A_alegría_dese_día
Sendo estudante non é fácil conectarse a internet. Non porque o trebello do diaño funcione cun carné que nós non temos, senón porque como o orzamento é limitado, aforrar convértese nunha máxima que che leva ata extremos que nunca pensastes que cruzarías.
Cada mañá érgome antes que os meus tres compañeiros de piso, por iso de que se hai moitas liñas enganchadas á rede a conexión vai lentísima, así que, acordamos que o que chegue de último non ten dereito a piratear unha liña allea e que non pagamos.

Pero o madrugón non é o único sacrificio neste aforro en tempos de crise. Logo de andar medio aparvada polo piso, hai que colocarse estratexicamente no lugar idóneo, o que che leva entre cinco e dez minutos. Como o enrutador está pensado para quen o contrata, o sinal faise cada vez máis feble a medida que te arredas, por iso é tan importante pórse xunto enriba de onde está situado no piso de abaixo. Máis ou menos a dez centímetros á dereita do aparador que temos no corredor, e a tres da parede de enfronte.
Pero aínda así, ás veces, cando tes que mandar un traballo de urxencia, ou te esqueciches de avisar a alguén para algunha quedada, ou recibiches un privado polo facebook vital, vaise a conexión, o ordenador ponse parvo e ti quedas incomunicada (rede-socialmente falando) todo o día. E aí, nese preciso momento, é canto te propós con tódalas túas forzas convencer aos teus compañeiros de que, por favor, dunha vez por todas, contratedes internet.

Pero logo, a conexión volve. Coa mesma maxia coa que se marchou. E aínda que sabes perfectamente que a escea de desesperación por non ter internet ha de volver a repetirse engánaste a ti mesma e diste para os teus adentros “maloserá!”.
Pasa o mesmo coa asignación mensual. A día un, cando túa nai ingresa eses miserentos euros que che parecen millóns na túa conta, diste: “Este mes vou ser aforradora e deixar para o que vén”. Pero saes a primeira fin de semana sentíndote importante porque podes pedir copas nos bares e alá che van tódalas ganas de levantar España co teu aforro persoal. E a vivir que son dous días! E despois todo o mes volver chorar.
Ou cando dis que levarás as materias ao día.
Mentira!
E pensaba nestes detalles logo de que unha compañeira me pasase unha foto da miña clase nun xuízo. O devantido recordo tivo a mala sorte de saír borroso e, sendo honesto, para ser un retrato non retrata a ninguén porque saímos todos tan desfigruados… eu en concreto, parece que teño dous mofletes. Pero encántame! Porque reflexa, dalgunha maneira, o sentimento desa tarde na que por primeira vez xogamos a sermos avogados.
E por outro lado, porque non atopo metáfora máis plástica para explicar esta vida. Podes preparar unha foto nunha sesión, podes vestirte coma nunca para o retrato da quenda pertinente, pero ao final, o que verdadeiramente gardarás no peto será esa imaxe desenfocada que condensa toda unha tarde de tranquila alegría.

Fódeme enormemente ter que erguerme cedo para andar en internet, ou estar sempre sen un can, ou andar vinte minutos para aforrar os 70 céntimos do autobús; pero no fondo, cando deixe de facelo, botareino tanto de menos… Coma esa foto borrosa, que non é a mellor nin a máis perfecta, pero si, dende logo, a que mellor reflicte a alegría dese día.
Todos os artigos de Tamara Peña en "Venres caníbal", aquí
Venres caníbal anterior:
Páxina anterior: Venres_caníbal
Páxina seguinte: Manuel_Venator
