Carlos_Manuel_Callón

Compartir

Profesor, investigador, escritor e activista cultural de Ribeira

que presenta o libro "Amigos e sodomitas"

"No libro falo de dous procesos de falsificación: o da Historia da Sexualidade e tamén o da Historia de Galicia"

"Nos comezos a Igrexa é vítima desta persecución da sodomía porque a maioría dos seus membros, onte coma hoxe, coxean dese pé"


    Carlos Manuel Callón (Castiñeiras, Ribeira, 1978), máis coñecido como activista a prol da normalización da Lingua Galega polo seu cargo como Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, tamén indaga sobre outros aspectos da cultura e historia galegas. Vén de facelo no seu libro "Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media", que está a presentar por todo o país. Desta volta, Certo pescouno en Foz, na casa da cultura "Poeta Manuel María", onde acudiu por invitación da asociación cultural "A Pomba do Arco". Fíxolle de "padriño" o historiador Xosé Ramón Fernández Pacios. Lanzámoslle unhas preguntas ese venres 23 de setembro, día no que se soubo que A Nosa Terra, que xa só quedaba en versión dixital, botaba o peche definitivamente.

     .- Pedro Díaz e Muño Vandilaz. 1061. Xa choveu! Como estivo tanto tempo agochada esa historia?

    .- Non fun eu, en absoluto, quen descubriu esta historia nin este documento. Xa estaba no Tombo de Celanova, aínda que é certo que hai ben pouco tempo dende que podemos consultalo calquera a través de Internet. Foi grazas á insistencia do Bng no Congreso que conseguimos que esta documentación medieval se dixitalizase, pero xa houbo un investigador estadounidense, un profesor da Universidade de Yale, John Boswell, nos anos 80 do século pasado, que demostrou que a de Pedro Díaz e Muño Vandilaz era unha das primeiras unións que se conservaban documentalmente entre dous homes.

    .- Mais aquí, en Galicia, non é que lle deramos moito bombo a esa historia...

    .- Non, efectivamente, pero tamén porque neste libro, aínda que falo sobre todo da falsificación da Historia da Sexualidade, unha vez que parte sobre todo de documentación galega, tamén fala doutra falsificación e ocultación da Historia de Galiza. Demóstrase o feito de que moita da nosa documentación, ou non está editada, ou é minusvalorada. Por exemplo, agora os galegos, de súpeto, descobren o Códice Calixtino unha vez que o rouben.

    .- Non imos entrar nesa deriva ou ímonos do motivo da entrevista... Na Interviu desta semana precisamente fálase desa perda e solapadamente atribúenlle bulos sexuais ao deán da Catedral.

    .- O curioso é que esa documentación ou é descoñecida ou minusvalorada por parte da sociedade que no seu día a orixinou. Iso explica tamén que descoñezamos capítulos da nosa historia tan interesantes coma este ou documentos que edito no libro onde se fala claramente do reino de Gallaecia e tradúcese ao castelán como "Reino de León". Entón trátase dun proceso de adulteración da Historia que hai que denunciar.


Carlos Callón e o historiador Xosé Ramón Fernández Pacios

 

    .- Vemos que ten moita bibliografía no libro de Anselmo López Carreira, un historiador que está a escavar toda esta falsificación histórica...

    .- Si, non se trata de inventar nada, senón de ver os documentos, lelos, ver que din e analizalos segundo iso. Hai quen intenta facer Historia dende o presente, pensando que se Galiza non é importante agora, non conta tanto, entón no pasado non puido contar. Pero a documentación é moi teimuda, moi terca.

    .- Tamén abordas no libro a importancia da Igrexa en toda esta condena da homosexualidade...

    .- A síntese do libro é que nos primeiros mil anos de Cristianismo non existe pecado de sodomía. Na prédica de Xesús Cristo non existe condena algunha contra a sodomía. Entón intento respostar a iso: como é posible que se durante mil anos non había ese pecado e na prédica de Xesús nunca se falou dese asunto, e por que mesmo agora mesmo no cristianismo a homosexualidade é un dos elementos centrais de persecución. Que ocorre? Na Idade Media muda todo.


Callón vén de tirar do prelo o libro "Como defenderes os teus dereitos lingüísticos"

    .- Entón Afonso X non era tan Sabio? Alomenos neste aspecto?

    .- Temos que coñecer a importancia de Afonso X a nivel cultural, sen dúbida, igual que temos que saber a nivel político como a nobreza galega estaba enfrontada a este rei e non conservamos as cantigas da nobreza que se enfrontaba a el. De feito falo no libro de como un dos líderes galegos é acusado de sodomita para así intentar deslexitimalo.

