Fun_polo_vento
Fun polo vento, vin polo aire
Hai escasas semanas, no petrucio cumio do Iroite, vixiante esgrevio do Barbanza, o Exército homenaxeou á Virxe de Loreto nun acto relixioso inzado de uniformes e proclamas solemnes, propias das ceremonias militares. A Virxe de Loreto é unha devoción estimada nestas terras, e non só polas Forzas Aéreas.
As razzias corsarias nos séculos XVI e XVII pola ría de Arousa explican o espallamento do culto á Virxe de Loreto. Vista da ría dende o Castro Barbudo
Na estrada á Boiro, na parroquia de Cespón, no cruce do camiño que vai cara á aldea de Valmaior, érguese un cruceiro dos alcumados de capela ou de Loreto. Dende Rianxo até seguindo a costa, hai moitos cruceiros deste estilo, de columna grosa e en lugar de capitel unha capela na que sempre aparece a imaxe da Nosa Señora, como ben estudou, entre outros, Clodio González Pérez. A lenda da Santa Casa foi promocionada coa Contrarreforma no contexto da loita contra o protestantismo a comezos do século XVI. A casa onde se afirma que o arcanxo Gabriel anunciou á Virxe María o nacemento de Xesús atópase na pequena localidade italiana de Loreto. Segundo a lenda, tralas ameazas de certos infieis, os anxos transportaron a casa voando dende Nazaret até Loreto en 1278. Despois da derrota dos protestantes en Centroeuropa en 1620, os católicos promoveron esta lenda e chegaron a construirse 50 réplicas da casa en Bohemia e Moravia. A de Praga, erguida en 1626 a instancias da aristócrata checa católica Katerina Lobkowicz converteuse nun verdadeiro lugar de peregrinaxe até hoxendía.
A relixiosidade popular non xorde da noite dos tempos, senón que obedece a determinados contextos sociais e mentais así como coxunturas históricas.
Polo que parece, esta devoción fomentada pola xerarquía eclesiástica adaptouse á realidade socioeconómica de cada zona da Europa católica. En Galicia concretamente, semella que os máis antigos datan do século XVI, feito que cómpre relacionar coa fundación en 1587 polo Papa Sixto V da Orde da Nosa Señora de Loreto, contra a bandidaxe. Esta zona da Barbanza estaba sempre ameazada por corsarios e piratas, de aí que o culto á Virxe do Loreto tivese unha grande implantación. No Arquivo da catedral de Santiago aínda se conservan documentos sobre levas de veciños da contorna de Santa Baia de Boiro para defenderse da Armada da Reyna de Ynglaterra.
Capela da Nosa Señora de Loreto na parroquia boirense de San Vicenzo de Cespón
O Loreto en Cespón configura un espazo definido polo citado cruceiro e pola capela ubicada á outra beira da estrada. Este edificio remodelado nos anos 90 conta cun campo da festa anexo e cun palco no que se celebra a festa a primeira fin de semana de setembro.
Segundo os nosos informantes, esta capela xa existía de antigo e facía de igrexa para a xente de Valmaior e incluso de Vilariño, xa que o cura párroco daba misa nela.
A Virxe de Loreto conta cunha notable devoción na parroquia de Cespón e constitúe o segundo fito relixioso desa época do ano trala Romaría do San Ramón de Bealo. A capela conta cun propio Coro e sempre, na procesión, a Virxe é levada en ombros por pilotos de aviación ataviados co seu traxe de gala. A viaxe aérea da Virxe dende Nazaret deica Loreto semella boa excusa para nomeala patrona dos pilotos. Un novo caso de actualización dos cultos e das devocións. Fun polo vento e vin polo aire, fun polo aire e vin polo vento... disque.
Máis artigos de Xurxo Ayán en Certo, aquí
Páxina anterior: Xurxo_Ayán
Páxina seguinte: Faranji (Limiar)