Colección_Bourel
Actualizado o 4 de marzo
![]()
Eduardo Estévez e Antonio Piñeiro na presentación en Ferrol
Atopamos unha excelente crónica da presentación de "Os veos da paisaxe" no blog dunha ferrolana, Aldabra. Pode ollar a entrada aquí
O undécimo título dos libros artesanais da Colección Bourel
preséntase na Galería Sargadelos de O Ferrol
Antonio Piñeiro é o ribeirense responsable desta "rareza" bibliográfica da Colección Bourel
O venres 27 de febreiro ás 17:30 na Galería Sargadelos de Ferrol, no marco dunha sesión de obradoiro literario e unha exposición en formato maior das imaxes do libro, verá a súa aparición en papel o poemario “Os veos da paisaxe”, de Eduardo Estevez, en edición artesanal do ribeirense Antonio Piñeiro (nas Series bibliográficas limitadas da Colección Bourel).
Esta edición consta de 80 exemplares cosidos e montados a man, numerados e asinados, cada un dos cales leva 5 fotografías orixinais da serie "os veos da paisaxe", tocando así a Colección Bourel unha das artes que aínda non explorara: a fotografía. A liña artesanal de Bourel inclúe, ademáis da producción de series moi limitadas, a mestura de distintas artes coa literatura, engadindo sempre obra orixinal, da man dos propios artistas, ao corpo do libro.
Na presentación, Antonio Piñeiro exporá en que consiste a edición de libros artesáns, poñendo como exemplo os pasos da confección de “os veos da paisaxe” ata convertilo nun libro obxecto. Ademáis, Eduardo Estevez dará un pequeno recital con textos do libro. Terá como telón de fondo a exposición, nas salas, das fotografías do libro, xunto cunha colección do autor Igor Lugrís, baixo o título “Poemas para ler, poemas para ver”.
Asemade, durante o acto, quedará exposta ao público unha mostra de todos os libros que na Colección Bourel se produciron ata o momento, xunto con diversos complementos (gravados, manuscritos, etc.) correspondentes a distintos autores.
Unha das pezas máis destacadas é o poemario manuscrito colectivo “37 poemas por man propia”, libro pertencente a unha serie de 100 exemplares nos que por primeira vez se compaxinaron os poemas orixinais manuscritos de trinta e sete poetas galegos de todas as xeracións, como Henrique Rabuñal, Xesús Rábade, Xavier Seoane, Salvador García Bodaño, María do Cebreiro, Xosé María Álvarez Cáccamo, Rafa Villar ou Paco Souto, entre outros.
A Colección Bourel ten, nestes momentos, en elaboración outros tres títulos, un dos cales, xa totalmente rematado e agardando pola súa inmediata aparición pública, consiste noutra complexa e fermosa obra combinada: artistas plásticos, músicos e poetas, ata un número de 27 intervintes directos, e máis de 100 indirectos (formando grupos intérpretes), conflúen baixo o título “As voces da musa”, libro artesanal coproducido esta vez pola Colección Bourel e Barbantia, nunha edición de 120 exemplares numerados, asinados e presentados en estoxo de madeira.
Relacionadas: Entrevista a Manuel L. Rodrigues,
poeta noiés que participou nesta colección, aquí
Reportaxe en Cultura Galega sobre Bourel, aquí
Publicado: jueves 26-feb-09
Páxina anterior: Arqueoloxia
Páxina seguinte: Deportes