O desbrozador

Temos uns ferrados na aldea que cando a primavera vai corrida hai que desbrozar e dese choio encárgase Cándido, ao que chaman Chiño, un veciño dalí ao lado.
Non se pode dicir que Chiño sexa guapo se o miras de primeiras, é un labrego de estatura máis ben recortada, pel curtida polo sol, polo vento e tamén pola chuvia. Non sabería dicir a súa idade, pero de seguro anda entre os trinta e os cincuenta.
O Chiño chega a miña casa e eu invítoo a un café
-Non quero! Xa o tomei no “Atalaya”...
Chiño trátame con moito aquel e non nos tuteamos. Mirámonos ás achadas o un á outra porque ambos os dous sentimos curiosidade pero non temos moita conversa a primeiras.
"Chiño está moi cachas. Non é un musculetas de ximnasio, é pura fibra apertada, carne dura coma a rocha, tensa mesmo cando está relaxado"
O home trae pulo e eu déixolle facer, métese na caseta das ferramentas, pon pantalón vello, camiseta eslamiada e botas, a desbrozadora ao lombo e o parapeto de plástico transparente para protexer os ollos.

Métese na caseta das ferramentas...
Eu vixío de lonxe, porque quero ser discreta e porque o ruído da máquina moléstame moito. Vixío como Chiño arrapiña con fentos e silveiras, pero sobre todo vixío o intre no que Chiño comeza a suar. Hai que ver cómo molla o corpo todo, a camisetiña quédalle cinguida. De cando en vez levanta o parapeto e limpa a fronte co antebrazo, pero non se entretén, traballa de seguido.
Alí polas doce o Chiño xa debe de andar a rebentar:
-Chiño, veña tomar unha cervexa, home!!, bérrolle para que me escoite por riba do motor.
-Vou.
O home avergónzase de estar tan suado, tan manchado na miña presenza, pero a min encántame o contraste, tanto é así que aproveitei para ducharme xusto antes de ir chamalo e cheiro fresquiña coma unha flor, o pelo aínda mollado.
-Vou a me lavar un pouco, infórmame Chiño maila que me pese.
Aló o vai ao pilón da fontiña, a refregar a cabeza toda debaixo do chorro, a frotar as axilas e os brazos, o peito e o pescozo.
Chiño está moi cachas. Non é un musculetas de ximnasio, é pura fibra apertada, carne dura coma a rocha, tensa mesmo cando está relaxado. Chiño lava eses seus músculos no pilón e usa o xabón lagarto da roupa para fregar a súa pel disformemente bronceada, cun marcado “moreno de obreiro”, ese no que os brazos denegridos contrastan cos ombreiros de neve.

Chiño vén tomar a cervexa limpiño coma un repolo...
Ten abundante pelo no corpo, salvo no lombo: ten nos brazos e nos sobacos pero onde se fai realmente abundante é alí onde empeza o pantalón, alí onde Chiño acocha o que nunca lle mirei.
"O home avergónzase de estar tan suado, tan manchado na miña presenza, pero a min encántame o contraste..."
Chiño vén tomar a cervexa limpiño coma un repolo, pero xa empezando a suar de novo. Sirvo a súa cervexa fría pero antes quere beber auga e bebe, bebe a esgalla e me divirte ver a súa noz subindo e baixando cos grolos que envía gorxa abaixo.
Xa como norma, sírvolle tamén un bocata de xamón de barra enteira que come cunha fame que da gloria miralo.
-Chiño, quere outra cervexa?
- Ta ben, dama.
Pouco a pouco o Chiño e mais eu falamos, falamos do mel do ano, do viño novo, da casa que está a facer a filla da dentista... pero Chiño é un home de acción e non se anda con compadreos :
-Veña, ao choio!, di Chiño e marcha a buscar a desbrozadora namentres ca eu ...eu, en fin tampouco me parece que lles teña que contar todo o que eu fago.
Páxina web de Susana Moo: http://www.susanamoo.com
Páxina anterior: Susana Moo
Páxina seguinte: Susana_Moo_castellano