Profesor e documentalista autodidacta, autor de "Esta noite, velada"


"Comezou como obra de encargo, pero fíxose persoal

ao implicarme emocionalmente con ela"

"Gústanme as historias mínimas contadas por xente común e anónima"



Imaxe de Antón Caeiro na Axencia Audiovisual Galega

    Que "Airiños" (Asados, Rianxo) cumpría 75 anos en 2008 sabíamolo dende que nolo contou o seu director, o rianxeiro, tamén de Asados, Xesús Santos, cando o entrevistamos. Mais non tiñamos idea de que buscaran a un realizador de documentais para montar "Esta noite, velada". Logo de buscar, aquí e acolá, demos con el. Pasámoslle un cuestionario sobre o asunto e velaquí o resultado:


    .- Que xente ou sucedidos o levaron a contactar co grupo de teatro "Airiños"?
 
     .- Bueno, en realidade eles contactaron conmigo. Especialmente porque tíñamos un coñecido común: Carlos Gey. Podemos dicir que é unha obra de encargo pero que, co paso do tempo, foise facendo unha obra mais de tipo personal ao implicarme emocionalmente con ela.


Obra coa que Airiños se estreou en 1933 en Asados, Rianxo

    .- Di a canción que "20 anos non son nada", pero 75 dan para moito: como se chega a sintetizar tanta historia nun documental? Cales son as prioridades?

    .- Iso nunca o souben. Como tampouco nunca cheguei a comprender como a Historia da Humanidade pode sintetizarse nun libro de texto. Cando falaba cos meus alumnos do instituto Eduardo Pondal de Santiago sempre lles dicía: "O primeiro, o guión". Eu, sen embargo, tódolos meus documentais comeceinos sen guión previo. Indagando coa propia cámara a través, moitas veces, do descoñecemento máis absoluto. Logo virán as visións e revisións de todo o que gravei (e incluso dareime conta do que non gravei e debería telo feito, pero ás veces a ignorancia e as gañas de coñecer son os meus mellores aliados) e aí dará comezo a verdadeira historia.

 
Os de "Airiños" montando no Elma de A Pobra a súa función


    .- Que supón para un documentalista galego gravar e poñerse a falar con xente que tratou a Manoel Antonio, Rafael Dieste, Castelao e outros persoeiros galegos como Alexandre Bóveda?
 
     .- A verdade é que non sinto nada especial. A min gústanme as historias mínimas contadas por xente común e anónima. Os grandes persoeiros deixollos para outros/as. Polo tanto, o contacto cos grandes prebostes culturais non me di nada. Quizais porque sexa un ignorante e me guste transmitir sentimentos e sensacións máis que grandes fazañas históricas cheas de frases grandilocuentes. Vamos, un aburrimento!


Xesús Santos, director e actor de "Airiños". Entrevistámolo aquí

    .- Cando foi da estrea de "A memoria nos tempos do wolfram" en Flocos.tv recomendámola e mesmo a puxemos no noso xornal. Botamos de menos que fixera algo sobre as minas de San Finx de Lousame, que temos aquí como lembranza daquela época. Non puido abarcar tanto?

    .- O documental A Memoria nos tempos do wolfram naceu, nun principio, a partires dun traballo anterior: Aillados. Foi durante a investigación da segunda versión do documental, que desde o seu inicio en 1986 tivo catro versións: a definitiva data de 2001. As outras son de 1988, 1991 e 1995. Comezamos a esculcar nos arquivos das cadeas de Pontevedra (A Parda) e Vigo. Froito daquel traballo foi o libro do mesmo nome que o documental. Nun momento da precura de datos no arquivo de Vigo atopamos unha carpeta pertencete a "Silleda". Dentro estaban os expedentes de varios presos das minas de Fontao en Vila de Cruces. En principio non lle demos moita importancia. Logo, anos despois, cando estaba buscando material para un novo traballo volveume esta carpeta á cabeza. Non tiña ningún dato sobre a mina, nin onde estaba, nin que puñetas era o volframio. Comezaron as indagacións e pouco a pouco funme centrando nesta historia que me levou tres anos acabar.

    O eixo central estaba en Fontao por ter dous elementos esenciais, minería e presos. Ampliamos a Casaio, en Ourense, por ter un esquema parecido e gravamos entrevistas nas minas de Santa Comba para completar as provincias galegas con minas de wolfram. Pero das 11 persoas que gravamos nesta última poboación (todas no mesmo lugar da mina) só nos quedamos cunha que gravamos media hora despois de tódalas anteriores, coa persoa que non falara nada na gravación anterior. Pero é que cando se apagou a cámara contoume as historias máis interesantes. E iso era o que me interesaba, a historia persoal, dun, non recordada e a poder ser sen moitos nomes que teña que lembrar. Simple pero directa. Como sempre dixen, o wolfram é o único que non interesa da historia. É o que dispara a historia, logo o fume do disparo disípase e pasamos a narrar os efectos dese tiro, que son máis interesantes e duradeiros. Desgraciadamente, como sempre, quedáronnos moitas cousas atrás. Pero que lle vamos a facer! É o que hai.

