Iconoscopio
Plataforma de creación audiovisual
"Este proxecto xorde como plataforma de experimentación, e como tal non lle imos poñer ningún tipo de cortapisa creativa, xusto do que fuximos"
"As entidades de xestión teñen que flexibilizarse se queren seguir, e o usuario acostumarse a utilizar medios lícitos para acceder aos contidos"

Se nos preguntan como diaño demos con este proxecto, cando menos innovador -o de pioneiro é xa unha verba que só empregan políticos pouco avisados-, non saberiamos dicilo. Pode que fose en Twitter. Ou era Facebook? Foi sachando nun blog o millo? A quen lle importa xa a canle! O caso é que nos pareceu interesante e puxémonos en contacto con eles. Agora cóntannos eles mesmos en que consiste o que fan. Fíxense se é complexo -ou nós simples-, que non soubemos en que sección meter esta entrevista reportaxeada. Ao final quedou en cultura, pois é unha mestura de cinema, música e, se nos poñemos fantásticos, poesía visual.
Pregunta.- Do grego "scopos" veñen verbas tan antitéticas como bispo ou microcospio. Que significa iconoscopio?
Resposta.- Un iconoscopio é un aparello electrónico, dos inicios da Tv. En concreto é o elemento que era quen de captar de xeito electronico a imaxe e convertila en impulsos eléctricos. A alma das primeiras cámaras de Tv, aló polos 30-40 do século pasado. http://es.wikipedia.org/wiki/
.- Quen está detrás deste proxecto? De que mundos procededes?
.- DSK (Juan Lesta & Belén Montero). Traballamos en videocreación e audiovisual dende hai anos. Somos socios fundadores da produtora Esferobite. Temos traballado en videoclip, videoarte, etc, etc. Podedes ver máis traballos nosos en http://esferobite.com/dsk e no noso Vimeo http://vimeo.com/esferobite
.- Polo de agora hai cinco vídeos: para os que lean isto e aínda non se pasaran pola vosa web, cal é o concepto para construír esas narracións visuais e musicais?
.- O proceso é o seguinte: Nos aceptamos que calquera músico nos envíe a súa canción dende a nosa web http://iconoscopio.net. De entre as cancións recibidas, seleccionamos aquelas que nos suxiran algo en imaxes, ou que nos gusten máis. Coas cancións seleccionadas facemos un vídeo.
.- Ao botarlle un ollo a Iconoscopio.net véusenos á mente un invento chamado MoodStream que teñen os de Getty Images na súa web http://moodstream.gettyimages.
.- Non. Nós buscamos novas vías de traballo e inspiración en rede. Vimos traballando a partires de músicas dende hai moitos anos, e queremos ampliar o radio de acción e de traballo. Iconoscopio é unha ferramenta de creación e experimentación entre nós e músicos, e un lugar onde ver vídeo alternativo para o público.
.- O primeiro Iconoscopio titúlase Eirasvedras e está rodado nas termas públicas de Chavasqueira, en Ourense: queredes facerlle chiscadelas ao turismo tamén?
.- Para nada. Pero tampocuco dicimos que non. Se a música nos pide ir gravar a un entorno turístico, alá imos, se pide ir gravar imaxes doutro tipo tamén. O que está claro é que este proxecto xorde como plataforma de experimentación, e como tal non lle imos poñer ningún tipo de cortapisa creativa, que é xusto do que fuximos.
Eirasvedras. Iconoscopio #1 from Esferobite-DSK on Vimeo.
.- Con Eirasvedras fixemos unha proba con varios suxeitos, para que o visionasen. Os que quedaron máis encantados foron os nenos: Iconoscopio está dirixido a algún tipo de público en particular? Faládenos algo do músico deste primeiro vídeo...
.- Non apuntamos a ninguén en especial. Nunca hai máis limitación que o tempo e o orzamento para facer un vídeo. Un pode ser bo para nenos e outro para maiores de 18. Coma sempre, o que pida a inspiración manda. Emilio José é un músico excepcional. Xa o coñeciamos do seu anterior disco como Apeiron (fixemos o vídeo de Crepitation). Para nos representa como se debería de entender a identidade galega aplicada ao pop. Cun estilo propio e diferenciador, local ao tempo que universal. Somos fans declarados de Emilio José.
.- O segundo, De Katanga ao Agra, tamén gustou moito, tanto a grandes como a pequenos, por eses momentos "sardiñada", eses churros, esas rosquillas... as romerías gústannos a todos. Mais a bastantes non lles acaeu a música. Vale calquera tipo de música para os vosos iconoscopios? Só hai que enviala e vós argallades o resto?
.- Totalmente. De feito, este xeito de traballar danos a oportunidade de achegarnos a músicas ás que nunca nos achegaríamos normalmente. Flamenco, zarzuela: estamos abertos a probar con todo, aínda que en principio pareza alleo ao noso estilo. Ademais, facendo videoclips comerciais estamos "encasillados" no mundo pop por ter traballado para Astrud, Fangoria ou La Buena Vida, pero tamen fixemos vídeos para Cathy Claret ou Porzack, que son de estilos moi diferentes, entre outros.
