Maruxía_do_Leste
Quenxo, para os de Rianxo falar de Quenxo, pequeña praia situada o seu leste, mesmo é dicir calidade, calidade suprema, non plus ultra. Alí dábanse os mellores berbechos da nosa ría: grandes, cheos a rebentar, na seifa do rastreo, e con escaso índice de birollos (berberechos que quedan a medio abrir ao cocelos e con diferencias nos sucos da cuncha).
As praias de Tanxil, Tronco, Porrón e As Cunchas, situadas a súa banda dereita, mirando dende o mar, tamén eran moi xenerosas na produción de berberecho, ameixas e outras clases de especies mariñas.

Tanxil e As Cunchas tiñan engadido un manto colorido: de minúsculos cantos rodados e laxas multicores. As Cunchas, de eiquí o seu nome, estaba cuberta por un sinfín de cunchas, moitas delas nacaradas, caparazóns de moluscos e crustáceos, aportados polo vento e o mar.
O meu bisavó,Telmo, dicía que as mellores xoubas da ría eran as de Rianxo, mais para el, concretamente, as pescadas fronte Ás Cunchas. Miña nai contaba que de nova baixaban a Tronco pola noite cunha luz de carburo e que nun intre apañaban, entre as pedras, un bo caldeiro de centolas e nécoras.
Tanxil, Tanxil: cantas lembranzas me trae á memoria! As excursións primaverais con don Manuel Bermúdez, o mestre da escola, que nos levaba alí sempre nun día de sol e con calma chicha ou leve maruxía do Leste. Enseñanzas práticas sobre o terreo: os ciclos das mareas, o biolóxico do entorno, a climatoloxía, historia xeográfica, etcétera.
Logo, no verán, as baixadas á secada, dende a casa dos meus avós, co meu curmán Rafael, para axudar aos mariñeiros, patroneados polo señor Galván, a chamar á terra o aparello de arrastre que botaran o mar, non sei a cantos cabos da ribeira, na procura das exquisitas luras, xa entón a bo prezo, en comparanza coas xoubas. Estas eran as que nos deixaban coller aos nenos, coma pago do esforzo (mellor dito, estorbo) aportado. Era tal a riqueza desta praia, que no verán, cando te metías no mar, ías pisando berberechos, e non tiñas máis que remexer un pouco, na area, coa planta do pé, para desenterralos.
Entre Tanxil e Quenxo atópase un recuncho que hai que ter moi pouca ou ninguha sensibiilidade para non transportarse ao mundo do espírito ou placenteiro: refírome ao dique de Baltar. En marzal do ano pasado estiven alí, o día era fermoso, con leve maruxía do leste, acompañando a una persoa moi querida, nun trance doloroso, pois ambos sabiamos que esa sería a derradeira vez que o faceríamos xuntos.
O silencio ostensivo, acolledor e reconfortante, só o rompía algún que outro veciño co saúdo de: "Vaia día máis bo!; Así da gusto!" ; ou aquel que nos dixo: "Non víchedes o parque infatil, recén feito? É ben bonito!". Serache cousa da rutina: temos fronte de nós un adianto do paraíso e prestámoslle atención a unha baratixa.

Se miraba cara á terra maxinaba á Virxe de Guadalupe (non á moreniña, que de moreniñas e morenazas, está Rianxo sobrado) no seu pedestal e pregáballe unha miragre. Se miraba cara ao mar, máis ao Leste, Cortegada, Vilagarcía, Cambados, perto do mosteiro de Armenteira onde a lenda pon o relato da cantiga de Alfonso X o Sabio, no que un monxe prégalle á Virxe que lle concedera unha curta visión do Paraíso, co afán de voltarse máis fervoroso. Estou certo que se o devandito mosteiro tivera cara ao mar de Arousa, á Virxe de Guadalupe dos Baltar, o monxe pregaría outra visión.

Tanta beleza lémbrame aquelo de: Deus no sétimo día, para repousar, puxo a man sobre Galicia e formáronse as rías. Por iso deberiamos engadir que non só se navegas pola ría de Rianxo verás as estrelas e a lúa: tamén semella que os mesmos anxos danlle bicos o mar.
Rianxo, o paraíso existe
Birollos deben estar algúns: que digo birollos! cegos!!! para rachar violentamente tanta harmonía da natureza, riqueza mariña, biolóxica. Que atrocidade a construción do paseo marítimo nese entorno, tal como se fixo, e logo rematalo con outra descomunal co recheo do dique das praias de Tanxil, Tronco e Porrón, con area de canteira cargada de radioactividade. Un mes e pico de verán é todo o argumento? imos competir agora coa Costa do Sol?

A actual praia mesmo semella un cataclismo, unha paisaxe desolada e luar, despois que un meteorito se desfixera contra o chan. Só escuras e perversas intencións poden estar detrás de tal despropósito: preguemos para que sexa recuperable neste século.
A propósito, Costas, Medio Ambiente e o Seprona: onde estaban e para onde miraban?
Imos permitir que nos quiten este patrimonio? Porque non é só dos rianxeiros, é de toda a ría, da Humanidade.
Eulogio Cristobo

Vídeo denuncia: sobre os cambios en Tanxil. Lea os comentarios
Publicado: lunes 12-jul-10
Páxina anterior: Economía_como_misterio
Páxina seguinte: Entrevistas
Agregar Comentario