Entrega_premio_Historia_Galiza_Medieval_2009
Suso Vila achegouse ao mito dos Soutomaior na recollida
do premio de Historia Medieval de Galiza 2009 en Muros

Castelo de Soutomaior en Pontevedra Foto: S.V.
Muros, 10 de abril de 2010. Ofrecémoslles o discurso que pronunciou -asegurou que este texto é un guión, que ao falar adoita ser máis espontáneo, o cal lle agradecerá calquera público- Suso Vila, gañador da edición de 2009 dos premios Historia Medieval de Galiza que convocan a editorial noiesa Toxosoutos xunto a varios concellos e as fundacións comarcais.
Discurso do gañador, Suso Vila
En primeiro lugar agradecer ás autoridades municipais aquí presentes, xa que sinalan o apoio á cultura que este acto quere significar, e polo tanto o respaldo para a súa continuidade. Agradezo igualmente ás Fundacións comarcais de Muros e Noia o seu singular esforzo porque este premio de investigación puidese contar cunha nova edición. E finalmente felicito e agradezo o traballo da editorial Toxosoutos por crear e dar continuidade a este premio, e interesarse por unha parte da Historia galega, moitas veces esquecida, como é a nosa Historia Medieval, representada neste senso pola serie Trivium.
Razóns para investigar sobre os Soutomaior
Para comezar a falar do obxeto da investigación que mereceu do xurado o primeiro premio, teño que explicar as motivacións polas que quixen investigar unha familia nobre, importante da nosa Historia Medieval, como foron os Soutomaior. Fica claro que a atracción exercida por esta familia belicosa no imaxinario popular galego era punto suficiente para establecer o arranque da miña curiosidade investigadora, pero tamén agromaban nos meus motivos a constante aparición dos Soutomaior na documentación medieval do sur de Galicia, e a falta de correlación entre os datos que esta documentación aportaban e os traballos e artigos que tiñan aparecido ao longo do tempo sobre os Soutomaior.

Os Soutomaior colleron fama de familia belicosa. Foto: S.V.
Por suposto que o atractivo romántico dos Soutomaior, mitificados como familia violenta, de fortes paixóns e destino tráxico, axudaban e despertaban o interese para tratar de albiscar canto había de realidade e canto de ficción. A imaxe que os Soutomaior teñen proxectado nas mentes da nosa sociedade, foi producto dunha lectura contemporánea da sociedade feudal e non na contextualización dos Soutomaior e por ende do resto da nobreza medieval dentro dun mundo estruturado de diferente xeito ao noso e polo tanto precisada da análise e interpretación que os datos e feitos de cronistas e testemuñas facían do comportamento destes cabaleiros medievais.
Eran violentos os Soutomaior?
Tal e como sinala o profesor Carlos Barros, non podemos falar de violencia gratuita per se. A violencia xustifícase dentro da sociedade medieval mercé a unha estrutura social que se equilibra a través da violencia, polo que cabería dicir que en xeral toda a sociedade medieval era violenta. Os Soutomaior, como parte dese estamento monopolizador da guerra que era a nobreza, tiñan unha posición de forza, xustificada na mentalidade medieval, e polo tanto instrumentalizaban a violencia, case sempre co obxetivo de obter ou manter a súa capacidade económica.
A economía xoga aquí un papel fundamental para comprender os comportamentos dos Soutomaior e do resto da nobreza galega nun mundo medieval que se vai rachando e que obriga á escalada violenta que sufre Galicia no século XV, non dos abusos clásicos entre Soutomaior e os cregos e bispos, ou cos labregos de coutos alleos, tamén co resto da nobreza, en guerras e conflictos de bandos, que sinalaban os intentos da nobreza galega por perpetuar un modelo de sociedade caduco pola irrupción de novas personaxes non convidadas como a burguesía das vilas e cidades galegas.

