IX_Homilía

Compartir

O sentidiño: a mellor ferramenta contra a crise


    Bos dias, amados fregueses.

   Neste tempo de verán coido que é un bo intre para adicalo á reflexión, a meditación interna, especialmente nunhas datas coma as actuais: de crise. Mais teño que sinalar que a actual crise, non só se trata dunha crise económica, senón tamén unha crise espiritual. E isto é debido á falta de valores: acaso a maioría de vós sabedes que queredes facer coas vosas vidas? Ou deixádesvos levar? Facede o favor de pensar un anaquiño... sabedes ata onde queredes chegar? Ou máis ben vos deixades levar e logo lle botades a culpa á crise económica de tódolos males da alma e do peto?

   Reflexionade, irmáns... e reflexionade con sentidiño e cos pés no chan!!!

   En relación co falado, fai unhas semanas tiven a oportunidade de ler un libro histórico-filosófico (o Certo non me deixa facer publicidade) sobor do arte da guerra nos tempos dos señores da guerra chineses. Este libro foi escrito por un chinés que din se chamaba algo asi como "Sun-Tzu", e a piada é que hoxe é materia na Harvard Business School. Ides ver...

   Para que nos entendamos, e para que os amigos de Certo non me manden fóra, resumo dicindo que o libro esquematiza a arte do combate varios centos de anos antes da era cristiana, en terras do imperio dos Señores da Guerra chineses. Preguntaredes a conta de que vén isto... Pois chamoume a atención cando no libro din:

   "Cando vexas que a causa non está claramente ao teu favor no campo de batalla, detente, asenta a posición e envía emisarios a que espíen para coñecer o que pasa co inimigo".  Como ben diríamos nós: "se non o ves claro... SENTIDIÑO".

   Por iso, queridos fregueses, nos tempos actuais, recoméndovos moito sentidiño. A crise econónomica non perdoa, aínda que contra ela si podemos facer unha cousa (a pesares de que o ministro de Economía diga o contrario): non caer nas mans dos plans de marketing das multinacionais e manter o que xa temos, e sondar (con moito coidadiño) se existen oportunidades de mellora.

   Leccións da Harvard Business School? Pois penso que son, verdade? Leccións de Sentidiño do mosteiro de Toxosoutos? Dende logo! Transmitindo a sabiduría popular para a mellora da calidade de vida na Barbanza!!!


   Entón, queridos fregueses, isto fainos reflexionar: por unha banda estamos procurando novas técnicas, modas, que nos van facer teoricamente a vida máis fácil, e pola outra banda, esquecemos as leccións dos nosos maiores (xa o dicía á avoa)... parece ser a moda do momento:

   1.- Non crer ao veciño, sendo mellor se quen di as cousas ben de lonxe;

   2.- Deitar todo o vello e apañar todo o novo (veña de onde veña).

   Pero non vos dades conta que somos ovellas das multinacionais? De que vale falar en galego, presumir de morriña e de sentimento patrio se logo cando vas mercar a túa cervexa prefires a de fóra antes que a da túa Galicia? Ou cando mercas leite sen saber de onde "vén sendo": acaso estamos perdendo a nosa natureza que tantos séculos puido contra o invasor?

   Os galegos xa non somos aqueles pobriños emigrantes que malvivían: agora somos obxectivo das multinacionais, e como consumidores temos a verba final: a opción de compra. Recordádeo.

   Fíxome moita gracia a bandeira galega coa vaquiña. O que non sabía é que foi presentada naquel histórico partido de fin de liga. Pero: verdade que é bonita?

   Vouvos pór un exemplo real: o ano pasado preparamos o proxecto chamado "Viñas Atlánticas", co que a Deputación de Pontevedra pretendía obter un millón de euros da Unión Europea para mellorar o cultivo das viñas da Denominación de Orixe Rías Baixas. E a Deputación encargou a unha consultora (por moitos cartos) un estudo sofisticado para reducir o uso de produtos químicos nos cultivos da D.O. Rías Baixas. O que ninguén vos vai dicir é que fixo ese proxecto LIFE+09 "Viñas Atlánticas", aínda que si saberedes que foi pago pola Deputación de Pontevedra. Veredes artigos que aos lectores do Certo resúltanlle coñecidos: sobre a compostaxe, a biodiversidade: de novo o SENTIDIÑO gaña, a arte dos nosos antepasados recuperado na actualidade, mesturado cos coñecementos e instrumentais actuais.