"Procuro que a xente conte a súa Historia, sexa esta histórica ou non. Aínda que para contarnos as historias daquelas datas temos o problema de que só contamos con rapaces que hoxe teñen oitenta anos"

    .- A chamada "Memoria histórica" estase a centrar moito na etapa franquista. Nembargantes, aquí en Nebra (Porto do Son) están a recordar cunha homenaxe os tráxicos sucesos de Cans, de 1916. Vostede, como documentalista de longa traxectoria, cre que isto obedece a unha moda ou é resposta a unha necesidade de saber o que nos agocharon durante a ditadura e boa parte da transición?

   .- Non o sei. Eu realmente fago documentais de Historia Oral. O acuñamento Memoria Histórica é algo recente, o outro é de toda a vida, é a forma de transmisión da historia dos nosos antergos. É histórica? Qui lo sa! Procuro que a xente conte a súa Historia, sexa esta histórica ou non. Aínda que para contarnos as historias daquelas datas temos o problema de que só contamos con rapaces (que hoxe teñen oitenta anos) e sabemos que, a pesares de que un rapaz daqueles anos non ten nada que ver cun rapaz de hoxe, a súa visión do mundo non deixa de ser a de un neno. A Guerra da Independencia (a día de hoxe non sei de quen nos estábamos a independizar) estase a celebrar con numerosos actos en moitas poboacións de Galicia e España. Iso é memoria histórica. Festas da Istoria hai en diversas poboacións: iso non é tamén memoria histórica?


    .- Vostede é autodidacta: como xurdiu a súa vocación? Algún consello para os novos realizadores?

    .- Eu comencei de moi pequeno nisto da imaxe. Ainda gardaba ata fai pouco tempo libros de texto de cando tiña nove anos onde tiña os marxes dibuxos secuenciados para facer, ao pasalos rapidamente, dibuxos animados. Cando os meus amigos facían un monigote andando, eu adicábame a facer as cabeceiras: Caeirofilms. Logo, con quince, os reises magos, a quenes lles teño que agradecer eternamente, trouxéronme unha cámara de Súper 8. E iso que facia como sete anos que non viñan pola nosa casa. Debían de estar aforrando para tal dispendio. A partires de aí todo foi tirar para diante. Ainda que ás veces vaias para atrás.

     Consellos? O mellor é non dalos, aínda que se teño que dicir algo diría que collan a cámara e que lle dean ao botón de rec. E a xogar! Pero, por favor, que non vexan os vídeos en Youtube: que vexan boas películas das que poden aprender algo e que recorden sempre que Lars von Trier antes de facer Os idiotas fixo O elemento do crime, Europa ou Rompendo as ondas.


    .- Cóntenos en que proxectos está a traballar agora...

    .- Dentro de pouco retomarei un dos dous documentais que teño parados, "Arde Madrid". Seguimos nos anos da Guerra Civil e nunha poboación sitiada, Madrid. Nela un grupo de nenos vai contándonos as súas vivencias durante eses tres anos. Nela teño a derradeira entrevista realizada por Haro Tecglen falando da súa nenez. Este proxecto levaba un tempo parado debido a súa falta de liquidez pero ésta parece que vai chegar de forma oportuna. Pero o que realmente estou a desenvolver, xunto a Margarita Teijeiro e o Concello de Vilagarcía de Arousa é o proxecto O Faiado da Memoria (coñecido a nivel oficial como Arquivo Social da Memoria de Vilagarcía). Nel estamos a descubrir un inmenso fondo fotográfico, audiovisual, sonoro e documental da capital do Salnés. Unha pequena mostra deste traballo, no que hai depositadas 1.800 fotografías e vídeos é o blog de O Faiado en www.blogoteca.com/ofaiadodamemoria

    .- Audiovisual galego: está en boa forma, en boas mans?

    .- Unhas análises de vez en cando sería bo que fixesen. Eu coido que o colesterol e os triglicéridos están altos.

Webs relacionadas:

Blog de Antón Caeiro:

http://www.blogoteca.com/buxo

Proxecto "O Faiado da Memoria"

www.blogoteca.co/ofaiadodamemoria