O_xefe

Compartir

   Hoxe é o día. O día D. A hora H. Despois de estudar durante moito tempo ao pobo gumuz, a súa historia, os seus costumes, a súa forma de estar no mundo, despois dunha documentación exhaustiva do noso obxecto de estudo (si un home é un obxecto de estudo, coma un escarabello ou unha bolboreta; curioso humanismo) imos entrar en contacto co Outro, con maiúsculas. Conviviremos, se non hai problemas, cos gumuz no poboado de Bowla Dibas’i. Connosco van no Toyota os representantes da Administración local, dous guías con rifle. Ir armado confire respecto e autoridade.


    Desviámonos da estrada e collemos unha pista de terra escangallada polas últimas chuvias da estación húmida. Entramos na terra comunitaria dos poboados gumuz desta zona arredada. Unha camada cincenta recorda as recentes estivadas. Cerdedo coméntanos que a cultura gumuz está experimentando na zona de Metekel un cambio profundo. Constátase un proceso de desestruturación social destas comunidades, motivado polo seu continuo desprazamento tralos enfrontamentos cos amhara, a cercanía de núcleos semi-urbanos na zona e polos cambios na propiedade da terra e nas fontes de riqueza. Multinacionais do Primeiro Mundo están levando a cabo impunemente unha deforestación sistemática de terras que son propiedade das comunidades gumuz, para facer grandes plantacións coas que producir biodiesel. O enxeñeiro británico co que falaramos antonte é un deses enviados do Progreso, que cobra unha pasta gansa por abrir mercados (como din eles) en Metekel. O maquiavélico do asunto é que esas multinacionais venden a idea de contribuír ao desenvolvemento enerxético sostible, preséntanse como anxos da garda para frear o cambio climático e a emisión de merda ao ceo. Enerxía limpa a cambio de roubar impunemente a unhas cantas aldeas de salvaxes, no cú do mundo.


   Despois dunha hora de traxecto, vadeamos o curso dun río seco. Ao cruzalo, deseguida vemos os teitos de palla dunhas cabanas redondas, cinguidas por unha empalizada de bambú, estrada polo chao en moitos casos. De lonxe semella un castro, defendido polo foxo natural do regato, emparapetado sobre unha pequena meseta.

   Dez, vinte, trinta, corenta... cincuenta pequenos comezan a correr, baixando a toda présa, para ver en primicia aos foráneos:

    .- Máquina, máquina, máquina!!!, berran ao unísono, coma un coro en movemento.

    Entramos no poboado seguindo a corredoira marcada no chao, polo paso repetido, día tras día, ano a ano, dos pés espidos dos habitantes de Bowla Dibas’i. O guía indica a Salomon que avance até as últimas casas emprazadas no extremo SW da aldea. Seica alí se atopa a casa do xefe, con quen nos debemos reunir para negociar a nosa estancia no poboado. Aparcamos (sitio dabondo hai) baixo unha árbore. A expectación é total. Os nenos berran extasiados, abraiados coas pintas dos fulanos que nos baixamos da máquina. Tan pronto poño o pé na terra (de verdade que me custa narrar esta sensación sen parecer un gilipollas que aluniza) sinto o cheiro, convertido nos días en arrecendo, que nos acompañará ao longo do noso traballo, da nosa estancia cos gumuz. Un aroma simplemente indescriptible, pero que se pega nos cabelos, na roupa, no diario, no caderno, nas botas, na pel. Mentres escribo isto, o meu diario aínda arrecende a África.


   Algúns nenos teñen furúnculos na cabeza, todos uns mocos que escoan polo nariz cara á boca, autoestradas cutáneas solidificadas coa calor. Unha manchea de moscas cobren aos cativos. Algúns teñen o bandullo inchado, amosando unha clara desnutrición. Uns van espidos, outros levan camisetas esfarrapadas co debuxos descoloridos: Giants, Eagles, Lakers, Beckham, Ronaldo, Samsung Mobile, son lemas e facianas que se poden intuír nas camisolas, de fabricación chinesa, por suposto.


   Uns vellos achéganse para saudar, cerimoniosos. Uns rapaces, nun abrir e pechar de ollos, traen unhas banquetas de madeira, para os faranji.

