Deficiente

Compartir

    Non sei que verba empregar para non ofender á xente que lle teña agarimo a alguén coma Sandra. Retrasada, subnormal, deficiente... iso era Sandra maila que no físico non se lle notara en demasía, se non fora polo andar torpeirón, no falar atropellado e nesa expresión que indica a ausencia dun último fervor.

    Extravertida e falangueira, chegou a moza con tendencia namorareira e agarimosa de máis e disque houbo un vello que lle contaba contos para cachear carne fresca, pero seica a auga non chegou ao río porque ela estaba moi vixiada pola súa nai.

    Polas mañás a nena-muller axudaba na casa. E aínda facía, porque era ben guiada e disposta. Polas tardes ía á asociación de minusválidos ao obradoiro de escultura e levábase ben cuns e con outros e todos os coitados dalí piouchaban por ela porque se se lle sabía mirar ela era ben xeitosa e leda, cunhas peitugas que quen llas dera a moita “normal”. Sandra facíase querer porque semellaba conforme co que lle tocara vivir.

    A asociación funcionaba a mar de ben e mesmo facían excursións e viaxiños. Nunha primavera viñeron os da asociación de Barcelona e leváronnos ás Cies, logo pasáronos a Compostela e fixeron un baile e Sandra e Pedro, un síndrome de Down tenro coma un poliño, namoraron coma dous parrulos e choraron ao se despedir. Despois escribíanse cartiñas de amor con corazonciños e bolboretas debuxadas.

    Pedro, de boa familia catalana, veu cos seus pais visitar a Sandra e aquela explosión sexual non deixaba indiferente a ninguén: estaban saídos coma os noivos recentes que eran e o pai de Pedro ensinoulle a pór o condón por se acontecía o que parecía inevitable dada a paixón.

    Pero coido que non chegaron a facelo porque a nai de Sandra tíñaa moi ameazada:

    - Coma alguén che toque a pachocha, mállote o corpo!!, repetíallle de cote, clariña coma a auga da fervenza.

    E agora aínda máis, agora a nai non tiña acougo:

    - Andades os dous da man coma parvos! Andades a facer rir á xente!

    O Pedro tiña que marchar cos seus pais, pero antes de partiren foron falar coa nai de Sandra e propuxéronlle levala con eles.

    - Tenemos un apartamento justo encima de nuestro piso, podemos ayudarles a cuidarse. Si consiente en que Sandra venga, haremos lo posible para que sean felices.

    Pero a nai non consentiu, ca!

    - Esta xente está tola, contáballe ás comadres, queren un pelexo para que lle quente a cama ao fillo!

    Total, que Sandra quedou.

    E Pedro marchou.

    E foron avellentando soíños.

    Nunca máis o amor chamou ás súas portas.

Todas as historias de Susana Moo en Certo, aquí


Compartir

Publicado: jueves 02-abr-09

Agregar Comentario

Agregar Comentario

Su nombre(*):
Comentario(*):
 

Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Susana Moo
Páxina seguinte: Susana_Moo_castellano