Se quere ter máis información da entrevistada, aquí
Da man de Flickr e o fabuloso grupo "Patrimonio de Galicia" demos coa marinense Beatriz de la Torre Rey. En canto nos decatamos de que, ademais do seu excepcional traballo sobre os hórreos, tiña ligazóns con Noia, non dubidamos en enviarlle un cuestionario.
Castelao cos cruceiros ou Xaquín Lourenzo "Xocas" cos carros e os xugos son exemplos de namorados da súa terra que se adicaron a inventariar elementos do patrimonio galego. Beatriz de la Torre fíxoo, pola súa conta e risco, cos hórreos en cinco anos de percorrido polas vilas, pero sobre todo polas aldeas galegas.
1.- Como preguntaría unha velliña de Noia, Beatriz, e ti de quen vés sendo? Que lembranzas tes da túa nenez en Noia?
Eu veño sendo das “mosquiñas” por parte de nai e “de la torre” por parte de pai. En canto ás lembranzas, sonche todas. O colexio da Milagrosa e as miñas compañeiras e amigas, os xogos arredor de Felipe de Castro, os paseos pola alameda, as tardes de cine no Coliseo Noela e tantos e tantos outros.
2.- Voltas a Noia para algo? Vacacións quizais? Se vives en Compostela, agora estás a un paso...
Con moita frecuencia: para ir á casa da miña irmán o de paso para as praias, tamén cando me apetece tomar un café nas terrazas da alameda.
Beatriz de la Torre cun fermoso hórreo radicado en Barcela, Arbo (o das lampreas), en Pontevedra
3.- Hórreos de Galicia: de onde xurdiu o teu interese para facer este fenomenal estudio? é unha casualidade que haxa un estilo Noia de hórreos e que ti viviras nesta vila?
Foi no momento de que me decatei que non todos eran iguais, comenteino tantas veces con Fernando que un día díxome “adiante”, aquí tes unha axenda, un metro, un bolígrafo e eu poño a cámara e o coche, e así empezou todo. E comezou a “caza do hórreo”. En canto ao do estilo Noia: Non ten nada que ver, ese estilo xa existía fai moitos anos. Pero si estou orgullosísima de que os nosos antepasados construíran hórreos con estilo propio. ¡E que hórreos!
4.- Seguistes algún método para clasificar, catalogar e analizar os hórreos?
Cando comecei o traballo consultei moitos libros sobre o tema, pero eu quería facer algo diferente, quería que todo o mundo poidese ver tódalas nosas marabillas e que souberan ONDE ESTABAN, canto medían, e que forman tiñan. De aí que este traballo sexa máis unha GUÍA, que un estudio profundo dos hórreos.
5.- Cal é teu hórreo mimado, o dos teus amores?
É un de estilo Fisterra, moi pequeno e moi rústico.
6.- E o máis espectacular?
É o de Carnota. O seu entorno, ca igrexa e o pombal fai resaltar a súa estrutura.
O hórreo máis espectacular é o de Carnota, pero o máis longo é o do Araño (Rianxo)
7.- En Carnota andan a voltas aínda con que se o seu é máis grande que o do Araño. Nós sabémolo (temos incluso un vídeo en YouTube onde o aclaramos, aquí), pero como ti es a experta: dillo ao mundo!
O máis longo é o de Araño. Ten uns centímetros máis que o de Lira e case dos metros máis que o de Carnota.

Hórreo de Araño, en Rianxo, o máis longo de Galicia
8.- En xeral como ves a conservación dos hórreos en Barbanza e Noia? e en Galicia?
Os hórreos de estilo “Noia” son moi doados de conservar, só hai que coidar o tellado o demais consérvase só. Os que están desaparecendo son os feitos de madeira porque precisan moitas reparacións e éstas son caras pola clase de madeira.
De la Torre explica que os hórreos máis complexos de conservar son os de madeira
9.- Nós, que admiramos estas construccións, fixámonos moito nos novos usos que lle están a dar algúns paisanos (como habitación, como mirador, como cociña supletoria, etcétera): que opinas destes cambios? ou cres que non se deberían trocar os usos dos hórreos?
Ultimamente vóltase a ter millo nos hórreos e sempre que conserven a súa estrutura o seu uso pode ser moi diferente sexa para tendereiro de roupa, mirador, invernadoiro...
"O de Araño, Lira, Carnota, Vilaboa, Pontes Do Porto, Poio, son hórreos que hai que ver antes de morrer"
10.- En Galicia hai mil e un roteiros (dende o máis famoso, o dos Camiños de Santiago, ata o do Entroido, e outros culturais e gastronómicos): hai feito un sobre hórreos? que propoñerías ti? (é para que nos digas hórreos que hai que ver antes de morrer, por exemplo)
A min paréceme fantástico que se fagan rutas de hórreos, porque iso lévanos a coñecer tódolos recunchos de Galicia. Os roteiros son sinxelos de facer, cada ruta un estilo. Que hórreos ver antes de morrer? O de Araño, Lira, Carnota, Vilaboa, Pontes Do Porto, Poio...
11.- Lemos que tamén coleccionas minerais: cantos tes?
Teño moitísimos, case todos recollidos por min en Galicia, outros son regalos de amigos.
12.- Estas afeccións túas, contáxianse? tes xente que continúe con elas?
Ambas afeccións contáxianse: os meus amigos xa din que antes non vian os hórreos porque sempre estiveran alí e agora ven eses e moitos máis, e cos minerais pasa o mesmo.
13.- Como te levas con internet? é unha boa ferramenta para divulgar o patrimonio?
É unha das mellores formas porque as persoas que non teñen tempo ou posibilidades de velos e admiralos poden usar internet. E grazas á Rede eu puiden amosar o meu traballo ao mundo.

14.- Os muíños eran lugares recoñecidos para namorarse e mocear: cóntanos algunha anécdota sabrosa dos hórreos que non saibamos...
Os hórreos sempre foron lugar tertulia. Como anécdota: eran dous irmáns que herdaron dos seus pais unha leira e un hórreo. A un deles tocoulle o hórreo e a metade do terreo, a metade do hórreo estaba no terreo que lle tocou o seu irmán. Entón tivo que reconstruír o hórreo e quedou un hórreo en forma de “L” ou tamén chamado en ángulo recto.
15.- Finalmente: pódese colaborar na web horreosdegalicia.com? ides ampliala? poñer vídeos? meterlle arquivos klm de Google Earth para situar cada hórreo?
Horreosdegalicia.com está aberta para que todo o mundo poda deixar a súa opinión. Si, vamos aumentala pero pouco a pouco, xa que só está aí parte do traballo. Sobre os vídeos: aínda non o pensamos.

Web de referencia:
Relacionado: Hai un traballo de Domingo Regueira,
referido a hórreos de Barbanza, aquí