   .-Salam, salam.

    Seica o xefe está fóra, con outra xente, tendo conta do gando. Tócanos agardar. Tan pronto nos sentamos, fixámonos nun cabanote de pequeno tamaño, cun pequeno anexo cercado... e un panel solar no tellado:

    .-Ostia, Cerdedo, pois se este é o poboado máis alonxado da Modernidade, no que poderiamos ver á cultura gumuz máis enxebre, imos fodidos, comentámoslle escarallados da risa a Cerdedo, que se encolle de ombros.

    Trátase, nin máis nin menos, que dunha cabina telefónica. Este dispendio tecnolóxico débese nomeadamente á axuda internacional que chega a estes lares de cando en vez. Nalgunhas casas podemos ver tamén sacos de cereal procedentes de Estados Unidos. A bomba de auga de Bowla Dibas’i tamén foi construída con fondos de axuda a Etiopía.


   O xefe está ao chegar. Realmente chamámoslle xefe pero non é un xefe tal como o entendemos nós. De feito, a organización sociopolítica dos gumuz é de tipo igualitario. Non existen xefes, máis alá dos representantes políticos nomeados polo goberno, e a autoridade atópase sobre todo fundamentada na figura dos anciáns. Tódalas comunidades gumuz atópanse organizadas en clans, que manteñen relacións con frecuencia conflitivas entre eles, especialmente os que se atopan localizados máis preto uns dos outros.

   O xefe, entón, vén sendo coma o pedáneo das aldeas galegas, un interlocutor válido coa administración local, coma os patriarcas dos acampamentos xitanos. Nas sociedades premodernas, ás veces, ser nomeado xefe é unha tremenda putada. Nós sempe pensamos que o liderado, a xefatura, leva parella unha boa vida, unhas prebendas e privilexios, un status económico elevado... e non sempre é así. En moitas sociedades aboríxenes da Polinesia o xefe, se non cumpre coa comunidade é incluso asasinado. Coma unha comunidade de veciños calqueira en España, vamos. Doutra volta, o camiño cara á xefatura pode estar cheo de casualidades, de coincidencias, de malentendidos.

   Un galego universal, Alfonso Graña, acabou os seus días na selva amazónica coma o verdadeiro rei dos xíbaros, si, daqueles grupos étnicos mundialmente famosos polo costume (e que teñen cada cousa) de reducir as cabezas dos mortos. Este aventureiro[1] naceu nunha pobre aldea ourensá, en terra montesía, nas estribacións do Paraño e marchou a facer as Américas, a explorar o ricaz mercado da producción de caucho. En 1922 seica se interna na selva e acaba sendo venerado polas tribus guerreiras locais, os ahuaruna e mailos huambisa. Controlando un territorio dun tamaño como a metade da actual España, empregou o curso do río Marañón para baixar en barcas ás cidades os productos da selva. Nas súas viaxes ao mundo urbán levaba canda si a algúns destes homes e mulleres da Amazonía, aos que ensinaba a conducir, aos que levaba ao cinema e agasallaba traxes ao estilo occidental.

    Alfonso Graña converteuse en todo un chamán da Modernidade.

   Nas fotografías aparece sempre coa súa pipa, as súas gafas de época, ao estilo de Risco ou Bouza Brey, cos seus cabelos loiros perfectamente peiteados, e rodeado dos seus gobernados. O territorio sobre o que exercía o seu carismático liderado foi dividido en catro distritos, tomando o nome das catro porvincias galegas. Crese que morreu en 1934; daquela a IIª República española organizara unha ambiciosa expedición científica, a Expedición Iglesias ao Amazonas.

   O xefe que aparece non se parece nada a Alfonso Graña. Saúdanos amablemente e toma asento connosco. Faise o silencio. Aquía as cousas semellan que van a cámara lenta. O inspector fala co guía, que fala amhárico e gumuz, e este transmítelle ao xefe as nosas intencións. De volta, a información pasa polos dous filtros e chega a Cerdedo no inglés-etíope falado polo inspector. Coma os xogos aqueles que se facían nas veladas dos acampamentos de verán, nos que a mensaxe incial chega ao último receptor totalmente deturpada. Agardemos que aquí os malentendidos sexan os mínimos.

