Imprima esta página

Ambientarte


Con motivo do segundo aniversario desta iniciativa (26 de decembro), reproducimos de novo a entrevista que lle fixemos ás responsables:

Isabel Fernández e María Antonia López, fundadoras de Ambientarte:

"A zona de Barbanza ten un patrimonio cultural, arqueolóxico, histórico e natural moi importante. Pode que lle falte un labor de posta en valor"

As socias de Ambientarte
As socias de Ambientarte, María Antonia López Pérez e Isabel Fernández Domínguez


1.- Ambientarte: para quen non oíra falar nunca de vós, como lle resumiríades o que facedes?

Ambientarte é unha empresa que desenvolve iniciativas que contribúen á conservación e difusión dos recursos naturáis e culturais do entorno. O noso traballo creativo baséase na inclusión de todas as persoas, tendo isto en conta xa dende a planificación, polo que deseñamos contemplando medidas específicas que aumentan a accesibilidade comunicativa, física e social.

Traballamos en dúas liñas principais, en Educación Ambiental e Interpretación do Patrimonio e, destas dúas, tamén impartimos cursos de formación.


Actividade "Accede á túa cidade"

2.- Dos proxectos que levastes a cabo ata agora, con cal estades máis satisfeitas? cal foi o máis complexo?

Mmm, difícil pregunta… algo que nos comentaron varias veces é que se nota que nos implicamos nos proxectos, que os emprendemos con ilusión e dedicación, e é certo. No tempo de vida que ten Ambientarte, dous anos, temos a sorte de ter realizado proxectos moi variados e interesantes, dos que temos aprendido moito, a nivel profesional e incluso persoal.


Actividade nun colexio de Bueu, para divulgar a cultura mariñeira

Un proxecto que nos deu moitas satisfacións foi un programa educativo con centros escolares de Bueu, que leva a cabo a Confraría de Pescadores de San Martiño de Bueu, para a divulgación da cultura mariñeira. Íamos ós centros e facíamos unha presentación sobre distintos temas: “Biodiversidade na Ría, “O papel da muller no sector da pesca”…e logo unha dinámica. O programa tivo tanto éxito que este próximo curso se repite. Outro dos que fixemos con máis agarimo é o programa “Accede” co Ayuntamiento de Ponferrada, que consistía, por unha banda, nun programa educativo para achegar o tema da discapacidade ós escolares de 5º de Primaria e, por outra, nunha serie de visitas guiadas interpretativas accesibles no entorno urbano de Ponferrada dirixidas a persoas con e sin discapacidade. A avaliación continua deunos moitas pistas de que estabamos indo por bo camiño e a avaliación final amosou que fora todo un éxito.


Accede á túa cidade, en Ponferrada

O máis complexo, sen dúbida, é o Proxecto do I+D+i de “Análise e avaliación integral dos nívéis de accesibilidade física e comunicativa no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Illas Cíes e Illa de Ons”. É un proxecto moi ambicioso e que implica moitas horas de traballo e moita dedicación. O resultado será obter un protocolo de avaliación dos niveis de accesibilidade nos Espazos Naturais Protexidos, centrándonos no único Parque Nacional que temos en Galicia, o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Partimos da convicción de que todas as personas teñen dereito a disfrutar do Patrimonio, teñan ou non unha discapacidade.


Actividade nos muíños de Folón, en Pontevedra


3.- En Barbanza estase a dar algunha pequena iniciativa para difundir o patrimonio entre os mesmos habitantes dalí, en Boiro ou en Ribeira, por exemplo. Queda aínda moito por facer neste eido? Descoñecemos tanto o que temos ao pé da casa?

