Manuel_L_Rodrigues
Actualización 17 de febreiro de 2009:

"Ou estás cos amigos do sistema (literario galego) ou non existes"

Manuel L. Rodrigues estivo o ano pasado visitando Grecia (na imaxe, nas ruínas do templo de Dionisos)
Manuel L. Rodrigues naceu en Noia no ano 1978, e respira poesía. Foi cofundador e membro do Colectivo Literario Sacou, do Grupo Teatral Éteatro, integrante da Asociación Audiovisual Paradiso... Acadou varios premios literarios e participou no World Poetry Day en Santiago de Compostela, convidado polo Pen Clube de Galicia. Colaborou na antoloxía «21 poemas por man propia» da Colección Bourel e en diversas revistas.
Foi partícipe do xurado do certame de poesía Francisco Añón de Outes, e agora vén de ser galardoado co XIV Premio de Poesía «Suso Vaamonde» polo seu libro; «Antítese nativa» que verá a luz en Febreiro. Está no blogomillo a través da súa web: www.manuellrodrigues.blogspot.
Pregunta.- Recibiu o que parece último premio Suso Vaamonde de poesía... logo vaise chamar O Grelo. Importan os nomes?
Resposta: Mais que os nomes o que en realidade importa é a profesionalidade con que os organizadores afrontan este tipo de eventos. "O Grelo", se non estou trabucado, era o nome que tiña nos seus comezos a Fundación "Amigos de Galicia".
.- Que utilidade teñen os certames de poesía?
.- Supoño que orixinalmente os certames e premios, en calquera disciplina, buscan fomentar ou descubrir novos talentos. En Galiza a realidade é ben distinta: por parte dos escritores, o feito de converterse no gañador dun certame, garantiza (case sempre) a publicación do libro premiado; algo moito máis complicado do que pode parecer a simple vista. Ou estás cos amigos do sistema o simplemente non existes. Por outro lado; os certames empréganse, en grande medida, para acadar capital cultural, tanto por parte da entidade organizadora como dos premiados. A veces a literatura é o que menos importa nestes casos.
Sexa como for, considero que é bo que nesta nación existan moreas de certames de todo tipo.
.- E a poesía mesma?
.- A poesía? A poesía non serve absolutamente para nada. Nin a poesía nin calquera outro tipo de arte. Facemos literatura porque somos humanos. Non pode ser doutro xeito.
.- Pero viñamos aquí a falar do seu poemario premiado e publicado: nunha entrada no seu blog persoal aclara que non é intimista, que non é morriñento da aldea, que non é unha obra de amor á terra ou a unha muller. Entón, que é "Antítese nativa"? Pode un autor clasificar a súa propia obra?
.- A entrada á que te refires non é máis que unha xusta aclaración. Parece mentira que xente altamente recoñecida do sistema literario galego diga tal cantidade de barrabasadas dun libro, e que ademais, o faga no fallo dun premio, que é inevitabel ter que corrixilos. "Antítese nativa" saiu gañadora do Certame de poesía "Suso Vaamonde" por ser un libro (ollo ao gato pardo), " de amor á terra, a unha muller, e á aldea en contraposición á cidade" ademais de ser "un libro intimista con fortes doses de morriña". (??) Claro; ao ler isto xa podes imaxinar a cara de sorpresa que lle queda a un. Evidentemente o xurado non acertou absolutamente en nada; é máis... a conclusión á que chego é que, unha de dúas, ou non leron o libro ou gozan da grande experiencia da ignorancia no que a literatura se refire. Non gusto de clasificar algo que eu mesmo ou outro escribeu, quizais porque me parece demasiado arriscado ou tamén porque coido non ter a preparación necesaria para poder facelo. De todas formas é curioso que o xurado non mencionase as influencias que o libro ten da recreación espacial de H.G. Wells e Jules Verne na ficción ou de Giuseppe Penone en escultura. Evidentemente o xurado non percibe os sons de Himekami a través dos versos, e non lle pidamos tampouco que identifique o fenómeno New Age que está en todos lados no poemario, o anarquismo primitivista (as imaxes de Carpentier ou de Sèdar Senghor), a revelación bíblica, Yves Bonnefoy , ou a síntese contraría ao que se podería denominar "acto do que nace", do que está por vir... da conquista, da loita, do novo xeito de ser, de ollar e de crear... o sincretismo… por exemplo.

.-Quen se encargou da portada do libro?
.-Da portada encargouse María José Madarnás. Aledeime moito o día que a Fundación aceptou esa proposta. Eu, persoalmente, gosto moito dela.
.- Que fai falta para rematar un poemario? Como sabe que chegou ao final?
.- Vouche contestar sinceramente. O poemario, no meu caso, atópase nun constante cambio. Continuamente hai algo que mudarlle, que corrixirlle, que pulir... Evidentemente o libro remata o día que se publica.

Unha das utilidades da bitácora de Manuel L. Rodrigues é servir de guía de lectura
.- Nunha recente entrevista, alguén nos deixou sen respostar a pregunta sobre o que estaba a ler "porque leo varias obras á vez". Sabemos que vostede tamén, pero, por favor, díganolas...