   Pero, pensaredes que ten igual valor sabendo que foi feito desde a Barbanza?

   O marketing non perdoa, e a mellor estratexia de marketing é a de restrinxir a información, por iso non interesan moitos medios culturais como Vieiros ou Chuza! Porque non están alienados, non teñen por que seguir a tendencia maioritaria: pero iso é a liberdade de prensa, a riqueza da biodiversidade natural, ten que existir tamén na cultura. Imos rezar para que os nosos colegas do Certo perduren no tempo a pesares desta tola crise económica e de valores. Non vos vendades, irmáns certianos, resistide como o son das ondas do mar da Barbanza, que a vosa verba é precisa neste mundo actual!!!!

   Logo deste momento de sentimento, retornemos ao falado: non perdades a cabeza pensando o que non tedes por culpa da crise económica. Pensade todas as cousas que podedes facer vivindo no lugar onde Deus puxou a súa man para formar as Rias Galegas. Sede positivos, que Galicia é diversión e cultura!!!


   Non podedes presumir de vacacións? Depende: onde está o maior número de bandeiras azuis de España?

   Entón: SENTIDIÑO, que podedes ir de vacacións aos lugares onde van moitos alemáns e ingleses: a Galicia, non? Xúntovos un artigo que recibín fai unhas semanas, sobre a recuperación das extremas nas leiras... agora descubriron que servían para algo: se os nosos maiores non traballaban porque lles gustase, facíano do mellor xeito para non ter máis custes!!!

   "Estudan como utilizar as extremas das leiras para mellorar a biodiversidade"

    "Operación Polinizador"

   O proxecto "Operación Polinizador", que en España conta coa axuda do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), investigará durante os próximos 5 anos cales son as plantas e insectos que mellor adáptanse as cultivos para fomentar a presenza de polinizadores e incluso, axudarlles a previr plagas agrícolas reducindo o uso de agroquímicos.

   Arrancar as malas herbas que crecen nas extremas das leiras é unha práctica tradicional da agricultura. A idea é adicar ese pequeno porcentaxe da leira (entre o 2% - 6% da superficie) a plantar especies que atraian aos insectos polinizadores, desde abellas a moscas. Ao fomentar a presenza de insectos polinizadores nas proximidades do cultivo e favorecer o control biolóxico das plagas, tamén recupérase a biodiversidade dos agrosistemas".

 Control biolóxico de plagas

   "Ademais de fomentar a biodiversidade de abellas, moscas ou escaravellos e de plantas florais silvestres, o proxecto pretende por en valor o control de plagas mediante insectos, xa que algúns insectos polinizadores son tamén inimigos naturais das plagas agrícolas. "Por exemplo, a familia dos sírfidos son moscas que requiren polen e néctar para madurar seus ovarios e por ovos. As larvas son moi famentas e aliméntanse fundamentalmente de pulgóns, unha plaga moi importante en moitos cultivos".

   Non é isto retornar aos sistemas de produción respectuosos co medio ambiente?

   Outra cousa: agora está de moda o chamado "slow home", que non é mais que propor un estilo de vivendas que aportan benestar aos habitantes e reducen o impacto ambiental. Outra tolemia do marketing: se isto non é mais que aplicar o sentidiño e os coñecementos dos nosos maiores: xa sabedes, ningunha xanela ao norte, preferiblemente orientación sur-poñente para que a casa sexa máis quente sen gastar. Realmente máis do 60% das casas están mal construídas e iso afecta aos que moran nelas e mais ao medio ambiente.  Isto é: uns arquitectos constrúen mal, logo veñen outros e propoñen melloras (e cobran, claro).

