Nudismo_Barbanza

Compartir

Nudismo en Barbanza: sen novidade na fronte

A actividade nudista en Baroña é continuada dende os anos 80 do século pasado

    Barbanza, agosto de 2009. "Aquí todo segue coma sempre. O de Cádiz é a historia de todos os anos: políticos que non saben que facer para impoñer o que eles pensan". Así se expresa Ramón, un asiduo á praia nudista por excelencia da bisbarra, Baroña, en Porto do Son. Falamos con el e con tres practicantes máis do nudismo nas praias de Barbanza: Rosa, Ana e Alexandre.


   A polémica protagonizada por Teófila Martínez, alcaldesa popular de Cádiz, ao querer prohibir o nudismo nunha ordenanza municipal, provocou ríos de tinta nos xornais tradicionais e horas de televisión con debates encendidos e mesmo patéticos (escoitarlle ao Yoyas -Carlos Navarro, ex concursante de Gran Irmán- que ir espido é antihixiénico ou a un presunto sociólogo como Miguel Ángel Almodóvar dicir que os nosos ancestros xa se tiñan que amarrar os xenitais para ir cazar é abraiante). Mais non saíu daí: estar espido en calquera praia deste país é perfectamente legal e non hai ningunha lei que o prohíba.


    Detrás das persecucións a esta práctica naturista, que este ano se deron en Cádiz e noutras tempadas en diversos sitios de España, adoitan estar grupos fundamentalistas como Hazte Oír. Esta facción, que promove campañas dende a súa web contra todo o que cheire a novos dereitos sociais ou liberdade de escolla (aborto, Educación para a cidadanía, matrimonio de homosexuais, preservativos contra a sida), desenvolve tamén unha para que se creen "praias familiares". Pero para o seu modelo de familia, por suposto.


    Rosa explica: "Os nudistas non precisamos praias especiais. Válenos calquera. O noso é tan sinxelo como non levar bañador ou biquini. É unha escolla persoal. Hai xente que lle ve unha ideoloxía, ou que o fai por filosofías que cre de máis altura. Eu non: tan só descubrín que estou moito mellor así e nada máis. Non estorbo a ninguén, nin ando provocando como intentan facer pensar algúns".


   Alexandre maniféstase sobre o das "praias familiares": "Eu vexo aquí en Baroña a familias enteiras espidas e non teñen ningún problema. E un pouco máis alá, tamén as hai con bañador: a convivencia, polo menos nesta praia e nos últimos anos, non é motivo de conflito algún. Isto xa non é coma nos tempos de Miguel Cancio e o seu grupo "Tetiñas free", aínda que a eles debémoslles moito para que se normalizara o nudismo en Galicia e nesta praia en concreto. Aquí xa non hai veciños arrebolando pedras nin curas perseguindo a ninguén por ir espido. Felizmente, eses tempos pasaron. E agardamos que non volten, por suposto".


    Ramón é máis combativo: "No caso de que autoricen esas chamadas praias familiares, nós tamén queremos unha proteción para as familias nudistas: ou non imos poder ir nós á praia polo feito de ser nudistas? Imos ser discriminados polo feito de non querer empregar bañador? E xa que eles piden multas para os que din que atentan contra a dignidade das súas especiais familias, nós tamén imos pedir que se empapele aos pais que lles inoculen aos seus fillos a espidofobia. Xa sen bromas: parece mentira que a estas alturas da historia se sigan os ditados dunha relixión obsesionada co sexo e cos xenitais como é a católica. Que saibamos, démonos unha Constitución que di que este é un Estado aconfesional. Teremos que respectarnos todos, non?".


   Ana incide no da excusa da infancia: "Unha das desculpas para prohibir o nudismo é que hai nenos. Xa hai moitos anos que se estudou o asunto, pero os carcas seguen lendo o que lles convén para as súas prohibicións. Entidades tan fóra de sospeitas como Unicef dixeron, só hai que buscalo en Internet nos seus arquivos, que o nudismo non afecta ao desenvolvemento sicolóxico dos nenos, incluso que vexan o estar espido como algo normal é positivo. O conflito xurde cando se atribúen aos xenitais conceptos negativos, cando se provoca un autoodio do propio corpo. Eu son filla de pais nudistas e nunca tiven ningún problema ao velos espidos  pola casa e pola praia. Agora que tamén se está coa obsesión da pederastia: hai ben de casos de pederastia relacionados con curas, e é excepcional que se teña detectado entre nudistas. Creo que sabemos ben quen vai vestido ata o pescozo e quen non. A excusa dos nenos non é válida dende ningún punto de vista racional."


