O_último_coito
Esta perspectiva non defende persoa, enfoca unha idea
Baixan os soldos do funcionariado, recórtanse as pensións. As garantías sociais tremen, e onde dixen digo digo Diego. A oposición bombardea para facerse un oco de poder, pois histórico é que as dereitas e as garantías sociais non se levan moi ben. Eles son máis ben de capital e propiedade privada. Andamos a nadar en augas turbulentas que de seguro nos deixarán a calidade de vida tan mollada como a tiñamos, pero vivimos con abraio un presente de medidas sen precedentes… ou con precedentes, non nos deixemos levar polo quentón do momento, pois non está ben valorar ao amante pola calidade do último coito (aínda que o último coito se viva coma se fose o primeiro).

Esta perspectiva cabaleira incide en que nos alporizamos coa realidade política do momento presente porque quizais non comprendemos abondo o que ocorre, por alimentar noso intelecto con titulares tendenciosos (cando non capciosos) de xornais en cuxos artigos non profundamos nin contrastamos con outros de outros xornais de ideario distinto. Deixámonos levar por un temperamento social a flor de pel que se explica porque somos humanos e, se tiramos a matar contra o presidente da comunidade de veciños cando non nos mira, que non faremos co presidente do goberno que vive en Madrid e “decide por nós”?

O presidente Zapatero non parece un mal home, pero quizais non teña a axeitada dote de mando nin o temperamento que cómpre para estar na cúpula dun goberno. Esta perspectiva quere enfocarse na necesidade de raciocinio á hora de xulgar a un gobernante evitando a crítica hostil sen peso, sen argumentos nin ren. Quizáis Zapatero se deixe levar polos seus adláteres. Quizáis non teña os coñecementos abondo para rexer un territorio tan vasto. Seguro que dorme mal, que medita pero non consegue poñer en práctica o resultado das súas meditacións. Seguro que non le aos clásicos nin el nin seu séquito (Blanco deféndese seareiro de Dan Brown e Rubalcaba de Domingo Villar). E esas carencias humanísticas están nunha cúpula de traballadores do estado cuxa sinerxía falla; agora como unha escopeta de feira. Outro líder coa mesma sinerxía de traballo fracasaría igualmente. E esa sinerxía de traballo esta á deostar o concepto de socialismo. Unhas persoas dun intre presente non fan ideoloxía, non entremos a valorar polo último coito.

Todos os artigos de Jorge Emilio Bóveda en Perspectiva Cabaleira
Páxina anterior: Perspectiva_cabaleira
Páxina seguinte: TDT_No_gracias