   Ides ver de seguido o que din do movemento slow home, e todo vos vai lembrar aos nosos maiores (que tanto sentidiño tiñan):

- O MOVEMENTO SLOW HOME -

O "slow home", ou casa lenta, traslada a idea do "slow food" ao deseño e á construción de vivendas. Seus impulsores, os arquitectos John Brown e Matthew North, din que as casas mal construídas son como a comida rápida, malas para os consumidores e para o medio ambiente.

Nas últimas décadas, a forma rápida de construír xeneralizouse aos 60% dos edificios. Isto provoca, o mal deseño, unha perda da calidade de vida para os seus moradores . Unha edificación barata, feita a rápido e nun bloque, entra na idea de "fast home", pero unha casa de luxo ou con materiais caros tamén pode ser. As diferenzas entre unha casa rápida e unha lenta non son de estilo, tamaño, idade ou custe, senón pola calidade de deseño. O criterio esencial é como organizar a construción para que encaixe no entorno. O deseño da prioridade a facer a vida máis fácil e confortable aos moradores, e menor impacto medioambiental.

Criterios para ter unha "slow home":

1.Ecolóxicas: teñen en conta á natureza, non se constrúen en lugares onde poden provocar un gran impacto e utilizan materiais sostibles e tecnoloxías para reducir a pisada ecolóxica.

2.Saudables: evitan materias e sistemas de construción tóxicos.

3.Diferentes: foxen das grandes construtoras ou producións a gran escala, xa que este tipo de edificios procuran facer gañar o máximo de cartos aos promotores. Un deseñador "slow" pensa nas características concretas da casa, seus habitantes e o entorno. Levanta o edificio con materiais, produtos e fabricantes do propio lugar para adecuarse ás condiciones concretas da casa, reforzando á comunidade local e evita o impacto da manufactura e o transporte exterior.

4.Pequenas e diáfanas: procuran mais a calidade que a cantidade. Un bo deseño fai que a unha casa de menores dimensións funcione mellor e sexa máis confortable para os moradores que unha máis grande peor deseñada.

5.Simples e modernas: atenden ás verdadeiras necesidades das persoas, sen espazos innecesarios e moi fragmentados. As pequenas habitacións son escuras e ineficientes, mentres que os grandes espazos son luminosos, máis prácticos e máis conectados co exterior. Aportan deseños modernos cun uso sostible dos materiais e os recursos, xunto cunha calidade de vida para os seus moradores.

   Agora imaxinade se vós, como compradores informados, comezades a mercar produtos locais para minorar o impacto medioambiental (menos custe de transporte e manipulación). Imaxinades o que lles parecería ás multinacionais?

   Eses son os problemas que estamos tendo: que tentan por tódolos lados facernos consumir coa excusa de que temos que manter o sistema produtivo capitalista. Ok, temos que facer que funcione todo, pero por que non facer as cousas de xeito de que sexan máis baratas, como mercando na propia poboación? Deste xeito todos sairíamos gañando, non credes???

A moda das motos e coches antigos

   Segue faltando sentidiño: agora resulta que o que antes era algo dos amigos das motos antigas, que as coidabamos polo valor sentimental que tiñan (porque non deixaban de ser cacharros vellos)... agora é negocio dos ricos. Ai! Se o Bispo Xelmírez retornase para ver o fachendosos que están algúns, comprando do seu peto o traballo de mecánicos restauradores, para logo revender especulando, acadando importantes beneficios e aumentando o prezo dos recambios (coma se foran novos) e de todo o relacionado co motor clásico: a especulación farisea xa chegou!!!!

   Mellor non vos digo canto vale o carro que segue... no negocio todo vale segundo parece!!!

   E para rematar... recordade, SENTIDIÑO, é o mellor, pensade ben se as cousas se poden facer dun xeito máis barato: e non vos deixedes caer polas tolas modas dos do marketing!!!

   Ide con Deus, queridos fregueses!!!!

As homilías anteriores, aquí



Compartir

Publicado: lunes 26-jul-10

Agregar Comentario

Agregar Comentario

Su nombre(*):
Comentario(*):
 

Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Padre_Teixugo
Páxina seguinte: Marcos_X_Agrelo_Yáñez