O_xinecólogo

Compartir

   Ter por vicio escribir contos eróticos fai que, de cote, estea coa cachola nas nubes imaxinando situacións que me resultan excitantes. Os meus miolos van, libres, a esas historias que vos conto e a verdade é que teño moitísima capacidade de abstración, esquézome por completo da contorna e desfruto coma toliña soñando esperta. Loxicamente, o meu corpo resposta como lle corresponde ante eses estímulos eróticos, subindo a temperatura naquelas partes, humedecéndose e chispeando. Estou bastante afeita e non lle fago moito caso, permito que flúa ese pracer íntimo e continúo coas miñas invencións.

    Ás veces, ese estar nos biosbardos lévame a situacións desagradables, porque de súpeto teño que baixar á realidade, o cal supón unha especie de shock. O outro día vivín un deses intres.

    Tocábame a revisión anual xinecolóxica e atopábame sentadiña, mansa coa eterna espera na consulta da Seguridade Social, fantaseando cunha aventura a mar de estimulante. No cumio do meu suculento festín privado a enfermeira abriu a porta e dixo o meu nome:

      .-Susana Moo, pasa.

    Que susto! Notei como o sangue me gabeaba polo corpo ata a faciana mentres trataba de reiniciar o meu hardware cerebral e pisar terra. Entrei aos tumbos na consulta, vermella como unha papoula. O xinecólogo –sobre uns cincuenta anos, moreno, con gafas, cara de boíño- miroume sen amosar interese e limitouse a ler os datos do meu historial clínico. Foi ela, a enfermeira coa bata branca, a que me levou á parte traseira da habitación, separada por un biombo.

    - Íspeste de cintura para abaixo e séntaste no borde da padiola.

    -Si, si.

    Namentres desabotoaba os pantalóns decateime do estado en que deberían atoparse os meus xenitais. De sobras sei como se pon a miña vaxina e limítrofes cando estou como estaba antes de entrar na consulta, coñezo como se asoberbia, como se pon roxiña e todas esas transformacións habituais ás que se somete. Sei moi ben como os fluidos a asolagan e cal é o seu recendo. “Que vergoña, teño que me limpar polo menos, estou enchoupada!”, matinei.

    A toda máquina comecei a descalzarme, enliábanseme os cordóns dos zapatos nos dedos, casi me caio coa enerxía que empreguei en desfacerme deses pantalóns tan malditamente axustados e, cando aínda non me librara das bragas, aparece o señor médico xinecólogo, sen mascariña, sen mirarme e acompañado pola enfermeira.

    “Mal raio me coma”, díxen para min. Rematei de espirme, acopleime na padiola e coloquei os meus pés descalciños nos ferros fríos como me indicou a enfermeira. Alí estaba, aberta, exposta, mollada e avergoñadísima. “Que corte, que corte, que corte”.

   Adoito rezar o pai noso durante a exploración xinecolóxica dende que unha vez alguén me dixo que era estupendo para tranquilizarse, pero estaba tan aparvada que non lembraba o comezo. Pareceume sentir que o home dubidaba, pareceume que tiña curiosidade por ver os rasgos da dona desa paxara leda que tiña en fronte dos seus narices. Percibín, pese a que os meus ollos estaban pechados, que se inclinaba para alcanzar a ver a faciana que conxuntaba con esa grila festeira. “Este vai crer que me excita vir ao xinecólogo, vai pensar que son unha exhibicionista clínica”.


    Mais o homiño nada dixo e tratoume coma a outra calquera, limitouse a meter o dedo enluvado –aquilo era unha pucharca- e a apalpar por dentro e mais por fóra. Despois introduciu o tubo para a citoloxía e, por primeira vez, case chega a darme gustiño.

    .- Todo perfecto, dixo por fin.

    Erguinme, e agora si se cruzaron as nosas miradas. Examinoume fixamente por enriba dos seus lentes. Na súa expresión había curiosidade pero, sobre todo, impotencia. Incluso diría que certa xenreira contida. Os seus ollos brilaban e percibín o seu desespero. Canto non me dixo o coitado do xinecólogo coa súa mirada!

    Sorrinlle doce porque me compadecín del, entendín o seu sufrimento. Algunha vez parástesvos a pensar o duro que ten que ser para un home atoparse fronte a fronte coa vulva dunha femia predisposta á monta e ter que manter a compostura médica? Reflexionastes sobre o reto antinatural ao que se debe someter o xinecólogo? todo o santo día repasando perrechas! Observándoas, colocadas todas elas magníficamente para o acto primixenio Dádevos de conta de que se trata dun traballo que consiste en vixiar parrochas, unha tras outra, examinar unha e revisar outra, tan preciosas algunas, tan lustrosas outras e el, todo un cabaleiro profesional, limitándose, cinguíndose estritamente a ver e tocar, pero que ver e que tocar tan distintos aos que o seu ímpetu viril tería preferido!

Susana Moo

www.erotomana.es

 


Los textos en castellano de Susana Moo,aquí

Os artigos en galego, aquí


Compartir

Publicado: viernes 30-abr-10

Agregar Comentario

Agregar Comentario

Su nombre(*):
Comentario(*):
 

Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Susana_Moo_castellano
Páxina seguinte: Por_libre_2010