Negro_paraíso

Compartir

   Acostumo a escoitar música mentres canibalizo algún tema para Certo: axúdame a sentir o que quero reflectir na columna e fai que as verbas flúan moito máis lixeiras. Desta volta tocoulle a quenda a Dark Paradise, de Lana del Rey.


     Descubrín a cantante porque un amigo hiperfreak da música moderna, alternativa e indie ma recomendou haberá cousa dun mes. Busqueina no Spotify, escoitei un par de temas e convenceume. Dende aquela non paro de escoitala, a ela e a Florence and the Machine. Mais haberá cousa dunha semana asombroume ver a súa cara nunha portada do suplemento dominical de La Voz de Galicia cun titular que aludía o controvertido da figura. Quedei abraiada porque, eu, á cantante non lle albiscaba un mínimo de provocación como si podía ser, por exemplo, Lady Gaga ou Rihanna.


    Asombrada fiquei e lin o artigo. E asombreime aínda máis. A polémica xiraba arredor das operacións de cirurxía e a propia estética da implicada. Segundo a revista, Lana del Rey fíxose a si mesma a base de operacións e máis operacións nas que decidiu quen quería ser, fisicamente falando, e quitou e puxo onde deus non quitou ou non puxo. Despois, e de seguro, o máis preocupante para os seus detractores, diseccionaron a estética escesivamente cincuenteira (léase aquí machista) que Lana segue na súa carreira. Algo tan rancio que recorda esa teoría norteamericana pola cal a muller é un simple obxecto ao servizo masculino, principalmente como nai. A roupa, os comentarios e a forma de entender a súa feminidade coroan a esta cantante, Lana del Rey, como un reduto machista no medio de tanta muller liberada e libertaria, bempensante, dende logo.

    Aínda máis asombrada métome no youtube a ver que demos teñen eses vídeos para que sexan tan antifeministas. E, a verdade, non atopei máis que o de sempre. Cunha estética, si, moi coidada e moi anos cincuenta, e con leves pinceladas da Lolita de Nabokov, pouco máis. Todo moi americano, con exotismo e bandeiras por tódolos lados, cun tigre, incluso, e para! Nada máis reseñable. Catro esceas onde se entrecruzan un par de beizos e un pouco de escote por algures. Nada máis!




As saias poden ser agora máis curtas pero dende logo as esixencias de perfección e recatamento son moito peores

     A miña incredulidade non encontraba acougo e seguía a preguntarse a razón pola que aquela cantante suscitaba tanta dúbida máis alá da posible calidade musical.

    -Un paraíso negro é  unhas desas grandes mentiras que che venden como mellora e que logo resulta que non son máis que maneiras de darche polo cu sen que te enteres.-

   -A revolución feminina, por exemplo?

    -Si, exactamente. Agora, á parte de sermos boas nais e esposas, temos que ser tremendas na cama, ter dúas carreiras universitarias e defender os dereitos dos pobres. Cambiou a careta, pero o lobo segue a morder. E por riba, preséntannolo coma se fose logro alleo: a revolución feminina, coma se un deus omnipotente nos dera permiso para revelarnos, coma se foramos pezas dun xadrez, dunha partida allea que se xoga no noso nome, pero nada máis. Sen voz e sen voto.  E non te atrevas a discutir porque de contado táchanche de machista e desautorizan a túa voz. As saias poden ser agora máis curtas pero dende logo as esixencias de perfección e recatamento son moito peores. Por exemplo, cos escotes. A quen lle importa se amoso ou non as boas tetas que miña nai me deixou en herdanza? A todo o mundo! Para as progres liberais porque reproduzo un canon machista imposto pola sociedade, para as liberais sen adxectivos porque fago do meu corpo un saio, para as defensoras da “familia”porque renuncio a todo o que se me dou.

A miña dignidade comeza e remata en min mesma. A miña vida non é un exemplo para ninguén máis que para min mesma. O mero feito de ter tetas non me predispón a nada, e menos a pronunciarme ou non, a favor ou encontra da loita de xéneros

    Falan por min. Eu só quero vivir a miña vida sen adxectivos. Xa non se pode ser dunha “minoría” e estar tranquila. Se es negra, porque es negra, se es muller porque es muller, se es xudea porque es xudea, se es estranxeira porque es estranxeira. Tranquila, así é como  quero me deixen, e me traten. Ben puidera parecer que con tanto intento protector compraron as armas dos vellos verdugos e volveron infantilizarnos como antes fixeron os outros. E cos mesmos argumentos, por certo, para a protección da muller, só que antes polo marido ou o pai e agora pola sociedade. A miña dignidade comeza e remata en min mesma. A miña vida non é un exemplo para ninguén máis que para min mesma. O mero feito de ter tetas non me predispón a nada, e menos a pronunciarme ou non, a favor ou encontra da loita de xéneros.


    Como dicía Cyndy Lauper, as mozas só queremos divertirnos, que se deixen de negros paraísos feitos para o seu propio interese. Como o que lle aconteceu a Lana del Rey, viches? A quen lle importan as operacións de estética ás que se someteu, a quen lle importa os xerseis que leva? Se de acusar vailles quedar o dedo ergueito e aí, cando sexamos culpables de algo, que imos facer?

Todos os artigos de Tamara Peña no "Venres caníbal", aquí

Venres caníbal anterior:

Que queren de nós (II)


Chuza esta nova
Compartir

Chuza esta nova
Publicado: viernes 15-jun-12
Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Venres_caníbal
Páxina seguinte: Manuel_Venator