Vieiros convoca “Ferve a rede”, que é unha idea moi divertida: un concurso de microrrelatos eróticos.

O ano pasado gañei o segundo premio, e desfrutei dunha fin de semana na casa do Xiz, en Sexo, Agolada.
Cando chegamos e nos amosaron a habitación caeume a alma aos pés. A miña tolemia levárame a matinar que unha casa nesa parroquia tan sensual, tiña que ter fetiches e galdrumadas para os amantes, tales coma espellos frontais e laterais, luces modulares, aceites...
Pola contra, atopei un cuarto coa cara dun cristo enriba do cabezal coa súa coroa de espiñas dourada superposta nunha cruz prateada e dous anxiños, un tocando a trompeta, outro o laúde. O colchón tampouco prometía moito alalá porque ao sentar nel berraba coma porco en san Martiño e xa nos demos de conta que non era plan. Resignámonos, persignámonos e fomos pasear.
Entón entendín, entendemos: aqueles arboredos, aqueles regatos, aquelas corredoiras! Aquelas leiriñas traballadas, aqueles agros de millo verde, aquelas fontiñas de auga fresca... A primavera fachendosa amosaba obscena os seus órganos reprodutores e aquilo era unha enchenta de intercambios seminais. Mogollón de vida e nin unha ánima humana á vista, nin un coche botando fume, nin un motor facendo brumbrum. De xeito que un pode con toda tranquilidade na parroquia de Sexo, municipio de Agolada, xogar a ser un animaliño máis, xogar a ser unha parella de animaliños en celo con toda a tranquilidade do mundo nun deses prados nos que ben se poderían rodar imaxes do pleistoceno.
E logo Elisa fixo unha cea para chuchar nos dedos, regadiña con bo viño, farturenta, desas para comer e non cuspir. E o capataz Nilo, falangueiro, deunos conversa nun man a man co herbas.
Estivemos ledos por dentro e ledos por fora meu queridiño e mais eu.
Nova en Vieiros, aquí
Bases e premios, aquí
Todos os textos de Susana Moo en Certo, aquí