Carlos_Manuel_Callón

Compartir

Ribeirense, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

"Estamos nun panorama de involución co galego:

o máis agresivo nos últimos trinta anos"

"Todos os éxitos para a nosa lingua foron froito da presión social"

Facebook

Callón é un activista cultural e lingüístico que tamén se sumou rápido ás novas tecnoloxías

    Críamos que íamos inventar esta entrevista. A piques estivemos de facer unha nova sección da caste "entrevistas pendentes e inéditas: resolva vostede o cuestionario poñéndose na cachola do entrevistado". Podiamos aplicarlle unha das sentencias máis fatalistas do refraneiro desta terra: "o acordo do galego chega tarde, mal e sen tempo". Mais non: aquí teñen respostado o cuestionario que lle pasamos a este ribeirense que este ano está en toda canta allada hai para defender a lingua galega. O acordo de Callón chega moi en tempo, pois o trebón sobre o galego non ten trazas de parar. Aínda veremos moito a este ribeirense, armado sempre con verbas e pode que cun altofalante.

     Naceu nos Areeiros, parroquia de Castiñeiras. Estudou no Sagrado Corazón e logo no instituto de Coroso. Na Universidade de Santiago, Filoloxía Galega e Portuguesa. Foi concelleiro en Ribeira. Agora é profesor nun instituto de Ribadavia, Ourense. Mais a súa proxección mediática vén como presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, un ente que defende a lingua doutro xeito a como o fai o ente que preside outro ribeirense, a Real Academia Galega.

   .-Un dos últimos lemas da Mesa foi “Galego, columna vertebral”. Pero hai que lembrar estas cousas a estas alturas?

    .- Hai unha ofensiva tremenda para destruír consensos básicos aos que se chegou tras o final da ditadura franquista. Este ataque iniciouse desde poderes fácticos, mediáticos e económicos, aos cales se sumou desde as últimas eleccións autonómicas o novo goberno da Xunta. Estamos nun panorama novo, de involución; o máis agresivo dos últimos 30 anos. Reparemos en que o goberno de Núñez Feijóo é o primeiro de toda a etapa autonómica que anda a patadas coa lingua galega e que ten o desmantelamento da súa oficialidade como un obxectivo.

"Cando se sae á rúa, amais do baño de dignidade que supón a consciencia de non quedarmos parados diante dunha inxustiza, sempre se conseguiu algo"

   .- As manifestacións valen para algo nestes tempos de guerra televisiva e electrónica?

   .- Debemos crer no poder que temos, porque todos os éxitos para a nosa lingua foron froito da presión social. De feito, a pesar do prexuízo, as galegas e os galegos non somos unha nación abúlica no que a mobilizacións di respecto. Cando se sae á rúa, amais do baño de dignidade que supón a consciencia de non quedarmos parados diante dunha inxustiza, sempre se conseguiu algo. Verémolo de novo na manifestación convocada para este 18 de outubro, igual que se puido ver na histórica mobilización do pasado 17 de maio.

    .- Hai uns meses estivo por Galiza Elena Poniatowska, encantada de ser nomeada Escritora Galega Universal e admirada de que os galegos conservemos a nosa lingua, mesmo envexosa, porque as linguas indíxenas de México case esmoreceron todas ante o castelán. Ven de xeito máis claro a situación do galego os de fóra que nós mesmos?

   .- Esta pregunta dáme, en primeiro lugar, para unha reflexión que penso que é importante. A pesar de que a dominación castelá de Galiza comezou moito máis cedo que noutros territorios, nós conseguimos manter a nosa lingua con vida. Excluírona e acurralárona mesmo con violencia física. Sen dúbidas que saíu ferida de todas estas situacións, mais está aí, estamos aquí. Que o galego fose perseguido varios séculos antes que, por exemplo, o catalán, explica tamén as diferenzas sociolingüísticas que hai entre o noso país e os territorios onde se fala esta lingua. Nós non tivemos burguesía nin fidalguía que abandeirase a defensa do idioma, mais aquí estamos a usalo e defendelo, a pesar das dificultades. Nesa liña, demostrarémoslle tamén a Núñez Feijóo que será outro enterrador frustrado da lingua galega.

