Actualizado 6 de xuño

Un lector de Certo pásanos imaxes do Salón Erótico que se celebra na Coruña e do que falou Susana Moo (a continuación). Pode velas no noso álbum de Flickr, aquí
---------------------------------------------------------------------------

A organización de Eros Galicia vén de confirmar a presenza da actriz Cicciolina, un mito do cine erótico internacional. A invitada de honor, ex-deputada de orixe romanés pero arraigada no seu país de adopción, Italia, promete sorprender a todos coa súa habitual animación e sensualidade.
Eros Galicia, que se celebrará no recinto de Expo Coruña, entre o 5 e o 7 de xuño, contará coa presenza e participación de moitos outros artistas, entre eles, os galegos Yara Lamas e David Galant, ademais do director Totó García. Outras grandes actrices que protagonizarán os shows serán Baby Pinup e Anastasia Mayo.
“Un festival deste tipo non só pretende dar a coñecer as últimas novidades do mercado do ocio para adultos senón, tamén, divertir,” asegura David Galant. “É unha feira comercial pero tamén unha auténtica festa, con moitos espectáculos en directo e outras áreas onde os visitantes poden participar activamente.”
E tanto! Segundo o meu parecer, será toda unha festa mirar aos miróns: a moreas contaranse os homes, cada un con cadansúa cámara fotográfica, inmortalizando ese sexo en directo, ese que é tan semellante ao que baixan de internet, pero esta vez aí, fronte as narices. Todo un espectáculo o deses poldros novos e cabalos vellos xogando a paparachis das estrelas do porno. Eles miran, pero ao tempo gravan, acostumados a que a tecnoloxía medie entre a pel e a mirada. Coa cámara se controla mellor a incipiente erección. E será espectáculo para min mirar as parellas remexendo entre vibradores anais y suxeitadores de coiro vermello. E observar ás mulleres, tanto ás desvergonzadas comehomes como ás outras, coloradiñas, porque a exposición do sexo segue a ser traballoso para algunhas (e algúns).

O evento ocupará 6.000 m2 con escenarios para espectáculos en directo, stands comerciais, un restaurante erótico, unha perruquería íntima e, entre outros atractivos, tamén terá unha exposición fotográfica.
O da perruquería íntima gústame porque, ai¡ os traballiños que pasamos ás veces! Pero sobre todo poderemos mercar unha chea de trangalladas destinadas a amenizar a nosa sexualidade -e adornar nosa mesiña de noite-: consoladores vermellos, azuis ou rosiñas, vibradores mariposa con alas de látex, tecno-dildo-remote-control, esferas orientais de silicona... Todo un abano de caralladas para sobreexcitar vaxina, clítoris e ano. Maila que os sexólogos se matan a explicar que o erotismo non radica só nos xenitais, o aparello xenito-urinario manda.
Haberá algún stand adicado á literatura erótica? Noutros festivais deste tipo, desgraciadamente, esqueceron esta póla de pracer que estimula directamente o cerebro, o segundo órgano sensual, se non o primeiro.
Todos os textos de Susana Moo en Certo, aquí