A_tía_Casiana
A miña tía Casiana é moi mal falada. Cando era moza eu tíñalle noxo e dábame vergonza allea oíla falar. Agora que semella ser máis vella que o mundo, encántame.
Estes días estivo mala a muller.
- Cómo está hoxe tía?, bérrolle porque ben non oe.
- Ando como a cona! As túas curmáns non me deixan saír da casa.
- E logo.. onde quería ir?
- Eu non valo para estar coa cona descansada.
- Pero muller, vai moito frío para saíres.
- Eu frío non teño desque puxemos a calefacción. Se o finado do teu tío me mirara, moito había de rir ao verme co coño quente!

Miña tía Casiana clasifica os estados de humor segundo estean os xenitais femininos e endexamais usa eufemismos.
Fala Casiana:
- A min gústame ir mercar o peixe a Rianxo. Agora vai a miña neta e as peixeiras fan dela un pandeiro... Esa nena ten a cona de manteiga. Á miña filla non lle podo dicir nada porque anda coa cona revirada e faime calar.
A tía Casiana é unha fungona:
- E a cona seca da Inés non me deixa achegar á cociña.
- É que vostede manda moito!
- Déixate de conachadas, eu non mando nada nin aquí nin acolá.
- Ben que a coidan as miñas primas!
- Ide rascar a cona por ai adiante todas vós! Queredes facer de min unha vella!

Flickr de HBierau
Como lle tire da lingua fálame da veciña que se divorciou, e di que ten a cona de unto, fálame da súa irmá, que non quere xogar á brisca e iso convértea nunha cona encoirada; fala da nora, que non se ergue da mesa para recoller aos domingos e di que anda coa cona cansa.
Se unha moza xa polea, a tía di que lle pinga a cona e se sae de noite á discoteca, di que anda a ensinar a cona por ai adiante.
- Tía, onde lle aprenderon a dicir tantas veces cona?
- Ai, nena! Cala oh! Ti andas sempre coa cona esfameada.
Non lle falta razón á tía.
Máis relatos de Susana Moo para Certo, aquí
Publicado: viernes 26-dic-08
Páxina anterior: Susana Moo
Páxina seguinte: Susana_Moo_castellano
Agregar Comentario