.- Efectivamente; ando a ler varias cousas ao mesmo tempo. Estes días estiven con Pere Gimferrer e Auden, por exemplo.
.- Que foi "Sacou"?
.- Sacou, para a comarca (e “póñome chulo” pero sincero), foi aquel grupo de rapaces que, sen coñecerse de nada, sen ningún tipo de apoio e posibilidades materiais, mobilizou a cultura en Noia cando o máximo expoñente neste eido eran as touradas.
Tres eran os obxectivos:Dinamizar o mundo cultural na comarca, promocionar aos novos valores e defender a cultura galega. Sacou trouxo (a lista é xigantesca), a case todos os escritores e escritoras de certa consideración en Galiza. Organizáronse centos de actos, exposicións, debates, presentacións, etc... Sacamos unha revista (A Caramuxa), que chegou a mans de Wole Soyinka, Derek Wallcott, Eugênio de Andrade, Saramago ou Jean Ives Casanova, por exemplo. Sempre o dixen... pero aquí, na comarca, despois de Antón Avilés de Taramancos, está Sacou... e despois de Sacou… “sigue buscando”.
Persoalmente, para min, o colectivo literario foi a miña escola; alí onde todos colaborabamos e opinabamos; un exemplo de asemblearismo. En Sacou aprendín a escribir, a ler, a recitar, a organizar... Os Sacousos foron e serán por moito tempo os meus mellores amigos. En realidade ficamos sen outra opción. Despois de percorrer toda Galiza facendo recitais e actos (lembro a furgoneta vermella de Moncho), ou eramos irmáns, ou toleabamos... porque as leas non eran poucas; discutiamos por todo. Fixemos actos en Ourense, Noia, Santiago, Boiro, Vigo, Moaña, Outes, Allaríz, Porto do son, Lousame, etc… etc… e até na viaxe a Cuba representamos a Sacou na Casa das Américas de Habana, na Casa de África, na Asociación de Poetas Cubanos, etc. (isto si que daría para un libro)
"O Colectivo Literario Sacou segue existindo en parte"
.-E que foi de "Sacou"?
.- É curioso; pero o Colectivo Literario Sacou segue existindo en parte. Os venres, algúns dos que quedamos, seguimos xuntándonos, agora de xeito máis relaxado, para falar do que nos gusta. Algúns sacousos abandonaron a escrita, outros deixaron a pintura pola farándula. Ramón Blanco publicou, entre outros, o poemario "Orfeu en soños" que tivo moi boa crítica e, persoalmente, considero un dos mellores libros da poesía galega actual. Manolo do Río anda dando conferencias sobre cibercidades, posmodernismo e literatura comparada, e mantén unha columna no Xornal de Galicia. Iria Lago foi directora de publicacións da Editorial Toxosoutos. Oscar Sendón liscou para Pontevedra, onde traballa no deseño de roupa do Rei Zentolo e ten en mente diversos proxectos audiovisuais. Os demais andan ciscados polo mundo. Eu aínda teño unha caixa co último número d´A Caramuxa, que algún día, supoño, repartiremos.
.- É posible outro Sacou en Noia?
.- É moi necesario outro Sacou en Noia. Cando viamos que o noso barco estaba a afundir (despois de sete anos), fixemos unha xuntanza con alumnos interesados do instituto "Virxe do Mar": foi un auténtico fracaso. Nós tivemos moita sorte. Estabamos no sitio adecuado no momento perfecto. Unha casualidade.
Panorama cultural en Galiza: cóctel e foto
.- Panorama cultural nas bisbarras de Barbanza e Noia: que é o primeiro que lle vén ao maxín?
. Dúas palabras: Cóctel e foto (pero non só na comarca do Barbanza).
.- Que opina de iniciativas como a colección Bourel ou a asociación Barbantia?
.- Interesantes. Todo canto se faga sempre será benvido. Coñezo tamén outra asociación, do concello viciño, chamada "Terra de Outes". Os libros da Colección Bourel son fermosísimos; hai que recoñecerlle a Antón Piñeiro o traballo existente detrás de todo iso. Eu puden comprobalo persoalmente e non se pode menos que agradecerlle o que está a facer para que esa colección vaia adiante.
.- Antes preguntámoslle que le... pero supoñemos que non contemplaría os xornais. Que tipo de prensa, revistas, etcétera, le? Os poetas ven a televisión?
.- Leo todos os xornais todos os días. É o primeiro que fago ao erguerme. Recentemente subscribinme á revista "Historia". Aínda que ben é certo que entre as diversas lecturas, os estudos e o traballo pouco tempo resta. Polo demais supoño que os poetas verán a televisión na mesma cantidade que un mecánico-dentista, por exemplo.
"O noso sistema literario é un sistema irreal, subvencionado. Canta xente coñeces que merque poesía a cotío?"
.- De vez en cando xurden voces que claman contra o moito que se publica, ou o pouco que se le, ou a cativa educación que teñen os mozos, ou todo iso xunto. Vostede cre que sempre foi así e será, ou que é unha visión distorsionada?
