Os homes e as mulleres que traballan preto da enfermidade ou da morte son os mellores amantes por esa atracción lóxica que existe entre Eros e Tánatos.
Se unha muller busca amante apaixonado que aúne potente pulsión e tenrura romántica debe buscalo nos hospitais ou nas funerarias. Os celadores son magníficos pero os mellores son os guapetóns que contratan as empresas de pompas fúnebres.
Antes, cando alguén morría, eran os homiños da familia os responsables de portar a caixa dende a casa ao camposanto, o que supuña unha manifesta inxustiza e unha tremenda incomodidade dadas as diferenzas de estaturas duns e doutros: os mangallóns soportaban todo o peso e os baixiños camiñaban debaixo do ataúde a velas vir.
Hoxe tal práctica esta “demodé” e resulta moito máis aparente que sexan fornidos mozos os que fagan ese delicado traballo.
Eu non sei quen fai a selección do persoal, pero faino divinamente. Os gañáns son todos altos e bos mozos, co peliño todo engomiñado, coas súas gravatas, símbolo fálico por excelencia, colgando fachendosas dos seus pescozos.

Son oito ou dez, nunca tiven o aquel de contalos, e camiñan acompasados: perna dereita, perna esquerda, con cara de circunstancias.
Os familiares choran, coitados, pero se ti non tes tanta tristura polo finado porque o coñecías pouco ou caíache antipático, e cravas a mirada nun deses mozos, atoparás a febre da súa natureza bulindo, fuxindo da desesperanza que producen os enterros.
Mentres o cura fala e despide ao defuntiño, unha non deixa de observar a eses caramelos entraxetados... gústame soñar que é a min á que portan.
Explícome: o que imaxino é que o ataúde é unha padiola e que os mozos son escravos en taparrabos e que me levan a bañar na Lagoa das Delicias, onde os invitaría a poñerse a remollo conmigo...
Porque en verdade é desolador pensar que a única vez que un fato de mozos me transportarán enriba dos seus ombreiros sexa cando estea fría coma o mármore e sen esperanza algunha de desfrutar dun orgasmo. Aínda que fora pequeniño!

Outros relatos eróticos en Certo de Susana Moo, aquí