Etiopía:_onde_todo_comezou
Actualizado 5 de xuño
"Histórico discurso de Obama no Cairo. As palabras non son inocentes". Así comeza a entrada no blog de Arqueoneixón que Xurxo Ayán lle adica ao discurso no Cairo de Obama, no que fixo promesas ao mundo árabe. Léaa enteira na fonte orixinal, aquí
-------------------------------------------------------
Se vos gusta a literatura e o bo xornalismo, aconsello vivamente a leitura de Emperador, unha crónica de Ryszard Kapuściński sobre o Estado teocrático e feudal gobernado polo negus Haile Selassie (o rastafari adorado en Xamaica), derrocado dúas veces, unha en 1935 pola invasión italiana e a derradeira en 1974 por un golpe de Estado militar que instaurou a dictadura comunista do Därg dirixida por Mengistu Haile Mariam.
Nesa obra entenderedes o que foi a Abisinia tradicional, un mundo que despois tentou achegarse de xeito traumático á Modernidade, primeiro co goberno comunista (reasentamentos, grandes movementos de poboación, guerra endémica) e dende 1991 co rexime autoritario de Meles quen potencia a idea dun renacemento etíope no novo milenio, inzado de nacionalismo esencialista aderezado con guerras (Eritrea) e invasións (Somalia).
Afar, onde todo comezou
"A Arqueoloxía e a Historia escríbense sempre dende o presente.
Tendo en conta esta máxima, resulta doado pensar que hai un treito longo entre a Etiopía oficial e a realidade, unha complexa realidade política, multicultural e multiétnica"
Nesta Etiopía oficial, orgullosa do seu pasado, berce da evolución humana e símbolo da resistencia africanista, calou fondo a mensaxe case mesiánica de Barack Obama, presente en camións de obra, cafeterías, camisetas e hoteis. Comparte protagonismo cos ídolos da Premier League, até o punto de que o parte da radio estatal abre cos resultados do Arsenal, o Liverpool, o Chelsea ou o Arsenal.
Recepción do Bamboo hotel en Asosa (Benishangul Gumuz, Etiopía occidental)
A historiografía tradicional etíope sanciona como obxecto de estudo privilexiado o Paleolítico Inferior (seguindo o camiño marcado no seu día polo achado de Lucy, que ten habitación propia no Museo Nacional), atractivo para moreas de equipas de investigación anglosaxonas que inzan revistas de prestixio como Nature e Science cos seus achados de novos homínidos.
Museo Nacional de Etiopía en Addis Ababa novo homínido e ao fondo retrato do emperador Haile Selassie
Outros temas ben queridos son o xurdimento das primeiras formacións estatais no altiplano etíope e a resistencia dos patriotas á ocupación fascista italiana (1936-1941). A primeira afrenta simbólica de Mussolini á vella Abisinia foi a retirada en 1935 do obelisco de Axum e a súa reinstalación na capital do novo Imperio, Roma.
Aeroporto de Addis Ababa. A volta a casa do obelisco de Axum
Recentemente foi devolto polos italianos e a propaganda oficial viu este feito coma un símbolo do renacemento etíope. Un gran exemplo da manipulación do pasado polos reximes políticos.
A Arqueoloxía e a Historia escríbense sempre dende o presente. Tendo en conta esta máxima, resulta doado pensar que hai un treito longo entre a Etiopía oficial e a realidade, unha complexa realidade política, multicultural e multiétnica. En seguintes entregas amosaremos este abano de xente, cousas e paisaxes coas nosas impresións do noso traballo etnoarqueolóxico en Etiopía occidental entre nuer, akuac, mao, berta, gumuz, gwama... diferentes formas de estar no mundo.
Páxina anterior: Xurxo_Ayán
Páxina seguinte: Faranji (Limiar)