Os castelos e torres dos Soutomaior estaban entre Muros e o río Miño
Aos cabaleiros en Galicia os identificamos cos castelos, e no imaxinario popular os castelos téñense convertido en símbolo dos excesos, das violencias e dos abusos, personificaban en definitiva o mal. Pero onde se ubicaban os castelos dos Soutomaior? Cal era a súa xeografía? Os castelos sinalaban as áreas de influencia, de dominio, e en moitos casos en áreas de depredación. A xeografía dos Soutomaior ubícase principalmente entre Muros e o río Miño. Na rexión comprendida polas principais rías galegas, os castelos e torres formaban unha cadea á que ficaban sometidos amplos territorios. Soutomaior, Lantaño, Rianxo, Fornelos ou Cotobade, entre outras, exercían o dominio sobre as terras circundantes, aínda que non lles pertencesen e establecían a estratexía económico-política a seguir, tanto de alianzas como de conflictos.
En Galicia, durante a Baixa Idade Media, estableceríanse dúas polas dos Soutomaior, protagonistas ambas da historia galega. A liña principal, con asento no castelo homónimo, e unha liña menor, bastarda que asentará en Lantaño, e que por enlace matrimonial serán señores de Rianxo desde fins do século XIV. Malia a establecerse ou acadar notoriedade dúas liñas da mesma familia, que empregarán apelidos e armas, estas manterían intereses comúns, establecidos nos lazos de parentesco que xogarán un importante papel nos conflictos da terra de Santiago e nas guerras nobiliares desatadas nas últimas décadas do século XV, feito polo que se facía preciso estudar ambas liñas.
Orixes do mito dos Soutomaior
E aquí entramos na orixe do mito dos Soutomaior, con personaxes con amplos ecos como Paio Gómez de Soutomaior, Álvaro Paes, Sueiro Gómez ou o singular Pedro Álvares/Pedro Madruga. A debilidade dinástica castelá, coa notable influencia da nobreza, permitirá o mantemento dunha situación de fragmentación do poder na Galicia do século XV, aproveitado pola lonxanía da corte e da ausencia da aplicación da xustiza rexia, que equilibrase o poder da nobreza territorial galega e impedise a sucesión de abusos aos que con reiteración se sumaban os Soutomaior e o resto dos cabaleiros galegos. Exemplo disto era o señor de Rianxo Paio Gómez de Soutomaior, aproveitándose dos labregos de Noia, tanto na recaudación de determinados tributos como na aplicación de traballos forzosos nas súas propias terras, cando non mantiñan ningún tipo de relación vasalática, xa que Noia, o mesmo que Muros, eran vilas arcebispais. En Muros outro tanto pasaba, porque os señores de Rianxo tiñan feudos no alfoz da vila, concesión dos arcebispos composteláns desde o século XIV para ligar a lealtade destes Soutomaior á mitra compostelá, cousa que provocaría o efecto contrario: a inseguridade que tiñan os Soutomaior, señores de Rianxo, cunha basta lista de feudos da mitra, dependentes, tentaba a animosidade da familia para se mesturar nas guerras da Terra de Santiago contra os arcebispos e librarse así da vasalaxe debida por estos feudos. Os señores de Rianxo se extinguirán de facto a comezos do século XVI, tanto por enlaces matrimoniais que levaron a desarraigar a casa fóra de Galicia, como a perda dos feudos no Barbanza e Salnés por mor do preito lanzado polos arcebispos composteláns contra a deslealtade dos Soutomaior de Lantaño.

Mapa dos dominios dos Soutomaior na súa época de esplendor
Ben outra era a relación da casa matriz. Os Soutomaior e a mitra de Santiago mantiñan outro tipo de intereses. Os Soutomaior dependían menos de Santiago, só algúns feudos e castelos se podían ter en conta, e a vasalaxe dos Soutomaior era para co rei, non para os arcebispos composteláns. Mentres que para os Soutomaior de Lantaño si que detectamos as intrigas e deslealdade, froito dunha mentalidade que procuraba a independencia dos lazos vasaláticos con Santiago, como contrapunto aos enlaces matrimoniais que os señores de Rianxo realizaban con parentes dos arcebispos. Os Soutomaior do sur, procuraban a lealdade cos monarcas casteláns e a mantiñan e mantiveron en esencia malia as lendas e mitos que rodearon á familia.