   O xefe accede a que nos aloxemos no poboado os días que faga falla, permitíndonos entrar nas casas para facer inventarios. A cambio solicita algún tipo de contraprestación para a comunidade. Obviamente Cerdedo xa tiña pensado pagar xenerosamente aos informantes do poboado que colaboren con nós estes días para facer entrevistas etnográficas. Pero iso non abonda. Pensamos en contratar un médico na capital do distrito e levalo a Bowla Dibas’i para que faga unha revisión a toda a xente e traia algúns medicamentos.

   Dúas familias se ofrecen para acollernos, no barrio do medio. Bowla Dibas’i está formada realmente por catro aldeas: unha emprazada ao S, alén río, ésta do medio, na que vive o xefe, outra cara ao N, nunha posición máis alta e a cuarta, ao NW arredada do resto. Esta última aldea, na que viven poucas familias recibe o curioso nome de High School. Por suposto, non existe ningún instituto de Secundaria. O nome provén dun plan de reasentamento deseñado polo Goberno comunista co gallo de concentrar a poboación nunha vila erguida ex novo na zona. Do proxecto inicial unicamente quedou o topónimo inglés.

   Os gumuz viven en casas delimitadas por unha empalizada de madeira. Como na casa tradicional galega, a casa non é só un edificio único, senón o conxunto de espazos e edificacións adxectivas: cortes, palleiras, hórreos… As casas gumuz abranguen un determinado número de estruturas, incluíndo a cabana principal, choupanas para os rapaces adolescentes (en idade de casar), cabazos, sequeiros e cortellos para as cabras e mailas ovellas. Dentro de cada espazo doméstico reside unha familia extensa: un home coa súa muller ou mulleres na casa principal mentres a cabana secundaria é habitada polos fillos máis vellos ou polo fillo recén casado e maila súa dona. Os parentes viven en espazos cercanos, porta con porta.

   Nunha típica unidade familiar gumuz destaca a presenza dunha casa circular principal (mes’a), duns 8 metros de diámetro e unha casa de xoves (kogwa), esta última de pranta rectangular e reducidas dimensións. Xusto despois de casar, os xoves seguen vivindo no mesmo conxunto de habitación cós seus pais, nas casas que se construíron durante a adolescencia. Dependen da casa principal para alimentárense, pois as kogwa carecen de fogar para cociñar. As parellas xoves traballan para o cabo da casa do conxunto de habitación no que viven. Pasado un tempo, o consello reúnese e asígnanlle á parella terras para cultivar e un sitio para construíren o seu fogar.

    O matrimonio é exogámico e por intercambio de irmás. É dicir, o mozo da aldea de Bowla Dibas’i casa cunha muller dunha aldea relativamente afastada e pertencente a outro clan (por exemplo, Daopa), mentres que a súa irmá casa na familia que forneceu muller ao seu irmán. Estas relacións de parentesco establecen azos entre os diferentes clans. Ademais, os homes gumuz poden ter máis dunha muller.

   Laclau e máis eu imos compartir o kogwa de Cornell e do seu irmao pequeno. Cerdedo e Haile residirán noutro durmitorio da casa veciña. Maxinade que seguides sendo adolescentes. Que tedes a vosa habitación, cos vosos discos, os vosos libros, os pósters de grupos musicais con tipiñas e tipiños cahondos. O voso espazo. O voso mundo, na idade do pavo. E nestas que chegan dous guiris e vos obrigan a deixarlles o cuarto por uns días, porque así o decidiu o presidente da comunidade de veciños do edificio. A min non me faría moita gracia.

   Pois alí estaban os rapaces, retirando as súas cousas, o seu caderno do colexio, os seus bolígrafos, os seus recortes de periódico, a súa roupa, limpando as camas sudanesas para que dous fulanos con pintas estean cómodos durante a súa estancia na aldea. Nós non sabiamos como dar as grazas aos rapaces

   .- Asegenaro, asegenaro!!! Repetiamos baixando a cabeza, nun rudimentario amhárico, de andar por casa.

