Don_Limpo
Na propaganda dirixida aos homes amosan unhas loiras pernilongas bastante inútiles, belos floreiros cos que os máis consumistas fan a palla e mercan o coche.

Os homes-reclamo dirixidos ás mulleres sonche máis prácticos: mordomos, criados ou xenios calvos e cachas dispostos a nos limpar a casa.
Encántanme eses cabaleiros e dende logo, merco o limpa-cháns que ofrecen. Os publicistas saben que para nós non chega cun neno bonito co peito desabotoado. Nós precisamos eficacia, potencia e profesionalidade.
Xa sei que semella unha fantasía vulgar polo repetida, pero non por iso deixa de ser caralluda: abres o bote da lixivia e sae un señor estupendo disposto a che axudar no fregado. Un brazo de mar que che deixa a casa como os chorros de ouro.
Ah! Só de pensar nun homiño obediente cos músculos marcadiños, co mandil e os guantes, a catro patas sacándolle pulo ao chan, xa o corpo se me pon ledo!
Eses mozos traballadoriños son os que nos gustan a nós. Despois do choio xa poden darlle ao alalá, pero non antes.
Todos os textos de Susana Moo en Certo, aquí
Páxina anterior: Susana Moo
Páxina seguinte: Susana_Moo_castellano