.- Tedes o blog aberto a propostas: chegouvos algunha sobre o da contraposición de paisaxes?
.- Non, o tema da paisaxe interésanos moito, sobre todo a galega. Contade, contade...
![]()
Hai unha proposta sobre paisaxe galega que nos parece interesantísima, aquí
.- Pedides só música, temas musicais, de menos de dous minutos. En Barbanza e Noia temos un montón de grupos en activo agora mesmo. Como os podedes convencer de que Iconoscopio é un lugar xenial para darse a coñecer? Ou non queredes funcionar como plataforma de lanzamento de ninguén?
.- En principio non somos unha ferramenta de promoción como tal, polo menos de momento, xa que o proxecto acaba de arrancar, pero tampouco descartamos que Iconoscopio derive cara aí. O que si pode beneficiar a un músico, é dispor dun videoclip co que promocionar a súa música. Se nos gusta a súa canción, e lle facemos un vídeo, poderá usalo para a promoción da banda totalmente de balde. Partimos de que nós nos beneficiamos da súa música e el do noso vídeo.
.- Estamos en plena mudanza de formatos, nun cambio sen precedentes en moitas industrias, a da música, a do cinema, a do vídeo, agora vén a do libro... Como o vedes vós? Por onde credes que irán os tiros?
.- Internet atomiza todo, os mercados van cara aí. Nunca máis se darán estrelas como Michael Jackson ou Madonna, porque o modelo propicia que máis xente poida vivir da súa creación, a costa de que menos xente gañe inxentes cantidades de diñeiro. En canto ao audiovisual: cremos que se tenderá a que as producións sexan máis baratas (falando de cine) pero se poderán ver moito máis e que terán un publico máis selecto. Por outra banda, o usuario final tenderá a non pagar directamente polos contidos ou servizos, sempre a cambio de publicidade e outros xeitos.
.- Dereitos de autor, SGAE, intercambio de arquivos, propiedade intelectual: que ten que cambiar? Hai que aguantar as normas que hai aínda que estean desfasadas ou o máis sensato será intentar que muden, igual que mudaron os tempos?
.- Teñen que mudar, pero tampouco hai que demonizar aos dereitos de autor. As posicións están extremadamente radicalizadas. Nós cremos que hai un termo medio que é o interesante. As entidades de xestión teñen que flexibilizarse se queren seguir tendo sentido, e o usuario ten que acostumarse a utilizar medios lícitos para acceder aos contidos. O problema é que en España é case imposible acceder a través da rede a contidos, se non é a través de redes p2p. E isto acaba practicamente por lexitimar as descargas, que tampouco creo que sexan o problema principal desta falsa crise no mundo da cultura. O único que ten que mudar é o modelo de negocio, e asumir as consecuencias que poida traer o novo modelo.
. - Como vai Fantasy? Algo que contar sobre o terceiro Iconoscopio?
.- Fantasy finalmente será o sexto Iconoscopio. Antes xa sacamos Crk.29, que fala das obras nas que vivimos sumerxidos constantemente. E Watermelon, con música de Gratis! no que experimentamos coa técnica de captura, bloqueo e seguimento de puntos (motion track para os máis cool). A nosa invitación de Nadal foi feita con música de Dio3Stu. De Fantasy publicamos fotos da rodaxe, e animamos aos visitantes a que traten de saber onde se rodou.
Watermelon // Iconoscopio #5 from Esferobite-DSK on Vimeo.
.- Agora autofinaciádesvos: confiades en facer rendible este proxecto? Fixestes estudo de mercado ou algo así?
.- A idea é experimentar novas vías de creación e financiamento. Polo de agora acadamos financiamento de AGADIC para por en marcha o proxecto, e iremos explorando novas vías de financiamento sen excluír ningunha. Non temos feito ningún estudo, cremos que o primeiro será tratar de xerar tráfico no noso blog, e a partires de aí, buscar a financiamento.
.- Tedes algunha anécdota reseñable ao presentar o voso proxecto (intentar explicalo) ou no medio das gravacións dos vídeos?
.- Eirasvedras foi unha rodaxe extremófila, debíamos de estar a 40º ou máis. Buscabamos gravar entre a xente... e así o conseguimos, aínda que algún que outro bañista non daba crédito. Estivemos un día enteiro gravando os bonecos, e cando tivemos que meternos nas pozas a auga estaba tan quente que tiñamos que relevarnos para non perder o coñecemento.
.- De seguro que tedes algo importante que dicir ao respecto de Iconoscopio e non fomos quen de sacárvolo: que é?
.- Simplemente animar a quen queira a enviarnos a súa canción. Que se pase por iconoscopio.net que lea o funcionamento, e nos envíe algo. Ao resto do público, se lle gusta a música e o vídeo alternativo e experimental, en Iconoscopio atopará pezas curtas (dous minutos), cada unha co seu sentido e espírito, e poderá facer un seguimento polo proceso creativo dos vídeos, opinar, suxerir, preguntar, o que queira. Todo será sempre benvido.
Páxina anterior: Entrega_premio_Historia_Galiza_Medieval_2009
Páxina seguinte: Deportes