    .- E non se atopa ningún texto onde este nobre resposte, aínda que se supón que o houbo pero que o eliminaron...

    .- Si, claro, a Igrexa e o poder só conservaron os textos que lles interesaban, modificando a sucesión dos acontecementos para xustificar a súa postura actual. Pero coidado: a Igrexa non é a primeira en perseguir a sodomía. É máis: nos comezos a Igrexa é vítima desta persecución porque a maioría dos seus membros, onte coma hoxe, coxean dese pé. Ao comenzo son os poderes civís empregando argumentos relixiosos. Foi Afonso X o primeiro en emitir dereito rexio, leis, onde se condea a morte por afectos homosexuais.


"O galego está a sufrir dos maiores ataques dos últimos  trinta anos sen lugar a dúbidas. O fundamental é ver se somos capaces  dende a sociedade de reverter estes ataques e facerlles  fronte. De  momento viuse que hai resposta"

 

    .- O paradoxal dese intento de falsificación histórica é que se conservaron textos nos que se satirizaba o que se condenaba, polo que acabamos sabendo que iso que se perseguía existía...

    .- Si, non só se manipularon documentos senón que se eliminaron. Afonso V, por exemplo, deu orde de queimar todo o que tivera que ver cos sodomitas e o seu pecado. Iso está baseado na idea do "pecado nefando", ou sexa, o pecado que nin pode nomearse. Pero iso non quita que, claro, outra documentación máis antiga, como a unión de Pedro e Muño, está aí. Se alguén di que eu estou a manipular a Historia que explique que é o que acontece nese documento, porque outra explicación de momento non hai. Eran amigos e por iso asinaban ese documento? Hai outros exemplos?

    .- Cambio de terzo: en que capítulo estamos coa lingua galega?

    .- Nun punto de encrucillada. As agresións que está a recibir o idioma galego son notorias: hoxe que me estás a facer esta entrevista pecha A Nosa Terra, que logrou resistir incluso no franquismo e non logrou resistir ao goberno de Núñez Feijóo. Iso xa debe darnos para reflexionar. O galego está a sufrir dos maiores ataques dos últimos trinta anos sen lugar a dúbidas. O fundamental é ver se somos capaces dende a sociedade de reverter estes ataques e facerlles fronte. De momento viuse que hai resposta.


    .- Hai esperanza entón?

    .- Eu penso que si. Estes días, e non quero comparar en absoluto, saía que en Tokio manifestáronse entre 20.000 e 50.000 persoas polo desastre de Fukushima. E estamos a falar dunha barbaridade a nivel ecolóxico, humano e todo, a nivel planetario. A min sorprendeume que nunha megalópole como Tokio só se manifestase esa xente: en Galiza manifestámonos moita máis xente en defensa do noso idioma. E insisto: son situacións incomparábeis, mesmo pode parecer frívolo, pero demostra que a sociedade galega está máis activa do que a algún lle podería parecer. Depende de nós.

     .- Como ves os agromos de novos medios independentes de comunicación?

    .- Xa son accionista de "Sermos Galiza". Teño poucas accións, que o meu peto non da para máis. Pero confío en que os que cremos na nosa cultura saquemos iso adiante, poñendo cada un o noso gran de area.

    .- Competencia non ides ter, que están pechando todos, excepto Galicia Confidencial e catro "mataos" como Certo, Crónica 3 e outros portais comarcais...

    .- (Risas). É importante que esteades aí. É fundamental que esteades aí. Porque tamén demostra que se pode continuar. Con dificultades, con todo en contra e o que queirades, pero entre cero e cen, ao mellor non se chega a cen, pero mellor que cero.... A nivel político, cultural e de todo tipo faremos todo o posible para que "Sermos Galiza" saia adiante, porque o precisamos, necesitámolo.

    .- Cando sexa a estrea ides levar algunha orquestra ou vai ser o asunto "demasiado gallego"

    .- (Risas) Teremos que preguntarlle á concelleira de Cultura da Coruña para ver de non pasarnos de galeguidade.

    Máis información, no blogue do propio autor: http://www.carloscallon.com

   

    Recensión do noso colaborador Xurxo Ayán no portal do Consello da Cultura Galega, aquí

    Vídeos da presentación do libro:



Chuza esta nova
Compartir

Chuza esta nova
Publicado: lunes 26-sep-11
Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Discos
Páxina seguinte: Webs