Moito_músculo, pouco_cerebro

Compartir

    Ese  fulano é o tal que cando toca madeira para zafar o meigallo, en toques de levar a man á fronte, como se a tivera chea de lizo, el vai e dirixe os seus dedos ao paquete. "Toca madeira", di colocando a man no vulto do pantalón e, que o demo me leve se o tipo esaxera.

    Suaviña por fóra, coa súa pel elástica, o tronco marrón e a bola rosada, a coroa de rizos e mais as pelotas no lugar axeitado, todo coma as dos outros. Pero ese pirolón endurece que é algo paranormal. É un fenómeno o do carallo do cachas. Por poñer unha estimación: pódeche albergar dentro do cilindro un par de litros de sangue. Precísase achegar ben a mirada e apalpar como fixo Santo Tomás para crer que iso non foi fabricado con goma de látex.

    Xa vos imaxino aí, detrás da pantalla levantando escépticamente unha cella, matinando para vos que xa está a Susana a esaxerar. Pois non, digo á puriña verdade: o fulano tena de carballo, pero é que o guicho, ademais de dura tremenda, tena gorda robusta e longa sobrada. Xa ainda por riba a mandinga do rapazote ten un aguante que non é deste mundo. É quen de estar encabalga que encabalgarás o tempo que precise. A oportunidade venlle ditada polos estímulos externos, e, se ten compañeira rebuldeira, o tempo pode estenderse unha hora, dúas, tres, segundo o estado físico da afortunada, pois no que a el atinxe está en forma que da gloria. Horas de ximnasio avalan o que escribo. Moitas mañás e tardes dos seus días, moitas xornadas laborais e tamén festas de gardar levantando pesas e facendo abdominais, concentrado nos seus bíceps, nos seus tríceps, nos seus glúteos, que para iso éche moi disciplinado e ten coma dogma o control muscular. O músculo que diferencia ao macho da femia non queda fóra da súa táboa de exercicios. O deportista non ten inconvinte en cabalgar sentado, axeonllado, de puntiñas, de cúbito supino ou de cúbito prono.

   Despois é obediente, cando se lle di: "Xa, homiño, córrete xa!", entón, aló o vai, coitadiño. Coitadiño é un falar, porque as convulsións que axitan o corpo do marulo, os espasmos dese príapo, os brincos e fungueirazos non están ben definidos coa verba "coitado". Digamos que "coitado" é o seu estado mental: ten o seu orgasmo cando lle peta e manéxao como se fose un ioio. Mais non remata aquí o conto do home da incrible vergalleira crecente. A este tipo con dez minutos de descanso abóndalle e mesmo lle sobra. Nun dicir amén volve a tela dura coma cemento armado, tesa como mástil de veleiro e preparada para o que lle veña, se o que ten diante é do seu agrado. A ese respecto, non é un pegañento e tanto lle ten que a muller sexa casada ou moza, viúva ou carmelita, o único que non lle aquela é que a súa parella teña rabo de seu. Aí é tozudo, moi macho ao estilo tradicional.

    Vale, o guicho espabilado non é, non oh!, incapaz de captar a máis simple retranca, imposibilitado para o pensamento abstracto ou para reflexións metafísicas. Cortiño de miras e sen inquedanzas culturais, máis dado ás risotadas que ao debate, sen criterio político nin posicionamento relixioso, sen sensibilidade ningunha para calquera expresión artística, excepto se aceptamos o fútbol como arte. Pero se ao compadre xa se lle mira pouco estudiado cando loce flácido, non digamos cando está co mástil ergueito. Cando o mango lle rebule semella non ter capacidade para entender lingua cristiá algunha, nin dispoñer doutra aptitude máis que a de empurrar. Se tivera que manipular algún utensilio, o sobre  do condón por exemplo, esquéceo nena! Mellor que fagas ti o choio. Esa falta de intelixencia nótaselle ben na faciana, concretamente na fronte, ese espazo raquítico. A expresión do seu rostro podémola clasificar como obtusa se somos benignos, de papaxán se somos crueis – maila que realistas-. O que xa de por si é limitadiño, agora, coa pirola ben enxergada, semella lelo profundo.

    Mais non riades, pobriño: non todo o mundo vai valer para todo.  Mesmo sei dalgún que abandonaría sapiencia e intelecto, ouro e adobíos por dispor de tremendo martelo entre as ingles e, por un día, por unhas horiñas, ser xoguete sexual, máquina xenital, sen capacidade de discernimento.  

Susana Moo

www.erotomana.es

 


Los textos en castellano de Susana Moo,aquí

Os artigos en galego, aquí


Compartir

Publicado: viernes 29-ene-10

Agregar Comentario

Agregar Comentario

Su nombre(*):
Comentario(*):
 

Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Susana Moo
Páxina seguinte: Susana_Moo_castellano