No_meu_mar_na_miña_lingua

Compartir

 

A crónica da presentación

con imaxes en Bico da Ría

--------------------------------

O luns 31 de maio preséntanse os resultados do multipremiado proxecto

"No meu mar, na miña lingua" no IES "Félix Muriel"


    Rianxo, 30 de maio de 2010. O luns, 31 de maio, ás 11,15 da mañá, no IES "Félix Muriel" de Rianxo, vanse presentar os resultados do proxecto plurianual No meu mar, na miña lingua, galardoado desde o seu nacemento, no curso 2007-2008 ata este momento de peche, con tres Premios de Innovación educativa en Normalización lingüística.

   No acto vanse presentar os vocabularios multilingües (galego-castelán-inglés-francés-portugués) elaborados  durante estes anos centrados no ámbito dos deportes náuticos e mais das embarcacións tradicionais. Estudantado e profesorado do ENDL do IES realizaron un traballo de investigación que culminou nun dicionario visual editado en papel, noutro en formato dixital, e en varias láminas con debuxos onde se indican os nomes das distintas partes das embarcacións de vela, remo e piragüismo (canoa e kaiak). Tamén se traballou nas embarcacións tradicionais: gamela, racú, barco de batea e xeiteira. Os vocabularios están organizados por campos temáticos, contan con ilustracións a color de cada un dos termos definidos e ademais coas correspondencias dos termos en varias linguas (castelán, inglés, francés e portugués). Dentro do mesmo proxecto tamén se editaron un par de vídeos sobre a carpintería de ribeira e mais sobre os deportes náuticos.


   Participarán no acto: o secretario da Real Academia Galega (RAG), o rianxeiro Xosé Luís Axeitos Agrelo; o director do Centro de terminoloxía científico-técnica de Galicia (Termigal) Manuel González González, o tamén académico, catedrático da USC e especialista en terminoloxía Francisco Fernández Rei; o expresidente da Federación pola Cultura Marítima e Fluvial, Fernando Piñeiro, a coordinadora dos ENDL da provincia da Coruña, Mercedes Queixas; a responsable dos Premios de Innovación en Normalización lingüística da Consellería de Educación, Olga Iglesias e a concelleira de cultura do concello de Rianxo, María del Carmen Figueira.

Máis información:

Bico da Ría, revista do Instituto "Félix Muriel"


Intercambio normalizador da lingua co Morrazo


Alumnos dos dous centros nos castros de Neixón. Vexa a entrada en Bico da Ría, aquí

   Por outra banda, o pasado venres, día 28 de maio, o alumnado do Equipo de Normalización e Dinamiazación lingüística do IES "Félix Muriel" de Rianxo recibiu no seu centro a visita de rapaces e rapazas da súa mesma idade dun instituto do Morrazo: o IES Rodeira de Cangas. A actividade consistiu en que o alumnado dos dous centros realizasen unha xornada de convivencia empregando a lingua galega, lingua habitual do alumnado rianxeiro pero non do cangués.

   Sobre as 10 da mañá, o alumnado de Cangas chegaba ao IES rianxeiro onde foi recibido no salón de actos, onde os membros do ENDL lles presentaron as actividades do equipo, explicaron as características máis destacadas do seu concello e mais o itinerario da xornada de convivencia.

Castelo da Lúa

   Os oriundos fixeron de guías na visita programada pola vila rianxeira durante a mañá, que discurriu desde a praia da Torre e mailo Castelo da Lúa até a praia de Tanxil, parando no centro da vila para visitar a capela da Guadalupe, as casas de Castelao, Dieste e Manuel Antonio, a igrexa de Santa Columba, a praciña coas casas do remo, a ribeira e outros puntos de interese.

Rianxo dende Neixón

   Ao mediodía dirixíronse aos Castros de Neixón, onde xantaron e visitaron os castros, para logo subir ao Pico Muralla onde, como o día estaba bo, puideron disfrutar da paisaxe. A última visita foi ao hórreo do Araño, despedindo logo os visitantes na praza de Manuel Antonio en Asados ás 19:00 horas.


Praza de Manuel Antonio en Asados (Rianxo)

   Todo o alumnado participante contou cun dosier informativo sobre todos os monumentos e os espazos naturais, e para facer máis amena a visita, todos participaron nun xogo de pistas. Esta xa era a segunda xornada de convivencia, pois xa houbo un primeiro encontro na vila do Morrazo no mes de abril con resultados moi positivos e onde os rianxeiros coñeceron, ademais da vila de Cangas, o cruceiro de Hío, a punta de Cabo Home e mais a praia de Melide.


Compartir

Publicado: domingo 30-may-10

Agregar Comentario

Agregar Comentario

Su nombre(*):
Comentario(*):
 

Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Postos_de_traballo
Páxina seguinte: Pobra do Caramiñal