Homenaxe_Castelao_2010
Presentado de novo o Proxecto de Catalogación universal da obra de Castelao

Roberto Varela, foto de arquivo
(vía Xunta de Galicia) Rianxo, 29 de xaneiro de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asistiu hoxe á presentación do Proxecto de Catalogación universal da obra de Alfonso Rodríguez Castelao, iniciativa común levada a cabo pola Consellería de Cultura e Turismo e a Fundación Castelao. O conselleiro considerou esta iniciativa como “a mellor homenaxe posible a unha das figuras totémicas da cultura do noso país, pois supón a culminación, simbólica, significativa e produtiva, da viaxe de retorno emprendida en 1984, cando os seus restos foron trasladados ó Panteón de Galegos Ilustres”. O acto contou coa presenza do delegado territorial da Xunta de Galicia en A Coruña, Diego Calvo, o presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo, e unha representación das autoridades locais.

Diante do monumento dedicado a Castelao, Roberto Varela reivindicou a universalidade da cultura galega
A labor de recuperación, dixitalización e catalogación do legado de Castelao con máis de 3.000 obras gráficas significa “manter vivo ao artista e permitir que siga xerándose ao seu redor coñecemento e cultura”, explicou o conselleiro.
Tras o acto celebrado no Auditorio Municipal, realizouse unha ofrenda floral diante do busto do escritor. Para Roberto Varela, “este emprazamento simbólico pola relevancia de Castelao dentro e fóra das nosas fronteiras convértese no lugar idóneo para reivindicar, unha vez máis, a universalidade da cultura galega”. O conselleiro avogou por “traballar incansablemente a prol da difusión internacional e a promoción dos nosos autores”. Neste sentido, Roberto Varela asegurou: “o meu compromiso en defensa da nosa cultura é irrenunciable”.
Roberto Varela lembrou o traballo que Castelao realizou durante tres lustros, “por e para Galicia, máis alá das nosas fronteiras, fixo que quedaran pegadas da súa inxente produción artística en cidades tan dispares coma A Habana, Nova York ou Moscova, e, por suposto, en múltiples lugares de Sudamérica”. A dispersión da súa obra responde, segundo Varela, “ás desafortunadas circunstancias históricas que moveron a Castelao ó exilio”, así como, “á súa natural curiosidade polas diversas expresións creativas do seu tempo, ó seu afán de universalizar a nosa cultura sen renunciar ás súas raíces”.
A labor de recuperación, dixitalización e catalogación da obra deste galego universal supón reimportar a Galicia o seu legado, un total de máis de tres mil obras gráficas. Segundo Varela, valorizar o noso patrimonio artístico e histórico significa, “ante todo, mantelo vivo, permitir que siga xerándose ó seu redor coñecemento e cultura”. Roberto Varela definiu a catalogación que se presentou hoxe como “un proxecto en expansión, que constitúe dende xa mesmo unha óptima base de datos, unha ferramenta en rede que axilizará a divulgación da extraordinaria obra de Castelao”. “Era moi importante actuar inmediatamente, evitando que os traballos presentes en coleccións privadas de todo o mundo puidesen perderse co paso do tempo”, engadiu.

A vella web da Fundación Castelao (o superior é un dos debuxos que garda) aínda está así. E a que vai ser a nova, aínda peor
Creacións inéditas
A preparación deste catálogo permitiu xa importantes avances, como descubrimento de obras inéditas, mellor documentación dos orixinais ou datación máis precisa dos traballos. O conselleiro de Cultura e Turismo afirmou que “coñecer mellor a Castelao supón coñecernos un pouco mellor a nós mesmos, a través dun referente ineludible para repensarmos hoxe a cultura galega”.
Doutra banda, Roberto Varela gabou o traballo “aparentemente inabarcable de rastrexar, estudar e rexistrar unha produción a miúdo esquecida en bibliotecas, apartamentos e caixóns de medio mundo” dos responsables da Fundación Castelao, investigadores, bolseiros e todos aqueles que desinteresadamente fixeron posible coa súa entrega esta base de datos.

