Os_taxistas

Os taxistas son o derradeiro bastión ao que unha se pode agarrar, sexualmente falando, as noites do sábado marchoso.
É entrañable entrar nun taxi ás cinco da mañá despois de ter escoitado durante horas a berra dun fato de homes que apetrenan a alcohol.
Os taxistas sempre están aí, mascando chicle mentolado no seu coche limpiño, con todo o tempo do mundo para pasearche polas rúas desertas, con tal que lles pagues a carreira. En situacións de apuro sensual, cando unha necesita as mans dun home enriba do corpo, mellor non escatimar.
Recomendo ir a unha parada transitada e esperar a que lle toque ao taxista que che encha o ollo, a ese príncipe azul co volante nunha man e o freo de ídem na outra.
En canto o seleccionado sexa o primeiro da ringleira, ¡zas! cólaste no seu vehículo e saúdas moi agarimosa:
- Boas noites.
É tremendamente importante que a voz soe fresca. É fundamental pór esa vociña de gatiña mimosa, pór toda a sedución na gorxa porque vai ser o principal instrumento de conquista, a arma da que dependerá a gloria da vitoria. O guapo taxista non é quen de conducir e de mirar cara atrás para observar a túa faciana acalorada, os teus beizos despintados ou a túa minisaia engurruñada na cadeira. Aínda que o desexe non debe facelo: sería unha imprudencia que a boa profesionalidade do sector non se pode permitir. Non debe mirar cara atrás e non o fai, de xeito que a teima consiste en pór o anzol nas cordas bucais e xogar coa mirada no espello retrovisor.
Os taxistas son comunmente tipos extravertidos, acostumados a bregar con todo tipo de xente e non teñen por costume amosarlle noxo a un sorriso morno dunha muller en celo.
O taxista está ata os collóns dos malos humores, das respostas airadas, da indiferenza, ... de xeito que se contenta cando alguén lle fala con ledicia e optimismo.
Son homes de mundo e normalmente non é necesario andarse con chiquitas, rapidamente se dan de conta da situación. Cando o taxi frea diante da túa casa, ou do hotel ao que pensas levalo, hai que afinar a conversa e facer que resulte indispensable continuala diante dun café (ao taxista nunca se lle debe ofrecer unha copa, se lle ofreces unha copa estás a evidenciar que queres que non volva coller o taxi en toda a noite, que o que tes nos miolos é desvialo das súas obrigas na estrada a outras moito máis pracenteiras entre sabas). Non hai moitos taxistas que estean engaiolados co seu traballo, de xeito que a túa oferta vai ser un doce difícil de rexeitar. Tamén se pode quedar unha no taxi, o cal non deixa de ter o seu aquel, sempre que el o propoña, claro.

Xa en materia, o taxista é coma un home calquera. Non se pode garantir que sexa bo na cama, que sexa mellor ou peor amante depende do que teña aprendido ata o momento de coñecelo. Dependerá das gañas que lle poña e da química que se forme, dependerá de se unha vez fóra do taxi o teu cu lle resulta apetecible ou os teus peitos peneirables.
O taxista funciona coma outro varón calquera: hainos mellores e hainos peores.
Todos os relatos de Susana Moo en Certo, aquí
Publicado: jueves 19-feb-09
Páxina anterior: Susana Moo
Páxina seguinte: Susana_Moo_castellano
Agregar Comentario