Lord

Compartir


    En Gales asistín a unha festa de alto nivel, entendendo alto nivel como un lugar enlamado de "glamour" onde os fillos dos altos executivos da City póñense bébedos con cócteis de vinte libras a copa.

    Chamoume a atención o señorito Jimmy, sir James para os camareiros, un loiro que se asemellaba moitísimo ao primoxénito do príncipe herdeiro, alto e ben feitiño, do tipo dos que practican equitación. El sábese o rei da festa, charlando cuns e con outros, sorrindo de xeito esaxerado, dando palmadas no ombreiro aos seus colegas e collendo pola cadeira ás "ladies", esas raparigas de pelos lacios en distintas tonalidades, todas entaconadas nas súas sandalias, cos seus vestidiños de floriñas cor pastel de diversos tamaños e formas, amosando abondo como para facer languidecer a calquera "marine", pero non a Jimmy. Jimmy sopesa a carnaza sabedor de que calquera desas orquídeas criadas entre algodóns abrirán as súas pernas ante unha sinxela verba de amor. Calibra os coxigóns daquela "barbie" en rosa, e o escote da outra con aspecto de animadora, en verde. Sen comerse moito a cachola, decídese pola de grila máis aberta e digo aberta porque os seus muslos son incapaces de pecharse de todo dado o amplo oco entre as súas pernas debido á ausencia de carne entre elas. Toda ela é osiños, salvo esas tetoliñas encabritadas e tesas. O "pijo" James non tarda dous martinis en seducila por medio de falas baixiñas na orella, coa manciña manicurada collida.

    Logo, nin medio martini máis tarde, invítaa a saír porque dentro non se fuma e sir James padece certos vicios. Ela acompáñao e as súas amigas míranos coas fazulas vermellas de envexa, coas súas belas facianas descompostas, bruxas de mil anos semellan, neses corpos adolescentes.

    Jacquelin, que así se chama a princesa escollida, camiña altiva pero vai tremendo, dándolle pulo á súa melena. Jimmy lévaa collida da súa enxoiada man e todo o mundo pode contemplala. Sorríe para si pero fóra é maior o pánico a fallarlle ao dandy que a súa soberbia, sobre todo porque el non se anda con parvadas e nada máis traspasar a saída toquetéaa aquí e alá coa súa man salpicada de pelusa amarela. Ela ríe con esa risiña de paxariño que se lle escapa dos seus labios de amorodo evidenciando o seu estupor. Estupor que a Jimmy tanto lle ten e non dubida en apoiarse comodamente na parede e cinguir á rapaza fortemente pube contra pube, de xeito que ela dobra o seu espiñazo hacia atrás porque achegar a súa cara á del parécelle temerario. Jacquelin, para gañar tempo, fala. Ponse a latricar a toda velocidade facendo olliños e xestos agarimosos e Jimmy míraa dos ollos ao escote saboreando de anteman o pasteliño que se vai zampar.

    Soamente separan os seus sexos as braguiñas dela, mínimas, a gasa do vestido, a tea do pantalón de fío e o calzón frouxiño. O futuro lord desfruta con ese contacto. Está ledo con esa paxara "high quality" que escolleu para esta noite e no que ten toda a intención de inxectar a súa pirola rosada decorada con peliños loiros.

   Jimmy non fuma. Sen darlle máis voltas ao asunto entrégalle as chaves ao porteiro para que lle traia o coche e unha vez diante ábrelle a porta á bolboreta da boca de rosa, invítaa a pasar diante e míralle o cú raspado con todo descaro. Incluso ten a indecencia de chiscarlle un ollo cómplice ao porteiro cando ela, xa acomodada no deportivo de asentos de coiro cor violeta, non pode velo.

    Arranca, fachendeando de motor, e vanse.

...un loiro que se asemellaba...

Flickr de LEO™

Todos os textos de Susana Moo en Certo, aquí


Compartir

Publicado: viernes 31-jul-09

Agregar Comentario

Agregar Comentario

Su nombre(*):
Comentario(*):
 

Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Susana Moo
Páxina seguinte: Susana_Moo_castellano