Fernando_Fernández_Rego

Compartir

Autor do libro "50 Anos de Pop, Rock e Malditismo na Música Galega"

"Hai que racionalizar o dos dereitos de autor:

neste país fai tempo que a irracionalidade impera neste campo"

"Los Tamara e Andrés do Barro -sen pretendelo- loitaron pola lingua galega dende unha posición privilexiada, sendo supervendas"

"Hai que rescatar o bo destes 50 anos e disfrutar do momento doce que vivimos na música e dos novos que virán"


Fernando F. Rego é de Ferrol

    Logo de anunciala en febreiro, por fin está dispoñible a obra "50 Anos de Pop, Rock e Malditismo na Música Galega", do ferrolán Fernando Fernández Rego, ao que preguntamos polas características deste libro pioneiro na análise do último medio século do pop e rock galegos. Vaise presentar o 11 de xuño en Santiago, e probablemente a xira de presentacións o leve a máis lugares da xeografía galega. Non estaría mal que un lugar fose Noia, xa que o grupo fundado por Prudencio Romo, Los Tamara, marcou un fito, non só en Galicia, senón na música a nivel do estado español. Ademais, non podemos esquecer que a editorial que apostou por este producto é noiesa, Toxosoutos.

    .-  É este libro unha evolución natural do seu traballo en "La Fonoteca" ou xurde doutro xeito?

   .- O libro pode considerarse unha evolución do traballo en Lafonoteca.net sí, pero un traballo orientado: dende un principio encargueime na páxina de reivindicar aos grupos galegos, tanto actuais como pasados e esquecidos. Tamén tivo moito de empeño personal por saldar unha débeda e que vira a luz o primeiro libro en galego que cubre un espectro tan amplo da música pop-rock galega.


Non é o primeiro libro deste autor...

   - De que xeito casou os temas musicais dos cd´s que acompañan á obra? Por que eses grupos e non outros?

    .- Os temas do CD son cesións das discográficas e os grupos participantes. Intentei facer unha escolma do máis representativo da escena galega actual, xa que acceder a grupos antigos -con antigo refirome a grupos do 90 cara atrás- ou de multinacionais era complicado por tema de dereitos e incluso accesibilidade. Por este feito escollín grupos actuais, nese senso estou moi contento por conseguir que estean presentes grupos como Triángulo de Amor Bizarro, Fanny+Alexander ou Emilio José.

   .- Grupos coma Los Tamara fixeron "o que puideron" en plena dictadura: cre que aa música segue a ser un vehículo de protesta e mobilización social aínda en democracia?

    .- Considero que o segue sendo pero doutra forma. O concepto de música reivindicativa na actualidade é algo que perdeu moita esencia. Los Tamara, Andrés do Barro -sen pretendelo- loitaron pola lingua galega dende unha posición privilexiada, sendo supervendas, loitando contra as súas discográficas para facelo. Hoxe en día dende posicións tan altas non se toman estas responsabilidades.

   .- Logo deste medio século que diseccionou e analizou, cres que o mellor está por vir ou xa deixamos atrás a idade dourada do pop-rock en Galicia?

   .- Non me gusta o de que calquera tempo pasado foi mellor. Hai que rescatar o bo destes 50 anos e disfrutar do momento doce que vivimos e esperar os novos que virán. A escena actual con formacións como Triángulo de Amor Bizarro, Franc3s ou Emilio José ao fronte, e outras esperando a súa oportunidade como Carrero Bianco, Disco las Palmeras! ou Belop goza de moi boa saúde.


Rego ten a música como profesión e devoción

   .- Por que non se fixo antes un libro así? A que cre que se debe?

   .- Non o sei a verdade, supoño que porque dá moito traballo -sic-. Non en serio, cónstame que houbo intentos no pasado e incluso libros pioneiros publicados coma o "¿Rock and Grelos?" de Alberto Casal ou o "Rock Bravú" de Xavier Valiño pero estes centráronse en cubrir escenas concretas. Digamos que este é o primeiro de amplo espectro.

   .- Sen que nos faga outro tratado: cales son os seus grupos ou cantantes preferidos neste medio século de música made in Galicia?

   .- Primeiro Andrés do Barro, por suposto. Logo tería que nomear a Siniestro Total, Aerolíneas Federales, Triángulo de Amor Bizarro e Los Contentos. Isto dígoo gañando amigos e algún que outro inimigo. Posiblemente se o fixese noutro momento a lista variaría un pouco. Agora digo que éstes.

   .- O libro vén cun dobre cd: ambos son formatos físicos. Estarán dispoñibles de contado en formato electrónico?

   .- Pois posiblemente pase a formato eléctronico nun futuro próximo. Estamos en conversas para iso.


O ferrolán di que hai que poñer sensatez no dos dereitos de autor

   .- Cada vez que entrevistamos a alguén relacionado coa música facémoslle a mesma pregunta: de que xeito enfoca o asunto dos dereitos de autor? é vostede de San Ramoncín ou cre que a SGAE é unha asociación anacrónica e xeneradora de odio infinito?

   .- Eu, como creador, considero que é fundamental defender os dereitos sobre as creacións tanto musicais coma literarias ou do xénero que sexan. Iso sí, hai que racionalizar este feito, neste país fai tempo que a irracionalidade impera neste campo. Podemos falar de canons absurdos, peche de blogs, impostos abusivos e demáis.... Lucro indecente, que dirían os Sex Pistols, que recae en todas partes menos nos creadores.

   .- Está dirixido o libro a todos os públicos ou é máis ben para melómanos/entendidos no pop-rock? Podería un ser considerado friki se o ven lendo o seu libro?

   .- O libro está enfocado para todos os públicos, é moi doado de ler nese senso. Incluso inclúe un glosario de termos empleados para facilitar a lectura. Con respecto á segunda pregunta, se ven a alguén lendo ou meu libro posiblemente esa persoa reciba loubanzas polo seu bo gusto e incluso ligará máis -risas-.


Quenes ligarán máis, o autor ou os lectores deste novo libro?

   .- Pode que vostede matara porque lle fixéramos unha pregunta que non saíu, sexa pola nosa torpez ou porque aínda non temos o libro: cal é?

   .- Cando se presenta o libro? Pois este venres 11 no Pazo das Musas de Santiago de Compostela as 20:00, coa actuación de Noise Project. Non podes faltar!

   (Nota de Certo: esa pregunta non a fixemos porque xa anunciamos a presentación aquí)

Web de referencia:

 www.lafonoteca.net


Chuza esta nova
Compartir

Chuza esta nova
Publicado: martes 08-jun-10
Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Discos
Páxina seguinte: Webs