En xeral si que hai certo descoñecemento, e sobre todo outorgáselle pouco valor ó que temos “na casa” frente ó que está fóra. A zona de Barbanza ten un patrimonio cultural, arqueolóxico, histórico e natural moi importante. Pode que lle falte un labor de posta en valor, sempre tendo en conta o principal obxectivo, que é a conservación. Para este fin, o ideal é utilizar unha potente ferramenta como é a Interpretación do Patrimonio, coa que traballamos habitualmente en Ambientarte. O persoal de Ambientarte realizamos o único Postgrado existente en España nesta disciplina, a formación máis alta, e constantemente facemos cursos de formación para estar á última.

"Sen Internet sería imposible plantexarse a empresa desta forma"


O radio de traballo de Ambientarte é moi amplo, e estaríamos encantadas de traballar pola zona do Barbanza na posta en valor do seu rico Patrimonio.

4.- Que supón para a vosa empresa Internet?

Neste momento Internet é a nosa oficina e tamén é, por exemplo, o espazo no que nos saúdamos cada día antes de empezar a traballar. As dúas socias de Ambientarte, traballamos a 300 km de distancia, e gracias a Internet traballamos man con man. A nosa empresa é diferente, e sabémolo. Cremos que esta forma de traballo ten algunhas peculiaridades, pero tamén moitos beneficios a nivel profesional, porque o noso radio de acción é maior ó estar implantadas en Galicia e en Castilla y Léon, e tamén a nivel persoal, posto que así cada unha de nós está no lugar que escolleu para vivir e para desenvolver a súa vida persoal. Sen Internet sería imposible plantexarse a empresa desta forma. Ademáis Internet é, como para moitas persoas, un medio de comunicación, un recurso, unha vía para darnos a coñecer, un lugar de encontro…

(...) "ás veces é suficiente a vontade de querer facer e crer que un mundo mellor é posible"


Curso en Tui. O radio de acción de Ambientarte inclúe dúas comunidades autónomas

5.- Temos que aprender dalgunha outra zona de España ou do mundo nas parcelas de educación ambiental e difusión do patrimonio?

No eido da Educación Ambiental, cada vez máis estanse a levar cabo interesantes propostas para vivir dun xeito máis acorde e respectuoso co entorno. Na maioría das veces non se trata de grandes accións nin de grandes orzamentos, ás veces é suficiente a vontade de querer facer e crer que un mundo mellor é posible. Evidentemente hai diferentes ritmos, tanto dentro de España como no resto do mundo, pero en tódolos sitios hai cousas interesantes que aprender e que amosar, tamén aquí en Galicia.

E no campo da Interpretación do Patrimonio, é unha disciplina que, establecida como tal, leva relativamente poucos anos. Comezou nos Estados Unidos, nos Parques Nacionáis, e pasou ó Reino Unido, polo que é normal que nos leven “ventaxa”. En España a Interpretación do Patrimonio foi, e segue sendo aínda que cada vez menos, usada para calqueira cousa, desvirtuouse o término, e agora é difícil para a xente que ten que decidir contar ou non con esos servizos, distinguir entre un traballo baseado nos principios da Interpretación e de calidade, ou outro que só leve o término no título. Ese é parte do noso cabalo de batalla do día a día.


Actividade sobre a accesibilidade na escola

6.- En qué proxectos estades a traballar agora -que se podan contar-?

Estamos a traballar en varios proxectos á vez, como ocorre case sempre no mundo da empresa. Neste momento (setembro de 2008) estamos máis centradas na elaboración de dous materiáis didácticos para os dous ciclos de secundaria, para Castilla y León, e preparando un curso de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, titulado “Introducción á Interpretación do Patrimonio en espazos naturais protexidos” que daremos no Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, durante os días 16 ó 19 de Setembro, no Centro de Recepción de visitantes de O Vilar en Ribeira.

¡Esperemos que dentro de pouco esteamos levando a cabo interesantes proxectos polo Barbanza e volo podamos contar en próximas ocasións!

Webs de referencia:

Web de Ambientarte: www.ambientarte.es

Blog de Ambientarte: http://www.ambientarte-blog.blogspot.com/


Páxina anterior: Reportaxes
Páxina seguinte: Humor_gráfico