Entrevista_Susana_Moo
Escritora erótica e blogueira
"Claro que é erótica a lingua galega! O que máis me gusta é a retranca, a ironía esa que tanto me fai rir"
"Estar leda recárgame de enerxía: o erotismo é fonte inagotable de felicidade"
"No armario do anonimato estase de vicio"

Susana Moo mantense no anonimato, e isto é o único que amosa da súa anatomía
Se vostedes len Certo a cotío non hai que explicarlles quen é Susana Moo: polos seus textos xa a coñecen. Esta misteriosa muller, autora dun dos blogs eróticos máis vivos da Internet española, cunha pequena sección adicada ao erotismo en galego (aínda que onde se espraia con ansia é aquí nestas páxinas), concédenos unha entrevista porque está de aniversario. Non, non sabemos cantos anos cumpre ela... Nin falta que fai!
.- Cumpristes dous anos de bitácora erótica o 25 de xullo: fainos unha valoración xeral, por favor!
.- Erotómana vai xenial, non deixa de medrar en visitantes fieis e síntome fachendosa deste sitio que alimento con moito mimo.
.- Que leva a unha muller a escribir erotismo? Inflúe algo o xénero, ou iso da igual?
.- Pode que haxa matices diferenciadores na literatura erótica escrita por homes e por mulleres, pero non tantos, ou alomenos con moitas excepcións. O certo é que despóis de tantos séculos de castración da sexualidade feminina, de tantas “bruxas” queimadas nas fogueiras, apetéceme moito falar dos praceres da vaxina, ese órgano tan caralludo que tantas penurias leva pasado, e aínda pasa.
.-No apartado de satisfaccións que che proporciona a túa bitácora, que remarcarías?
.- A sorte de que os meus textos sexan lidos a tempo real, comentados e criticados. É un luxazo. Pero teño que recoñecer que o que máis me gusta é cando alguén me escribe dicíndome que o pasa ben cos meus contos. Non me farto diso!
.- E no lado das decepcións, podes reseñar algunha importante?
.- Ningunha o suficientemente importante como para ser nomeada.
.- A idea das cantigas quentiñas, para recuperar textos eróticos da tradición popular galego, non quedou un pouco estancada?
.- As cantigas galegas son divertidísimas, acuguladas de erotismo irónico, e encantoume facer os contos inspirados nelas, foi unha homenaxe ás cancións que cantabamos na casa cando era nena. Poida que algún día retome a idea. Fáltame tempo para facer todo o que quixera! Eu precisaría dun mecenas que crese nas miñas posibilidades, pero como non o teño, a miña labor literaria vai así, aos tombos. Agora estou teimuda con Crisol Púbico, porque penso que merece a pena, quero finalizalo e, de verdade que me da un choio creativo que nin diola.
.- Hai xente que considera que o galego non vale como linguaxe amorosa, alomenos no eido erótico e sexual. Como rebatirías este pensamento e a que cres que se debe que aínda esteamos así?
.- Non sei quen pode pensar iso, agás alguén que nunca se deitou cun/cunha galegofalante agarimoso/a. Claro que é erótica a lingua galega! De tódolos xeitos o que máis me gusta do galego é a retranca, a ironía esa que tanto me fai rir, que é moi fina, e que atopo ao chou nos vellos e nas vellas, e nalgúns non tan vellos tamén.
.- Mentres algúns blogs se estancan, decaen e mesmo desaparecen, o teu ten unha vida incrible. De onde xorde esa enerxía que lle das Susana?
.- De sempre tiven a tendencia a escorar cara pensamentos terribles: a miña imaxinación voaba rumbo á morte e as súas agonías. Dende que empecei a escribir erotismo xa non: agora matino en cópulas e as súas múltiples posibilidades. Sen dúbida vaime mellor, moito mellor. Imaxinar situación excitantes e divertidas é unha tarefa coa que disfruto. Estar leda recárgame de enerxía, o erotismo é unha fonte inagotable de felicidade.
.- Aos comezos, e aínda agora cos que te descubren como escritora erótica anónima, tiñas moito desconfiado que cría que detrás de Susana Moo había un escritor agochado, un varón. As fotos dos teus pés amañaron esa sospeita ou aínda hai escépticos sobre a túa identidade?
.- Agora non tanto, pero ao principio si era común. Sorpréndeme: son prexuizos, supoño. Pero se somos moitísimas as blogueiras interesadas no erotismo! Estáseme ocurrindo que sería un xogo moi interesante averiguar dada unha narración erótica, se é dun autor ou dunha autora. Estaría ben prantexalo no meu blog, verdade? Que os lectores enviaran un relato e averiguar o xénero do escritor...
.- Ten vantaxes ser anónima, ou tamén lle atopas inconvenientes?
.- Ten moitísimas vantaxes. Falo para adiante, boto por fóra o que me peta, levo a miña vida ao meu xeito – as dúas vidas-. E algún inconveniente tamén: ás veces pérdome cousas, encontros, e outras podo sentirme un pouco soa, e gustaríame amosarlle a algunha xente que aprezo o meu traballo, pero tamén me daría moita vergonza.
.- Agora estás moi liada con Crisol Púbico: dinos en que consiste!
.- Crisol Púbico segue a liña das novelas por fascículos. Para min supón un reto apaixoante. En cada capítulo teño que conseguir narrar unha fantasía erótica e que ademais todas elas vaian collendo forma de conxunto. Non ten porque lerse de principio a fin, pódese empezar por calquera conto e ir enlazándoos de calquera xeito. Ten moitas personaxes porque trato de amosar un crisol de sexualidades de xente de todo tipo, e os lectores poden esquecer personaxes, pero da un poco igual: procuro que cada capítulo sexa un conto en si mesmo. Eu non sei se este proxecto non me quedará un pouco grande aínda, pero aí estou, loitando e disfrutando un montón con el.
.- Algún proxecto na túa mente quente?
.- Moitos, literarios e extraliterarios tamén. Con isto do ano Santo gustaríame facer unha colección de contos -eróticos- centrados no Camiño de Santiago. Xa teño algún no baúl. Tamén me chiflaría facer biografías eróticas de xente. Conseguir dalgún xeito que mulleres xa maiores, ou homes, me contaran as súas vivencias sexuais con todo luxo de detalles- e con sinceridade- e eu narralas despois. Interésame moito cómo viven a súa sexualidade os meus veciños, as miñas comadres, e que é o que teñen dentro dos miolos cando se excitan, iso tamén.
.- Non sabemos nin onde vives, nin en que traballas, nin a túa idade: vasnos ter sempre así? ou doutro xeito: vas saír do armario algún día?
.- Quen sabe o que me depara o futuro. Quen me ía a dicir a min hai dous anos que hoxe estaría aquí respostando a unha entrevista para un xornal? O que sei é que agora mesmo non estou preparada, e non teño ganiñas ningunhas. No armario estase de vicio.
Susana Moo
www.erotomana.es
Los textos en castellano de Susana Moo,aquí
Os artigos en galego, aquí
Publicado: miércoles 28-jul-10
Agregar Comentario