A lealtade real formaba parte da mentalidade dos Soutomaior, da súa orixe e do seu éxito, acompañado claro está por ese caudillismo que sinala Vasco de Aponte, que facían dos Soutomaior uns cabaleiros valiosos ante os ollos dos monarcas. Un exemplo: Enrique IV apreciaba a Álvaro Paes e a Pedro Madruga, e na documentación conservada observamos precisamente que se desenvolven intrincados movementos políticos, e que os Soutomaior foron pezas da estratexia de Enrique IV no seu xogo de equilibrios nobiliarios, con silencios e con protestas públicas que agochaban unha política de contentamento da nobreza castelá (como o caso dos Pimentel). Doutro xeito sería imposible comprender o éxito, notable, extraordinario de Álvaro Paes, para dominar o sur de Galicia sen que casas nobres máis poderosas económicamente que os Soutomaior, como os Sarmiento e os Pimentel, puidesen facerlle fronte, sufrindo vergonzosas derrotas e tratados humillantes.
Pedro Madruga, o Soutomaior máis famoso no imaxinario romántico popular
Pedro Madruga forma un todo dentro do mito que rodea aos Soutomaior. Malia que son numerosas as personaxes que salientan nas súas fazañas, Pedro Madruga vai posuir ese velo romántico que provocará a mitificación dos Soutomaior. A isto habería que dicir que coa inestimable axuda de Vasco de Aponte, admirador de Pedro Madruga, e principal cronista dos seus feitos.
A forza da personalidade de Pedro Madruga, absorbe de tal xeito, que deglute ao seu propio medio irmán, Álvaro Paes, máis brillante incluso no militar morrendo sen ser derrotado. Álvaro Paes adoptará a Pedro Madruga para que continuase coa liñaxe dos Soutomaior, e será a responsabilidade de conservar esa herdanza de éxitos, o que leve a Pedro Madruga a unha desesperada loita, nunha sucesión de guerras para manter o poder acadado por Álvaro Paes ata 1468, e que por suposto nunca podería gañar. A multiplicación dos inimigos fixo que Pedro Madruga desesperase e entrase na lenda.
Contra os Reis Católicos e a prol de Juana la Beltraneja
A loita de Pedro Madruga contra os Reis Católicos era unha deslealtade? Non, Pedro Madruga apoiaba o bando de Juana la Beltraneja, filla de Enrique IV, e herdeira de Castela. O apoio do monarca portugués Afonso V a Juana, abre o conflicto a outros escenarios e intereses, pero non o afasta da lexitimación dinástica ao que Pedro Madruga se quería sumar, aínda que fose en solitario en Galicia.
A derrota de Juana, tamén suporá o fin do dominio dos Soutomaior sobre unha ampla parte de Galicia. A apertura do capítulo de indemnizacións pola ocupación longa sobre o bispado de Tui, será a fin de Pedro Madruga, inquieto, impaciente ás provocacións dos seus inimigos. Diego de Muros, bispo tudense, sendo víctima e derrotado constantemente no campo de batalla, será o vencedor no ámbito xudicial, cuxas reclamacións provocarían a un desesperado Pedro Madruga, quen prendería a Diego de Muros e o sometería a prisión, pensando en reeditar aqueles feitos do seu irmán Álvaro, que nunha ocasión semellante arrincara do conde de Santa Marta a importante vila de Salvaterra. Desta vez non existían as condicións precisas nin os Reis Católicos querían consentir dun declarado inimigo seu unha acción a un home da súa confianza como era Diego de Muros. Inmediatamente viría a morte de Pedro Madruga, pero non o seu esquecemento, xa que a lenda comezaba a rodar e con ela os seus sucesores que o acompañarían en destinos tráxicos como o seu fillo Álvaro de Soutomaior ou o seu neto Pedro Álvares (V), quen asasinaría a súa nai Inés Enríquez de Monrroy e falsificaría documentos familiares. Este sería o epílogo dos Soutomaior medievais, e a súa fragmentación posterior non permitiría retornar aos vellos tempos de gloria, senón máis ben a intentar mitificalos, cubrindo coa lenda un pasado lonxano e xa non comprensible.
Suso Vila
Jesús Vila Pérez fora tamén finalista en 2008, vexa
Publicado: sábado 10-abr-10
Páxina anterior: Arqueoloxía
Páxina seguinte: Deportes
Agregar Comentario