O_señor_Avelino
/Certo%20Autopromocion1.jpg)
O Sr. Avelino é un velliño coa faciana engurrada, boina na calva e un mondadentes nos beizos que non apea dende que deixou o tabaco. Xa o corpo lle deu dous sustos: por iso el e máis a súa muller, Maruxa, viven agora en Vigo porque alí teñen aos fillos.
As fins de semana enfían cara a aldea e alí aínda o Sr. Avelino colle o sacho, limpa a horta, poda a vide, e traballa arreo. En Vigo leva vida de señorito.
Como fixo toda a vida, ergue co sol, almorza o pan mollado no café “augachirla” que lle prepara Maruxa e marcha á parada do autobús, coma o que vai ao curro, pero el vai de paseo, a mirar mozas. Maila que xa cumpriu os setenta aínda camiña ghicho e o apetito non o perdeu.
Como ten o carné de pensionista o autobús sáelle de balde, colle o circular que lle revira a cidade toda en redondo, baixa onde lle peta para collelo despois outra vez. Apéase na praza da Princesa e camiña até o Berbés a mirar ás peixeiras e o peixe; ou na avenida de Castelao, para mirar ás dependentas do híper. Pero onde mellor o pasa é nas Traviesas, porque alí hai mulleres a esgalla pola rúa calquera día á mañá.
Avelino é de gustos amplos, moi benévolo coa beleza das femias, pero ten as súas preferencias: as cincuentonas ou sesentonas que andan co carriño da compra chístanlle moito se manteñen as súas curvas e moven o pandeiro ao xeito. Tamén desfruta coas rapazas de quince do instituto e encántalle a moda dos pantalóns de talle baixo, amosando as carnes das costas. Pásao bomba o home mirando ás unhas e ás outras e fálalles polo baixiño :”Qué perolas gastas, nena!” , “Ai quen subira polo racho da túa saia!” pero tamén é crítico co que mira e non ten compaixón cando unha non lle enche o ollo: “Ti, nena, por moito tacón que leves, non che quero nin para levadura dos porcos”.
As que máis lle interesan son as de cús gordos e cinturiña estreita, as de peitos cheos, pelo longo e beizos pintados: chámalle parvo! Cando atopa unha xamona destas, persíguea uns metros, asentindo coa cachola e remexendo no mondadentes.
Avelino, ao que na aldea chámanlle Lino, non ten vergonza en mirar ás unhas e ás outras por diante e por tras e por riba e por baixo, sen desemulo ningún, co pauiño na boca e a súa boina na calva.
Eu non sei se ao Sr. Avelino aínda se lle empina aquilo pero semellar, semella polo gusto que ten en pasar toda a santa mañá pola cidade adiante rosmándolles ás mulleres.
Cando xa chega a unha da tarde, Lino colle o Vitrasa que o leva á casa porque Maruxa xa ha ter a comidiña feita e eles son moi puntuais no xantar.

Shigeo Tokuda, o actor porno xaponés máis vello do mundo en activo
Todos os textos de Susana Moo en Certo, aquí
Publicado: jueves 30-abr-09
Páxina anterior: Susana Moo
Páxina seguinte: Susana_Moo_castellano
Agregar Comentario