50_anos
Fernando F. Rego lanza coa noiesa Toxosoutos en abril un libro
sobre a escena musical galega do último medio século

O libro, como é case lóxico, virá acompañado dun dobre cd con temas xa míticos da música galega
Noia, 4 de febreiro de 2010. "50 Anos de Pop, Rock e Malditismo Na Música Galega" é o título de libro que o ferrolán Fernando Fernández Rego tirará do prelo da editorial noiesa Toxosoutos este vindeiro mes de abril.
Fernando F. Rego é o administrador da web www.lafonoteca.net., unha potentísima base de datos sobre música española na que hai abondosa documentación tamén sobre a escena galega. Precisamente diso vai esta obra que se lanza en abril: o libro constitúe unha base de datos dos grupos imprescindibles da música galega dende os anos 60 do século pasado, coa súa biografía e discografía comentada. Nesa recopilación participan, ademais do autor, especialistas como Antonio de Los Cafres, Jesús Ordovás (o de Diario Pop), Emilio José, Xavier Valiño e outros.
Sairá á venta cun dobre CD no que se inserirán cancións de Apeiro, Emilio José, Novedades Carminha, Triangulo de Amor Bizarro, Franc3s, Sevigny, The Homens, Quant, Roger de Flor, Niño y Pistola, Maryland, Igloo, Holywater e máis. O deseño do libro está feito por Pablo Portero, ao que xa coñecemos en Certo, e que tamén edita en Toxosoutos un libro en galego sobre o guión.

Fernando Fernández Rego
A primeira edición constará de mil exemplares e o prezo de venta roldará entre os 15 e os 20 euros. Na contra pódese ler este texto, que é un extracto do prólogo de Xavier Valiño e cita de Xosé Manuel Pereiro:
"Por fin ve a luz unha primeira entrega na que se recompila o mellor do pop-rock galego desde a súa alborada.
Desde este momento tócache a ti, lector e, supoñemos, fanático da música: busca, investiga entre as páxinas encadernadas que tes nas mans, remexe entre todo o que o autor rescatou para ti. E, se sentes que despois de ler algún dos parágrafos aquí escritos, tes que escoitar por primeira vez ou recuperar algo do que aquí se fala, entón daremos por bo todo o libro, xa que así eu sempre entendín, e coido que Fernando tamén, o escribiren sobre música como amantes da mesma: transmitir a paixón que esas notas, esas melodías e esas cancións nos deron a nós.
Con que só consigamos inocular ese virus a un ser humano, xa nos damos por satisfeitos. Nese intre, poderemos descansar tranquilos, poñer de novo as gafas de sol e cantar unha vez máis: “Fai un sol de carallo, Galiza caníbal” (Xavier Valiño).
"Se non viviches aqueles momentos e non escoitaches aquela música, este é un libro imprescindible. E se viviches e escoitaches, aínda máis imprescindible. (Xosé Manuel Pereiro)
Quen é Fernando F. Rego?
Nado en Ferrol, en 1979, é licenciado en Química e profesor de ensino secundario. Dende hai uns anos é administrador da web musical La Fonoteca, www.lafonoteca.net, ademais de colaborar con distintos medios tanto dixitais como impresos. O seu campo de batalla tamén abarca á literatura e no 2009 publica a súa primeira novela Desorden (Ediciones Oblicuas), un tratado de existencialismo post punk no que Joy Division se encarga da banda sonora. Un ano despois sae á luz este "50 Anos de Pop, Rock e Malditismo na Música Galega".
Páxina anterior: Entrega_premio_Historia_Galiza_Medieval_2009
Páxina seguinte: Deportes