   Mira ti por onde, vinte anos despois, vou poder dumir nun cabanote, o meu soño de pequeno, nos veráns de Cerasia. O meu pai tiña unha guía da provincia de Pontevedra, da autoría de Álvaro Cunqueiro, que amosaba como ilustración de portada a cabana reconstruida na citania de Santa Trega, na Guarda. Esa imaxe foi unha auténtica revelación para min. Eu quería ser castrexo. Na aira da casa do meu avó, na Ponte, tentei edificar a cabana, amoreando coios de cuarcita e ramaxes. Por suposto, non pasei das tres ou catro fiadas de cachotes. Nin argamasa, nin proxecto de tellado, nin nada. De tódolos xeitos, a miña ilusión podía con todo, e xa matinaba no enxoval doméstico para o interior da casa. Nunha incursión á casa vella din cunha vasilla de Gundivós, unha xerra típica da zona de Lemos, de barro cocido, de cor negra. Alí a puxen dentro do cabanote, un simple círculo que apenas levantaba tres cuartas do chao.

   O meu avó case me mata. A xerra era un recordo que el tiña da súa avoa, e non quería perdelo por nada do mundo. Tralo conflicto familiar a obra quedou parada (non había presuposto, nin plano, nin gañas). O meu tío, tamborileiro, canteiro, facedor de fornos, cazador, pescantín, enterrador, badaleiro e moitas outras cousas máis, deulle por satisfacer os meus anceios de Living History. En dúas horas, cuns paus e apañando palla da meda, ergueume un cabanote, máis propio dos Siuoux ca dos galaicos, pero que colmou tódalas miñas espectativas arquitectónicas. Aínda conservo unha foto (debe de ser do ano 85 ou por aí) na que aparezo diante da choupana, armado cunha aguillada e cun escudo, coma Don Quixote. O escudo era a tapa metálica dunha pota xigante das de facer o cocido.

   O castrexo da Ponte.

   Noutra choupana galega, case totalmente derruída, da parroquia de Amiudal, nas terras de Avión, onde para facer honra ao nome hai helipuertos nas mansións dos emigrantes que voltaron ricos de Brasil e México, consérvase na parede, esquencida por todos, unha lápida que reza:

   Casa natal de Alfonso Graña, rey de los jíbaros.



[1] Maximinio Fernández Sendín (2006): Alfonso I de la Amazonia. Rey de los jíbaros. Edición do autor.

Faranji é o complemento da exposición fotográfica 
"Onde as rúas non teñen nome: unha ollada etnoarqueolóxica ao pobo gumuz".
Comisariada por Sonia García Rodríguez (LAPA, CSIC), vai percorrendo Galicia.

Capítulo I: Abisinios

Capítulo II: O negro Belarmino

Capítulo III: 'España 82

Capítulo IV: D.E.P.

Capítulo V: Etnoarqueoloxía

Capítulo VI: Esto no es Abisinia

Capítulo VII: Sidi-Ifni

Capítulo VIII:  Live Aid

Capítulo XI: París la Nuit

Capítulo X: Alí Ben Maquía

Capítulo XI: Rumbo ao Sur: Oromía

Capítulo XII: Gurage coma ti

Capítulo XIII: Lucy Room

Capítulo XIV: Rastafari

Capítulo XV: Tieist

Capítulo XVI: Falasha

Capítulo XVII: China Town

Capítulo XVIII: A feira do 25

Capítulo XIX: Save the Children

Capítulo XX: Terra de misión

Capítulo XXI:  Sheikh Khoyele Al-Hassan

Capítulo XXII: Etío-cubano

Capítulo XXIII de Faranji: O chino cudeiro

Capítulo XXIV: O Tesouro

Capítulo XXV: Markos

Capítulo XXVI: O funeral

Capítulo XXVII-. Gizen

Capítulo XXVIII-. Forza Italia

Capítulo XXIX: Mili KK

Todas as colaboracións de Xurxo Ayán en Certo, aquí


Chuza esta nova
Compartir

Chuza esta nova
Publicado: miércoles 02-mar-11
Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Faranji (Limiar)
Páxina seguinte: David_Fdez_W