Ben sabido é que tan importante como o estilo ao cortar o pelo, son os peitos das perruqueiras. Queiramos ou non queiramos, nos fixamos porque quedan á altura dos ollos e cegos non estamos.

   Iso sábeo ben a miña amiga Luísa, lista coma un allo, que puxo perruquería de seu e o negocio funciónalle de mil marabillas.

    Luísa e mailas súas empregadas visten cómodas no traballo: pantalón frouxo de algodón negro, camiseta branca axustada -pero non cinguida- e zocas nos pés. A camiseta leva escote redondo -sen esaxeracións- e o logotipo da empresa no lateral esquerdo.

   A Luísa gústalle atender aos homes que visitan o seu local e faino con amabilidade sucinta.

   - Boas tardes. Pase por favor, sente para lavar o pelo.

    Cada vez máis homes acoden á perruquería de Luísa polo masaxiño que ela ofrece ao enxaboar: calmado, coas xemas dos dedos, un pouco máis firme detrás das orellas, coas palmas na caluga.

   Ao rematar Luísa encara ao cliente do pelo mollado:

   - Xa pode levantar.

   A perruqueira, lista coma un garabullo, coseu no seu suxeitador dous pequenos petiños á altura das mamilas, e cando remata de lavar a cabeza dos homes, discretamente introduce neses petos dous garbanciños repoludos: un no dereito e outro no esquerdo. Dous boliches que lle remarcan o contorno e non lles pasan desapercibidos aos homes cando ela ponse fronte a eles –despois do relaxante masaxe- e dilles:

   - Acompáñame?

   Por outra banda, Luísa fai o seu traballo moi profesional cortando coa tesoira ou navalla e procura non dar conversa. Luísa é formaliña: sorrisos, os xustos e nada de xogar cos olliños, nada que indique desexo sexual salvo esas ostentosas protuberancias que teñen diante das narices os agradecidos clientes.

   Luísa concéntrase no seu, e os garbanciños fan o traballo de resultarlle encantadora aos homes, que marchan asubiando e polo xeral sempre deixan boa propina – aínda que hai de todo-.

Todos os textos de Susana Moo en Certo, aquí