A_nai_de_Fito

Compartir

    Hai uns tres anos que o meu fillo Fito vive en Londres e sempre estaba insistindo para que o seu pai e eu foramos alí, pero ao meu home non hai quen o saque da casa. El non quixo ir, pero eu fun a pasar dez diíñas co rapaz.

    O piso grande non é, nin punto de comparación co noso de Ferrol, pero teno ben apañadiño. Londres gustoume moito. Os dous primeiros días Fito pediu vacacións no traballo e levoume ao Buckingham Palace e ao Big Ben. Mesmo fomos a un pub a tomar cervexa. Pero o resto dos días el traballaba e eu apañeime como puiden co meu inglés de principiante e polas mañás saía a pasear e a mercar. A sorte chegou porque atopei un supermercado dun hindú que chapurreaba portugués e co galego aínda podiamos ter conversa.

   Que bo mozo o hindú Shuri! Atento en demasía, tan educado, e tan boas migas fixemos que cando eu entraba na tenda só lle faltaba poñerme a alfombra vermella nos pés. Que guapos son os hindús! Masculinos, ao principio ata me daba apuro mirarlle aos ollos de tan grandes e escuros, coas cellas ergueitas e ese pelo negro e brillante, un home de tamaño coma un mundo e cun sorriso de rapaz. E tíñache un xeito de ollar! Eu non sei como mirarán os hindús, pero o Shuri demorábase ben e sen disimulo ningún, que unha parva non é e eu ben me decatei que me ollaba daquela maneira o corpo todo e que me puña nerviosa cando paraba os ollos no escote da blusa.

    Eu fun riquiña de corpo e de cara, pero agora que vou para os sesenta xa perdín moitísimo, pero seica ao Shuri enchinlle o ollo. Vai ti saber por que! Disque hai homes aos que lles gustan maduras, e o Shuri debe de ser un deses porque moito maior que o Fito non é, trinta como moito.

    Porque eu coquetear non: de que? Non digo que xa despois pintaba os beizos e merquei os aros dourados con pedriñas e o vestido negro que tan boa figura me fai. A coquetería non se perde nunca e me apañaba  porque me facían chiste os sorrisos do hindú e as risas que botabamos co seu portugués e meu inglés. Divertíame pero a miña intención non pasaba daí. O demo de Shuri foi collendo confianzas, non porque eu llas dera, pero a verdade tampouco lle paraba os pés porque alí en Londres todo semella diferente e eu sentíame coma unha rapaza nova.

    É guapísimo Shuri. Ha de ter mulleres a moreas. Con ese corpo moreno. Con eses brazos musculosos. Cheirando sempre limpiño. Coa camisa branca e ben planchada. Que non tiña necesidade ningunha de fixarse en min. Que vai ti saber se non lle dobrarei a idade!

    Eu matinaba que o Shuri mesmo xogaba porque eu lle era clienta nova, pero xa fun caendo da burra cando me collía a man ao darme a volta dos cartos e apalpábame ben  a cintura cando me ensinaba os ingredientes dalgún deses produtos que alí tiña. E xa o tiven clariño cando fixo coma quen que lle cae o paquete e quedou alí no chan mirándome aos xeonllos e acariñándome a perna toda, dende abaixo pero subindo, subindo.

    O que eu menos pensei é que eu puidera reaccionar así, que me lancei ao home coma se tivera fame negra no corpo, que me entrou unha quentura tola que xa non atinaba. Mesmiño fora de control. Coma nas películas: a sacárllela roupa e lambérllelo corpo alí na tenda, que foi el o que me levou á trastenda.

    -Pasa, pasa.

    Non me preguntedes como, pero alí me encontrei espida, deitada nunha cama do cuarto que ten ao fondo da tenda, co Shuri tan agarimoso, tan tenro co seu riso e as súas verbas:

    -Española bonita.

    Que eu non sei como foi que nin o condón puxemos, que o fixemos a pelo. E iso que eu llos mirara nun estante da tenda, ao lado dos tapóns dos oídos. Pero nin conta me din, que a pelo, fixémolo a pelo. Xesús!

Flickr de Armando Caldas

Todos os textos de Susana Moo en Certo, aquí


Compartir

Publicado: miércoles 08-jul-09

Agregar Comentario

Agregar Comentario

Su nombre(*):
Comentario(*):
 

Imprima esta página Menea esta nova Chuza esta nova

Páxina anterior: Susana Moo
Páxina seguinte: Susana_Moo_castellano