.- Sempre haberá voces contra todo. En Galiza lese pouco, efectivamente. O noso sistema literario é un sistema irreal, subvencionado. Canta xente coñeces que merque poesía a cotío? O que si me fai gracia é que sempre fala o menos indicado do rabaño; algún dos que din que se publica demasiado tiñan que comezar por mirarse ao espello. Eu coido que canto máis se publique, mellor; ora ben, estou de acordo en que hai moito lixo (e non me descarto), pero tamén hai moita xente con obras impresionantes metidas en caixóns e petando en todas as portas sen que ninguén lle abra.
No da educación creo non estar capacitado para dar unha opinión obxectiva… eu, que parte da miña formación literaria (e agora mófome da historia), acadeina latando a clases (a todas as clases), adicando ese tempo a escribir poesía e a discutir sobre o asunto con outros coma min… que queres que che diga? Agora con trinta anos decido matricularme na universidade. Desde logo non son un exemplo, pero non me arrepinto de nada.
Tres nomes teño por referencia do meu paso polo instituto de Noia: a profesora Mavel que, cun poema de Rubén Darío incentivou o meu interese pola poesía; a Xavier Castro que, coas súas clases afondou no mesmo interese; e a Inés, profesora de Historia da Arte que fixo que eu, agora, queira estudar a carreira da súa asignatura.
"Manter un espazo web, coido, é indispensabel para calquera, sexa escritor ou picapleitos"
.- Internet: que relación ten coa Rede? O futuro da poesía e a narrativa será dixital ou quedará espazo tamén para a galaxia Gutenberg?
.- A miña relación coa rede é intensa. A través dun blog podes contactar, falar, e opinar libremente sobre o que a un lle interese. Manter un espazo web, coido, é indispensabel para calquera, sexa escritor ou picapleitos. Polo demais, efectivamente, o futuro (e o presente) da literatura é dixital, o que non implica que o formato libro desapareza, pero este mercarase e venderase a través da rede... (é inevitabel). As editoriais están condeadas a morrer; son peixes nun mundo sen auga. Pero ollo; a literatura non só se distribuirá por internet, senon que se fará de xeito libre e gratuíto, ao igualiño que o resto das artes. Isto é unha evidencia. Xa o dixen nunha ocasión: os dereitos de autor están en perigo grazas a Deus.
"Quero autodeterminación, monolingüismo e reintegracionismo"
.- Política: ano electoral. Se algún político lle fixese caso, pediríalle algo especialmente para Galiza?
.- Para Galiza? O irrenunciábel dereito de autodeterminación.
.- E para o Idioma Galego?
.- Para o Idioma Galego; valentía política. O idioma galego ten que normalizarse, e o “normal” é que en Galiza sexa o único idioma oficial, do mesmo xeito que en Castela o único idioma oficial é o castelán, e en Inglaterra o inglés. Dúas son as premisas: Monolingüismo e reintegracionismo. Queremos salvar o Idioma? Comecemos por non entender ao que non nos fale nel.
.- Xa que estamos aínda mudando o ano: vostede non será dos que fan bos propósitos e se marcan obxectivos en xaneiro, verdade? Se é que si, cóntenos algún, se pode
.- Pois non sabería que dicirche. Recoñezo que sempre ando dándolle voltas ao maxín, aínda que neste preciso intre, o que lle pido ao ano no que entramos é saúde, moita saúde, sobre todo. “Antítese nativa” deixará de ser un libro, ou será “outro libro”, etc, etc…
.- Literatura ou vida literaria? Que opinión lle merecen as leas entre autores (Caneiro-Rivas, Yolanda Castaño-Aduaneiros, a polémica do premio Garcés deste ano que foi impugnado, etc)? Interésanlle ou non teñen nada que ver coa literatura?
.- Nalgún caso é imposibel non posicionarse, aínda que sexa de portas para adentro. Na polémica do premio Gonzalez Garcés, considero que as bases deberían ser máis claras para que os participantes soubesen de primeira man que é e que non é, e evitar este tipo de confusións.
Blogs de referencia:
O do autor: http://www.manuellrodrigues.blogspot.com
O do Colectivo Sacou: http://www.sacou.blogspot.com
Relacionada: Presentación oficial de "Antítese nativa", aquí
Publicado: jueves 05-feb-09
Non comparto a opinion que a poesia non sirve para nada, eu penso, en base a histori a que a poesia pode votar a baixo dictaduras, senon para que romper os hoxos das mans a Victor jara e despois matalo, para que perseguir poetas, por que prohiben e encarcelan poetas, Miguel hernandez, Garcia Lorca ou o admirado Machado, por que os governos intentan ter do seu lado a cultura, bueno ou subcultura xa que en eses casos e comprada, eu recordo comprar en sagunto,valencia, comprar un libro de poesia de contrabando, costoume pero conseguino, a poesia e temida polas dictaduras, asi que aparte de para moitisimas cousas sirve para eso- ¡ah!, si mi pluma valiese tu pistola, saludos. .-
NOTA en Portugal Xose Afonso perdeu o traballo, e moitos mais non me extendo sobre Portugal