Hai xusto un ano, a anterior conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, contaba que estaban catalogadas 1.600 pezas dun mostrario de máis de 3.000, aquí
No remate da súa intervención, Roberto Varela recuperou unha prosa “vehemente, apaixonada e certeira do propio Castelao” que afirmaba que ‘a verdadeira tradición non emana do pasado, nin está no presente, nin se albisca no porvir; non é serva do tempo. A tradición é a alma eterna de Galiza. A tradición non é a historia, a tradición é a eternidade’. O conselleiro de Cultura concluíu afirmando que con este catálogo “achegamos un pouco máis a Castelao, á súa obra, ó seu legado e á eternidade que este artista merece”.

Obra en todo o mundo
O Proxecto de Catalogación universal da obra de Alfonso Rodríguez Castelao foi coordinado polo vicepresidente da Fundación Castelao, o historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, e contou cun grupo de cinco especialistas que acudiron tanto a institucións públicas como privadas (en España e en América, que gardan parte da obra do galeguista), hemerotecas xornalísticas e mesmo a particulares na procura da obra inédita.
A dificultade desta iniciativa residiu en que a obra do escritor rianxeiro está integrada por colaboracións literarias, creacións en prosa, textos teatrais, artigos, discurso parlamentarios, cartas, manuscritos, debuxos... repartidos polos lugares nos que foi transcorrendo a súa vida: Galicia, Madrid, Arxentina, Estados Unidos, Cuba, México, Chile ou Venezuela. O traballo presentado reúne case 3.800 entradas. Cada unha das fichas aporta información sobre a localización da obra, reproducións, a súa participación en exposicións, a datación, etc.
------------------------------------------------------------------
Antes, publicamos:
Rianxo: Castelao, homenaxeado de novo, agora polo aniversario do seu nacemento
Avelino Pousa Antelo, á dereita
En Certo sempre nos facemos preguntas que non son doadas de respostar:
Asistirá a familia Baltar á homenaxe? E M. J. Blanco Gey?
Roberto Varela, conselleiro de Cultura, de esguello, e Pedro Piñeiro, alcalde de Rianxo
Por que o conselleiro de Cultura non vai ao acto de presentación do libro de Suso de Toro pola tarde? Será porque Suso de Toro foi un dos once Premios Nacionais que pediu a súa dimisión?
En Certo, en 2007, publicamos:
A Fundación Castelao alóxase nun minipiso

Así o denuncia o xornal "A Peneira", nunha noticia da que nos facemos eco porque atinxe á cultura galega en xeral e á do Barbanza en particular. Castelao era rianxeiro e un dos que promoveu a Fundación que leva o seu nome foi Ramón Martínez López, o boirense que lle da nome á casa da cultura de Boiro e que tamén foi íntimo amigo de Castelao.
Na mesma noticia fala o presidente da Fundación Castelao agora, Avelino Pousa Antelo, un intelectual de 94 anos que se laia do que pasa co legado da figura cultural que máis une aos galegos.
(Engadido de 2010): Coidamos que o asunto segue igual, aínda que descubrir certas historias da nosa "intelectualidade" galega na carta de Juan Ramón Baltar enlea, enzoufa o que podería ser moi meritorio. Iso da acumulación de cargos, de non soltar o posto, por máis honorífico ou simbólico que sexa, non axuda. Esclerotiza, por razóns evidentes, e non falamos só de idades. Cométense os mesmos erros que na política: non é san que unha persoa, por moi válida que sexa, ou por moito que rexa, acumule cargos e tapone a entrada das novas xeracións.
Lea a noticia de 2007 na fonte orixinal: A Peneira Dixital.
Unha biografía de Castelao, na Galipedia.
Agora entendemos como a páxina da Fundación Castelao é tan cativiña. Aquí
Páxina anterior: Postos_de_traballo
Páxina seguinte: A Pobra do Caramiñal