as súas presas e ésas non son outras mais que as miñas dúas tetas. Non é que me estea eu gabando, atéñome aos feitos, a como fai reviravoltas cos ollos dun peito ao outro, que parece que estivera a presenciar un partido de tenis. Ana, coitada, cada vez coas fazulas máis vermellas, e eu máis abafada e ocórreseme unha solución así, de súpeto, que é voltarme noventa graos e darlle parola aos seus colegas.

   Son dous xemelgos, íntimos seus, polo visto, e van converterse na miña táboa de salvación para librarme do furor causado polas miñas peitugas no escollido da miña amiga e, deste xeito, deixarlle o terreo valdío á interesada. Non me gustan os xemelgos. Ao igual que o seu colega, son falabaratos que berran ao falar e non conseguen dicir nada interesante, pero eu ríome, esmendréllome co riso con cada unha das súas lilainas. Maila que tamén lles interesa o que agocha o meu vestido, aínda lles importa máis ser moi cómicos e levan toda a intención de reterme rindo a cachón a noitiña toda. Eu cacarexo para deleitalos e miro de esguello os avances da Ana co outro, que parece que vai indo a cousa, abofé que o par de tallas menos non van ser obstáculo, ca!

   Os xemelgos rivalizan entre sí como irmáns ciumentos. Supoño que é coma ten que ser: como posúen a mesma faciana, tentan desenvolver outras facetas a destacar, e asegúrovos que iso, destacar, inténtao un con cobiza e preténdeo o outro con ansia. Tamén rivalizan para pagarme as copas, e xa vou polo terceiro ginger-ale: todo é pouco para aturarlles as grazas a estes benditos.

   Se os miro obxectivamente non son feos: montañeses enérxicos cos ollos escintilantes, catro ollos cor mel igualiños. Hai un rebumbio de carallo na discoteca que xa se encheu de xente e case non atino a ver a Ana, que aí segue, parolando aínda pero xa moi cerquiña os beizos ao falar. Estou apreixada contra a parede e os xemelgos arrímanseme de mais. Os seus cheiros -idénticos- e as súas voces -idénticas- reverberando a ambos lados das miñas orellas fanme sentir coma nunha nube. Os seus alentos sópranme na caluga e para min que todos estes aloumiños non son casuais. Copa arriba, copa abaixo, tócanme a discreción co dorso da man, cos seus brazos e os meus pezóns afiúzanse sen querer. É posible que sexa a súa táctica para ligar coas mozas, noquealas de tanto laretear, realmente presinto que teño que facer algo para que calen a boca se non quero esvaecer. E mira ti o que matinan os meus miolos!

   Báixo os tirantes e permito que o vestido esvare ata a miña cintura. Este feito sinxelo é man de santo: os xemelgos enmudecen, o seu aceno conxelado. É máxico! coma se tivera sacado un coelliño da boina. Os xemelgos nin moven as pálpebras agora pero, claro, toman iso como unha invitación ao almorzo e os seus beizos lánzanse á que sen dúbida lles parece unha nova, apaixoante actividade.

   Eu, a verdade, é que non sei se a idea éche boa ou mala. Non teño moi claras as consecuencias de todo isto, pero dende logo cumprín o meu obxectivo: por fin se están caladiños.

    A miña amiga e o outro cómense as bocas.

Susana Moo

www.erotomana.es

 


Los textos en castellano de Susana Moo,aquí

Os artigos en galego, aquí


Compartir

Publicado: jueves 25-feb-10

Agregar Comentario

Agregar Comentario

Su nombre(*):
Comentario(*):
 

Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Susana Moo
Páxina seguinte: Susana_Moo_castellano