   Sobre a pregunta en concreto, é certo que se unha persoa chega de fóra sen prexuízos contra o galego, o que fai é asumilo como un idioma máis, un elemento de comunicación, de cohesión social e un patrimonio. Mais sabemos que non sempre é así. As manipulacións ou silenciamentos sobre a nosa realidade lingüística e cultural están á orde do día. Sufrímolas e podémolas constatar mellor “cara a dentro”, mais tamén teñen a súa proxección “cara a fóra”. O reto é fornecer á sociedade galega de chaves de interpretación e comprensión da súa realidade sen falsificacións e proxectar para o mundo a nosa cultura.

"Ribeira non é a excepción, oxalá a houbese, do que está a acontecer nas vilas galegas canto á perda de falantes e da transmisión xeracional da lingua"

   .- Vostede é de Ribeira: como está a situación do galego nesta bisbarra da Barbanza? Segundo Miguel Louzao, vai a peor...

   .- Ribeira non é a excepción, oxalá a houbese, do que está a acontecer nas vilas galegas canto á perda de falantes e da transmisión xeracional da lingua. Nos centros de ensino, entidades que ademais se significaron desde sempre por actuaren como axentes desgaleguizadoras, a tendencia ao abandono da lingua primeira para adoptar o español é moi visíbel; é neste ámbito, ademais, onde o estudantado de hoxe adquire as ferramentas para unha futura interacción social, co perigo de que o galego non é ofrecido como garantía de éxito. Constato tamén que o galego que se utiliza está cada vez máis “furado” pola presión do castelán. Vexo que hai moito falante espontáneo que pasou a dicir “siempre” onde dicía “sempre”, “desayuno” onde dicía “almorzo”, que a “tardiña” ou a “noitiña” perden peso... Manter a lingua tamén é manter a súa calidade expresiva, léxica, sintáctica.


"Se unha persoa chega de fóra sen prexuízos contra o galego, o que fai é asumilo como un idioma máis, un elemento de comunicación, de cohesión social e un patrimonio. Mais sabemos que non sempre é así"

   .- Seguro que sabe algunha razón para que A Mesa Pola Normalización teña que seguir existindo...

   .- Seina, e sábena tamén os máis de 3.500 socios e socias e as persoas que chaman cada día á Liña do Galego (902 10 64 76 ou linhadogalego@amesanl.org) para expresaren algunha queixa derivada do incumprimento dos seus dereitos como falantes da lingua propia do país. O galego está lonxe de estar en posesión da normalidade que lle corresponde, portanto, as súas usuarias e os seus usuarios tamén de poderen vivir en galego. Desde a súa creación, A Mesa traballou sempre para andar camiño cara á plena normalización do idioma; isto quere dicir, que na escola, na rúa, na casa, na administración, no traballo, no comercio… ninguén vaia ser discriminada por mor de usar o galego.

Carlos Manuel Callón na defensa pública do galego, do dereito e do revés, en tódalas posturas

   .- Non todo sexan queixas: déanos algunha esperanza...

   .- A pesar das agresións, hai moitos motivos para a esperanza. E non o digo retoricamente. A batalla non está perdida. Un prestixioso psicanalista galego, Manuel Fernández Blanco, dicía hai pouco que esta política agresiva contra o galego pode supor un punto de inflexión para a súa recuperación, porque pode supor un paso da burocratización á libidinización; isto é, un traxecto desde o galego entendido como un ritual baleiro de contido a un elemento de desexo, de cohesión social. A inmensa maioría dos galegos, falen a lingua que falen, queren que exista con normalidade e que se promova, e saben que non poderá existir Galiza sen o galego.

   A ofensiva galegófoba está a servir para tomar consciencia de que hai que dar pasos prácticos para que o recuperarmos. Na manifestación que hai convocada para o vindeiro 18 de outubro en Santiago veremos que hai moitos motivos para a esperanza.

Webs relacionadas:

Blog de Carlos Manuel Callón:

http://www.carloscallon.com
Mesa pola Normalización Lingüística

http://www.amesanl.org
Fundación Vía Galego
http://www.viagalego.org
Voluntariado de Activación Lingüística
http://www.valingua.org

 

Nova relacionada: "Queremos galego", aquí



Chuza esta nova
Compartir

Chuza esta nova
Publicado: jueves 01-oct-09
Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Discos
Páxina seguinte: Xurxo_Ayán_2