   Rosa alude ao asunto de que estar espida é antihixiénico: "Iso é unha tontería como unha catedral. É como dicir que os que levan rastas son uns porcos, ou que todos os xitanos non se lavan. Son xeralizacións aberrantes. Eu lávome coma todo o mundo, e xa alucino de ter que dicilo. Que ao sentarme nalgún lado podo deixar suor ou fluxos corporais? Eu na praia emprego toalla como todo o mundo, e cando non estou nela, póñome algo que logo poida lavar de xeito doado. E xa estou alucinando de ter que contar cousas que son de todo normais. Eu nunca lle pregunto a alguén que vai vestido onde pousou o cú antes de sentarse nunha silla miña, e pódeo traer enlixado coma o que máis (risas). En fin, é surrealista ter que falar disto".


    Alexandre acode de novo ao sentido común: "Eu respecto que a xente vaia con bañador ou como se se baña con polainas, como as nosas avoas. Pero en agosto, a máis de 25 graos de temperatura, que non me digan que bañarse espido non é o máis lóxico? Alguén se ducha co bañador? Se é así, eu aconséllolle que vaia ao siquiatra. A teoría esa de que o nudismo vai contra as conquistas dos humanos no sentido en que dominamos a natureza e precisamos protexernos dela, por iso nos abrigamos, cae polo seu propio peso no verán. E mira que eu non son dos que xa queren ir tamén espidos polas rúas... !!!".


     Un dos asuntos que preocupa aos novos practicantes de nudismo é a legalidade. Ana, avogada aínda que non exerce, explícao: "Na nosa Constitución está claro que o que non está regulado por lei está permitido, só hai que mirar o artigo 25. Antes había, xa no Código Penal, a figura do escándalo público, que foi cambiado en 1988 polo máis concreto de exhibicionismo e provocación sexual. É unha figura que queren recuperar os de sempre: a xente que ten problemas coa súa sexualidade, ben sexa por unha educación sumamente represiva, ben sexa por falta de cultura".

Runtime víao así na reportaxe do ano pasado

     Xa no tocante aos lugares preferidos polos nudistas na bisbarra de Barbanza, as inclinacións de Ramón son Baroña "e incluso ás veces vou cuns amigos a algunha poza no río Pedras, ou noutras por diversos regatos que están medio agochados. Poñémonos en lugares discretos e son ideais para días de moita calor, pois a auga dos ríos de Barbanza baixa fría sempre. Xa nos temos atopado con visitas inesperadas, sobre todo de motoristas de trial, pero cada un anda ao seu". Ana di que como a praia de Baroña "atópanse poucas, polo seu ambiente e pola paraxe espectacular co castro de fondo. É un pouco perigosa para bañarse, pero con coidadiño non pasa nada. Tamén teño estado nalgunha zona do Vilar, en Ribeira, pero menos". Rosa confesa tamén a súa debilidade por Baroña, "aínda que Queiruga tamén está collendo moita forza no nudismo dos que vimos dende Compostela. Ten un acceso máis complicado e estase máis tranquila. Antes teño ido acampar a Baroña con amigos, pero agora o sitio ideal é Queiruga. Espero que non se estraguen estes paraísos que tedes aquí".


Opinión

Nudismo, por Susana Moo

    Para falar da miña posición sobre o nudismo podo referirme ao obvio da incomodidade da licra mollada, ao toque rebelde que representa, ao puntiño exhibicionista ou ao gusto voyeur, pero vou ir un pouco máis aló.

    As prendas humanízannos, defínennos, protéxennos e resultan tremendamente cómodas para a nosa psique. Pero o certo é que somos espidos, que o noso corpo é o que é, sen outro adobío máis que a pel. Estar espidos baixo o sol fainos lembrar a nosa animalidade imperfecta, a nosa fraxilidade e a vulnerabilidade da nosa nudez, a propia e a allea, onde aparecen flaccideces inesperadas, cicatrices mal cosidas, estructuras ambiguas e outras marabillas que se nos negan, que se nos agochan nese afán martelador dun modelo de beleza único.

    Espirse ao vento é un xeito de agradecer o noso fermoso corpo imperfecto. A maneira máis elegante que coñezo de brindar coa vida.


Compartir

Publicado: jueves 27-ago-09

Agregar Comentario

Agregar Comentario

Su nombre(*):
Comentario(*):
 

Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Reportaxes
Páxina seguinte: Humor_gráfico