O_noso_idioma_galego

Compartir

   Dende xa fai ben de tempo fun unha persoa de valores onde hai certas cousas que me roen un pouco por dentro. De cativo ía á escola onde todos, absolutamente todos, excepto unha nena, agora moza, falabamos o galego (ou mellor dito, o jallejo). Agora, por mor das emporcadas campañas electorais hai moita, repito, moita xente que lle tén fobia ó seu, ó noso legado: o idioma galego.

   Considérome unha persoa libre, sen atadura de ningún tipo. Non pertenzo a ningunha ideoloxía política de ningún tipo, e tampouco me deixo levar polas que máis me tiran, xa que dende o meu ver, a política non é un xogo limpo. As verbas deste texto agardo que sexan emitidas dende un sentimento galego que agardo espallar por todos vós coma o sulfato do mes de xullo.

   Dicir tamén que antes de coñecer Certo, era un adicto á sección de opinión da Voz de Galicia onde discutín moitísimo sobre cuestións de lingua, de valores e mesmo de identidade. Alí falaba todo o mundo con total liberdade, mesmo en ocasións faltando ó respeto ó ser lector do xornal. Dende alí sempre defendín o meu idioma, e traguei con todo o que iso conleva. Chegaron a dicirme cousas coma: “Es que en Boiro no ves más allá de los grelos: ¡levanta la vista!”.

"Es que no ves más allá de los grelos..."

   Xa podedes ver que con estas cousas hai que ter moita paciencia, xa que un non está para aturar á xente desta caste. Eu facíao de boa gaña, pois o tema era dun interese fundamental para min, como persoa, e como galego. Ata que un día, non sei por qué, os meus comentarios eran coma censurados, pois eu escribía, enviaba, e nunca se reflexaban na faciana gráfica de dito diario.

   Alí falaban moito os de Galicia Bilingüe, colectivo polo cal tomei algunha ca outra molestia. Este colectivo defínese por defender un bilingüismo irreal na Galiza de hoxe en día, xa que o que madura nesta árbore galega é a diglosia onde o castelán esmaga con bota gorda ó noso.


   Escarabellando no material desta xente descubrín o colmo dos colmos: a manipulación dos nosos cativos. Vin un video onde unha rapaza galega chamaba a un programa de televisión dicindo algo así: “Yo quiero aprender el castellano porque cuando yo haga estudios superiores y me vaya a Madrid quiero entenderme perfectamente con la gente que me rodea”. Incrible pero certo. Triste pero certo. A súa teima por erradicar parte da nosa cultura non tiña trabas nin límites.

"Non quixera que o meu idioma nin ningún idioma se voltase usar como arma arroxadiza do campo da política como se fixo no pasado un de marzo deste ano, xa que un idioma non debe ter cor política, senón sentimento e arroupamento da xente que o fala"

   Tan só meter aquí un inciso: unha cativa que coñezo, que ten tres anos, case catro, fala tres idiomas (mezclados pero fálaos) dependendo de con quen trate: avós paternos residentes en Marrocos, avós maternos galegos. Entón a nena fala en marroquí, galego e castelán... Con catro aniños aínda por cumprir... Que mágoa que haxa outras que sexan tan limitadas, qué mágoa!

   E eu pregúntome: os nosos galegos emigrantes, cómo farían para comunicarse aló no estranxeiro? Non estou falando do castelán, que é un idioma que tragamos día a día –coma para non aprendelo-.

   Xente que tivo que fuxir á América, a Suíza, a Inglaterra, etc. Xente sen estudos de ningún tipo, sen saber o que se ían atopar aló onde fosen, sen nada máis có medo que levaban no corpo polo temor ó descoñecido. E agora veñen os membros desta asociación dicindo que unha nena de hoxe en día, do S.XXI non é capaz de entenderse en castelán... Qué fracaso!

   Con todo isto que dixen, non quero para nada menosprezar o idioma castelán, xa que me parece unha fonte de riqueza inmensa e dende o meu ver, todo galego que teña a oportunidade debería aprender os dous idiomas da súa terra, a aparte dos outros que se poida, xa que un idioma é cultura, riqueza, sabiduría, opción de traballo, comunicación, sentimento, ...


   Non quixera que o meu idioma nin ningún idioma se voltase usar como arma arroxadiza do campo da política como se fixo no pasado un de marzo deste ano, xa que un idioma non debe ter cor política, senón sentimento e arroupamento da xente que o fala. Máis nada.


Chuza esta nova
Compartir

Chuza esta nova
Publicado: lunes 05-oct-09
Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: JJ_Fernández_Suárez
Páxina seguinte: Padre_Teixugo